Romano, Imperio

Romano, Imperio

Período da historia romana que se inicia despois das guerras civís e dos triunviratos. Foi unha fórmula de goberno concibida por Caio Xulio César, e inaugurouna Octavio Augusto. A institución descansa sobre dous feitos: a concentración das dignidades e dos poderes republicanos, políticos e relixiosos nas mans dun só home, e a creación de novos órganos da administración dimanados só del. Adóitase dividir en dous grandes períodos: o principado ou Alto Imperio, respectuoso, ata certo punto, coas institucións republicanas; e o dominado ou Baixo Imperio, de carácter militarista e absolutista, a partir de Diocleciano. O s III que os separa foi un século de transición. O primeiro período comeza coa etapa dos doce césares (27 a C-96 d C), que pertencen, agás dun período de crise, a dúas dinastías, a xulio-claudia (27 a C-68 d C) e a flavia (69-96). Augusto (27 a C-14 d C), restaurador da relixión e creador dunha sociedade xerarquizada e dun novo exército, esforzouse, en primeiro lugar, en asegurar as fronteiras. Os seus sucesores na dinastía xulio-claudia (Tiberio, Calígula, Claudio e Nerón) continuaron as guerras en Xermania e en Oriente contra os partos e enriqueceron o imperio con Britania, pero deshonraron, en conxunto, o poder con todo tipo de crueldades. A dinastía flavia, encabezada por Vespasiano (69-79), endereitou a economía e fomentou a presenza dos provincianos no exército, pero viuse obrigada a dar guerra aos xermanos, os dacios e os xudeus. O seu fillo e sucesor Tito (79-81) inaugurou o Coliseo (80) e tivo un goberno pacífico pero o seu irmán e sucesor, Domiciano (81-96), desencadeou novamente o terror e foi asasinado. O imperio acadou o seu apoxeo no chamado século dos Antoninos. Traxano (98-117), administrador escrupuloso e primeiro emperador provinciano, acabou a evolución que tendía a integrar os provincianos dentro do estado romano: desde entón e durante o s II o 40% dos senadores procederon das provincias. Isto correspondía co momento da máxima extensión do imperio grazas ás campañas alén do Danubio, á redución de Dacia a unha provincia, e á conquista da Arabia Petria, de Armenia e de Mesopotamia. O seu sucesor, Adriano (117-138), sensible aos particularismos provincianos e os costumes helénicos, puido limitarse a asegurar as fronteiras do imperio con liñas fortificadas (o limes). Viñeron, deseguida, os reinados tranquilos de Antonino Pío (138-161) e de Marco Aurelio (161-180). O seu fillo e sucesor, Lucio Aurelio Comodo (180-192) morreu estrangulado. Comezaba a longa crise (192-284) do s III, durante a que o imperio se atopou a mercé da soldadesca. Debilitouse e abundaron as invasións, xa difíciles de reprimir. Despois dos efémeros reinados de Pertinax e de Didio Xián (193), impúxose a dinastía dos Severos con Setimio Severo (193-211), bo administrador e vencedor dos partos; o seu fillo e sucesor, Caracalla (211-217), outorgou a cidadanía a todos os habitantes libres do imperio. Despois de Alexandre Severo (222-235), abriuse unha etapa de anarquía militar e de perigos exteriores, que durou 35 anos. O ilirio Aureliano (270-275), bo guerreiro e administrador, restableceu a disciplina e a unidade, pero tivo que evacuar Dacia e morreu asasinado. Cando todo semellaba desfeito, outro emperador ilirio Diocleciano (284-305), deu de súpeto ao imperio o carácter dunha monarquía oriental absolutista. Ao mesmo tempo aumentou o poder de fiscalización económica do estado e o seu poder de hexemonía relixiosa, cunha persecución sistemática dos cristiáns. Diocleciano dividiu territorialmente o imperio en dous gobernos iguais, confiados a dos augustos, asistidos cada un deles por un césar. Pero tivo que abdicar e puido ver, en vida (morreu en 313), o fracaso do sistema. Constantino I (307-337), liberado dos seus competidores, permaneceu como único emperador a partir de 323, grazas ao apoio dos cristiáns. Decretou mediante o Edito de Milán (313) a liberdade de todos os cultos, convocou o Concilio I de Nicea (325) e converteu Bizancio, baixo o nome de Constantinopla, en capital. Pero, ao morrer, dividiu o imperio entre os seus fillos, Constantino II (337-340), Constancio II (337-361) e Constante I (337-350), e só contribuíu a provocar novas guerras. Cando se proclamou emperador Valentiniano I (364-375), asociouse co seu irmán Valente (364-378) en Oriente. Á morte de Valentiniano, Occidente foi repartido entre os seus dous fillos: Graciano (367-383) quedou coas Galias, Hispania e Britania, e Valentinia-no II (375-392), con Italia, Iliria e África. Mentres, o xeneral Teodosio I (379-395) foi nomeado emperador de Oriente por Graciano e guerreou vitoriosamente contra os visigodos e acabou sendo o último en reinar el só todo o imperio. Convencido de que o imperio era un peso demasiado pesado para un só emperador, repartiuno entre os seus fillos: Arcadio (395-408) obtivo Oriente, e Honorio (395-423), Occidente e, desta vez, o desmembramento foi definitivo. A decadencia acentuouse rapidamente no mundo occidental. Agraváronse as grandes invasións: os vándalos, os alanos e os suevos apropiáronse de Hispania co consentimento de Honorio (406); Alarico apoderouse de Roma por terra (410); os visigodos fundaron o Reino de Tolosa, mentres que o imperio perdeu Britania (414). Durante o reinado de Valentiniano III (425-455) o derrubamento precipitouse: os vándalos fundaron un reino en África e produciuse a invasión de Atila e dos hunos. Finalmente, en 476, Odoacro, rei dos herulos, destronou o derradeiro Emperador Rómulo Augústulo, apoderouse de Roma e fíxose coroar rei de Italia. O Imperio Romano de Occidente extinguiuse desta maneira pero o Imperio Romano de Oriente ou Imperio Bizantino, durou ata 1453 (caída de Constantinopla) e 1461 (fin do Imperio de Trebisonda).