Romanov
Familia que deu nome a unha dinastía que reinou en Rusia desde 1613 ata a Revolución Rusa en 1917. O xefe da liñaxe foi Andrej Ivanovič Kobyla ou Kambila, un boiardo moscovita do reinado do gran príncipe Iván I de Moscova (1304?-1341). O seu bisneto Zakharija foi avó de Roman Jurevič (?-1543), e os descendentes deste apelidáronse Romanov. A filla de Roman, Anastasia Romanov (?-1560), foi a primeira muller do Tsar Iván IV de Rusia e irmá de Nikita Romanov (?-1585), que foi presidente do Consello de Rexencia do Tsar Teodoro I. En 1613 o seu neto Mikhail F’odorovic Romanov foi elixido tsar co nome de Miguel III de Rusia. Este foi sucedido polo seu fillo Aleixo I de Rusia , e este polo seu fillo Teodoro II de Rusia , cuxa morte provocou as disputas do trono dos seus fillos, Iván e Pedro. Unha asemblea nacional, o Zemskij sobor, elixiu a Pedro I de Rusia como novo tsar, pero Iván V de Rusia , co apoio dos strelcy (un corpo militar), organizou unha revolución de palacio, e ambos os dous irmáns subiron ao trono (1682). Os sucesores de Pedro I foron a súa muller, Catarina I de Rusia , Pedro II de Rusia (neto de Pedro I), Ana I de Rusia (filla de Iván I) e Isabel I de Rusia (filla de Pedro I), que foi a derradeira Romanov directa. Tras a morte desta iniciouse a dinastía dos Romanov-Holstein-Gottorp , con Pedro III de Rusia (neto por liña materna de Pedro I), que foi continuada pola súa muller Catarina II de Rusia e o seu fillo Paulo I de Rusia . Este foi sucedido polos seus fillos Alexandre I de Rusia e Nicolao I de Rusia , que foi pai de Alexandre II de Rusia , este de Alexandre III de Rusia , e este de Nicolao II de Rusia , que abdicou do trono (1917) a favor do seu irmán Miguel, que, ao día seguinte, se negou a ocupalo e desta forma rematou o reinado dos Romanov en Rusia. Nicolao II e os seus sucesores inmediatos foron executados en xullo de 1918 en Ekaterinburg (actual Sverdlovsk). En 1922 o gran duque Ciril Vladimirovi č (un curmán de Nicolao II) proclamouse cabeza da familia imperial. Á súa morte (1938) sucedeuno o seu fillo Vladimir Kirilovi č (1917-1992).