romanticismo

romanticismo

(

  1. s m

    Calidade de romántico.

  2. s m [LIT/ARTE/MÚS]

    Movemento artístico e espiritual que, nos últimos decenios do s XVIII e durante o s XIX, se estendeu por Europa e determinou unha renovación profunda, sobre todo na literatura, pero tamén noutras manifestacións da arte e da vida. O termo romántico apareceu primeiro en Inglaterra durante o s XVII, e a complexidade dos aspectos da vida e das actitudes que revestiu o romanticismo, xunto á diversidade das tradicións nacionais en que se inseriu, dificultan unha definición. Así, aparece ás veces como un movemento revolucionario e outras veces como un movemento de restauración. Tamén se estableceu unha distinción entre o romanticismo da primeira xeración e o da segunda, e fíxose constar que a evolución seguiu direccións diferentes en Alemaña e no resto de Europa occidental. Mentres o romanticismo alemán partiu dunha actitude revolucionaria e foi parar a unha posición reaccionaria, o europeo occidental partiu desde unha posición conservadora e monárquica e evolucionou cara a unha actitude puramente liberal. As outras constantes que o definen son a súa fe na bondade natural do home e a exaltación dos valores culturais; o individualismo e o sentimento relixioso da unidade da vida social; o subxectivismo e a conciencia do pobo; a forma subxectiva do ocasionalismo e a potenciación dos sentimentos nacionais; a afirmación das forzas irracionais da vida e o triunfo da liberdade e do espírito; a insatisfacción da realidade e a súa transfiguración poética; a poesía da melancolía, da dor e da morte, e a descuberta dunha riqueza da existencia máis nova e máis íntima; a vitoria do sentimento e a fantasía e do sentimento sobre a razón, e a conquista dun plano superior de vida racional; o sentimento da vida como o porvir e a relixiosidade estática, en que todo futuro conflúe indistintamente na unidade do ser divino; a orientación historicista e o idealismo místico e estético; o retorno ao catolicismo e á disolución da fe nunha relixión aconfesional; o retorno á Idade Media e á busca da modernidade; o rexeitamento total da preceptiva literaria clásica e a afirmación da liberdade de creación poética, e especulación cara a unha nova filosofía e unha nova mística; a vinculación da literatura coa vida e a fuxida cara a uns mundos de imaxinación fantásticos e afastados. Esta suma de contrariedades fai que este movemento, transformado nunha categoría de espírito, perda os seus contornos precisos como momento histórico específico e se converta nunha actitude humana rastrexable en calquera época. Considerado historicamente, tampouco foi un sistema pechado de pensamento, senón unha maneira de sentir coa que concordaron as diversas formas de pensar, de poetizar e de vivir. En Alemaña, constituíuse por primeira vez unha escola romántica en 1797 coa publicación da revista Athenäum; en Reino Unido, no ano seguinte, cun programa adxunto ás Lyrical Ballads e Coleridge; nos países escandinavos, co encontro de Steffens e Oehlenschläger en 1803; en Francia, coa tradución en 1813 do Cours de littérature dramatique de A. W. Schegel e a análise do romanticismo alemán efectuada por Mme. de Staëlen en Allemagne; en Italia, coa Lettera semiseria di Grisostomo de G. Berchet (1816) e as discusións que provocou unha carta de Mme. de Staël publicada en Biblioteca Italiana; e en España, coa polémica entre Juan Nicolás Böhl de Faber, cónsul alemán, e o escritor José Joaquín de Mora (1818-1819), pero sobre todo, grazas á publicación en Barcelona do semanario El Europeo (1823-1824). En Galicia destacou a obra de Rosalía de Castro. En Alemaña, o movemento Sturm und Drang constituíu o verdadeiro período de xestación do romanticismo. O carácter bohemio que se adoita asociar ao romanticismo non foi propio do movemento nos seus inicios. Desde Chateaubriand a Lamartine, a actitude romántica estivo representada, en Francia, case exclusivamente por aristócratas, e só moi lentamente foi a parar a mans de plebeos como V. Hugo, Teophile Gautier e Alexandre Dumas. Con todas as súas contradicións, o período representou unha das variacións máis destacadas na historia da mentalidade occidental e foi ao mesmo tempo absolutamente consciente do seu papel histórico. O romanticismo artístico foi a transposición da revolta do home de comezos do s XIX no plano estético, no campo dos contidos e a miúdo no das técnicas. As normas ríxidas das academias clásicas entraron en crise e deron paso a un período en que a liberdade individual do artista se correspondía co novo réxime político liberal. Considérase que o inicio do romanticismo plástico estivo marcado pola exposición de Radeau de la Meduse de Géricault no Salon de 1819, pero en Occidente xa houbera diversos artistas antes desta data que romperan as convencións formais e conceptuais, como G. B. Piranesi, H. Füssli, W. Blake ou F. Goya. Individualismo, subxectivismo, expresividade, vigor, misterio, fantasía ou misticismo son características que conflúen na arte romántica, como o gusto polos ambientes exóticos e polo mundo medieval, aspecto relacionado coa procura das fontes nacionais históricas de cada país. En Francia, a Géricault achegáronse os escultores François Rude, A. L. Barye e P. J. David Dàngers, e os pintores Th. Chasseriau e Ferdinand-Vic22tor-Eugène Delacroix, líder do movemento. A obra dos ingleses John Constable, Richard P. Bonington, William Turner e John Martin inscríbese tamén no concepto esencial do romanticismo. En Alemaña, o movemento foi revolucionario en canto aos contidos, pero respectou a forma clásica e as técnicas convencionais. Destacou o grupo dos nazarenos, activo en Roma e nas figuras de C. D. Friedrich, C. G. Garus ou P. O. Runge, que influíron en Escandinavia (J. C. Dahl) ou en Rusia (V. A. Tropinin). Este respecto á forma advírtese tamén en pintores franceses como J. A. D. Ingres. En España, a unha certa escola goiesca, á que pertencían E. Lucas, L. Alenza ou A. Esteve, uniuse un paisaxismo nacionalista fantasioso encabezado por Xenaro Pérez Villaamil e unha influencia de Ingres representada principalmente por artistas máis conservadores, como Federico de Madrazo. En Bélxica sobresaíu Antoine Wiertz e en EE UU destacaron Washington Allston, Thomas Cole e Georges Catlin. O anquilosamento da arte romántica levou, por unha banda, ao estilo Biedermeier, e doutra, cara á arte pompier, mentres que as inquedanzas do romanticismo máis vivo foron herdadas polo realismo. O interese que a Península Ibérica espertou nos viaxeiros románticos significou a publicación en Europa de grandes libros ilustrados de vistas e paisaxes, máis ou menos idealizados. Nesta corrente, que resucitou temas da historia e comezou a revalorar máis decididamente a arte gótica e medieval en xeral, cómpre contrapor algúns intelectuais progresistas que, a raíz da desamortización de J. A. Mendizábal (1835), deixaron arruinar os antigos monumentos e que, en nome do hixienismo, derrubaron as antigas murallas. O movemento romántico afectou profundamente ao mundo da música e anunciouse xa nas obras de fins do s XVIII. Polo seu carácter de precursoras das correntes musicais, foron as escolas italiana e alemá as primeiras que se vincularon á nova estética. Na primeira etapa do romanticismo sitúase Beethoven (aínda que non toda a súa obra), Schubert, Mendelssohn e Schumann. No campo da ópera, Weber foi o creador da primeira ópera romántica alemá, Der Freischütz, e anunciou a obra de Wagner. Na segunda etapa están Liszt e J. Brahms; os sinfonistas alemáns posteriores considéranse xa posrománticos. A escola italiana practicamente deixou de lado a música instrumental e cultivou a ópera, mentres deixaba gradualmente as óperas bufas. O romanticismo detéctase xa en óperas de Rossini (Guillaume Tell, 1829) e terá gradualmente unha expresión complementaria en Bellini, Donizetti, Pacini, Mercadante e Verdi. A escola francesa imitou a italiana con Auber, Meyerbeer e outros; só Berhoz intentou seguir un camiño xenuinamente independente; na segunda etapa destacan Gounod, Thomas e L. Delibes. Cómpre asociar o mundo francés á obra de F. Chopin. O movemento romántico, doutra banda, ao resucitar o sentimento nacional dos pobos europeos impulsou a tendencia a crear escolas nacionais. Desde un punto de vista formal, o romanticismo representou o triunfo das grandes formas aparecidas no s XVIII, como a sonata, a sinfonía e o concerto. Aparecen tamén formas novas, como o poema sinfónico e o nocturno para piano, instrumento que da man de Chopin e Liszt chegou a ser o símbolo da música romántica. Modificouse o concepto do oratorio e da ópera, e apareceu a rapsodia ou a fantasía; ao mesmo tempo progresou rapidamente a exploración da tonalidade. A influencia do romanticismo sobre a música quedou ben patente na xeración seguinte (os músicos chamados posrománticos). As grandes figuras da música nacionalista de inspiración romántica foron F. Pedrell, I. Albéniz e E. Granados. OBS: Nesta acepción emprégase en maiúscula.

Palabras veciñas

romañolo -la | Romanones, conde de | Romanov | romanticismo | romántico -ca | romanza | romar