Romaña

Romaña

Rexión de Italia setentrional que corresponde ás provincias de Forlì e Ravenna e a un pequeno sector de Boloña. Comprende o sector oriental da rexión administrativa de Emilia-Romaña e esténdese ao sur do río Reno ata o val do río Tavollo. A riqueza da rexión é basicamente a agricultura e destacan os cultivos de froiteiras. A actividade industrial está representada pola industria manufactureira, a alimentaria e a química. O centro máis destacado é Ravenna. Pertenceu á Emilia durante a época romana e foi conquistada por Odoacro e polos godos. Centro da Italia dominada por Bizancio (504-751), invadírona os lombardos, que foron expulsados polos francos. Estes cedérona á Santa Sé no s VIII, pero non pasou a dominio pontificio ata 1278, data en que se chegou a un acordo co imperio. En 1375 o legado papal reprimiu a rebelión das cidades de Cesena e Faenza. César Borja foi nomeado duque da Romaña (1501) polo Papa Alexandre VI, pero en 1503 foi sometida polo Papa Xulio II. En 1796 invadiuna Francia, que a anexou á República Cispadana (1797) e no mesmo ano integrouse con esta na República Cisalpina. Formou parte da República Italiana (1802) e do Reino de Italia (1805) ata que o Congreso de Viena lla restituíu ao papa. Rebelada contra este (1831), foi sometida por Austria ao ano seguinte, que a ocupou ata 1838 e volveuna ocupar desde 1848 ata 1859. En 1860 volveu ao reino italiano.