Rosario
Rosario
Cidade da provincia de Santa Fe, Arxentina, na rexión Litoral (1.121.441 h [2001]). Sitúase á dereita do río Paraná, e destaca polo seu importante centro comercial e polo seu porto fluvial. Posúe unha refinaría de petróleo. Fundouna en 1725 Francisco Godoy a carón dun antigo poboado de indios e creceu arredor dunha capela dedicada á Nosa Señora do Rosario, que se converteu nun centro de peregrinación. Constituíu un forte apoio para o proceso de independencia de Arxentina e foi o centro creador da súa bandeira (1812). Desde 1859, e grazas á construción dun peirao sobre o río, iniciou o seu proceso de desenvolvemento e modernización.