Rotterdam

Rotterdam

Cidade de Holanda Meridional, Países Baixos (592.673 h [2000]). Está situada a ambos os dous lados do Nieuwe Maas, ao S do Sheur, onde se abre o canal de Nieuwe Waterweg, e forma parte do organismo público e administrativo Rijnmond. É o primeiro porto mundial en tonelaxe anual de mercadorías embarcadas, e a segunda cidade dos Países Baixos, despois de Amsterdam. Case completamente destruída polos bombardeos durante os primeiros días da invasión alemá (1940), a súa restauración na posguerra, coa construción de dársenas novas, fixo de Rotterdam un porto de acceso máximo. O primitivo porto de pesca viviu durante a Guerra dos Oitenta Anos (ss XVI-XVII) a primeira grande expansión portuaria entre a cidade, o río e a desembocadura do Rotte. Pouco a pouco dirixiu as súas actividades comerciais cara a Francia e Inglaterra, e foi centro (s XVII) de inmigración de flamengos e alemáns. O desenvolvemento da rexión mineira do Ruhr fíxoa evolucionar, e converteuse nun porto de transbordo e de tránsito. Tras a Segunda Guerra Mundial adquiriu a función de porto industrial e de distribución. Só conserva algúns edificios históricos como a igrexa gótica de San Lourenzo (s XV) e a Schielandshuis (1665). Unha das súas institucións culturais máis importantes é o Museo Boymans-Van Beuningen, que conserva unha colección importante de obras plásticas e pitóricas.