Rubens, Peter Paulus
Pintor e diplomático flamengo. Formouse no taller de T. Verhaecht e con A. van Noort. En Italia (1600) admirou a Tiziano, A. Mantegna, os Carracci, Miguel Anxo e Caravaggio. Logo de volver a Anveres (1609), foi nomeado pintor de cámara. O seu equipo de colaboradores estaba integrado por Frans Snyders e Peter de Vos para as naturezas mortas, Wildens e Van Uden para as paisaxes e Van Dyck para as composicións con figuras. Vinculado aos xesuítas, as súas obras son un claro expoñente das ideas da Contrarreforma tanto a nivel formal como ideolóxico. Traballou para a galería do palacio de Luxemburgo de París (1622-1625) con composicións da Vida de Maria de Medici. Conselleiro de Isabel Clara Uxía (1627-1630), estivo na corte de Madrid, onde coñeceu a Velázquez e realizou numerosas obras propias e outras copias de Tiziano. En Londres (1629-1630) negociou a paz entre España e Inglaterra e foi nomeado sir por Carlos I. Retirouse da vida política en 1630. Acadou a perfección compositiva mediante a interrelación das formas, as cores e as luces. As súas formas femininas, redondas e cheas, e o seu horror vacui contrastan cos modelos estilizados e a ideoloxía racionalista. Destacan as Tres Grazas, O rapto das fillas de Leucipo, O xardín do amor, Ceres recibe das ninfas o corno da abundancia e os retratos protagonizados polas súas esposas como Autorretrato con Isabella Brandt ou Helena Forment con dous dos seus fillos.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Siegen, Renania do Norte -
Deceso
Lugar : Westfalia -
Deceso
Lugar : Anveres