Ruhr, conca do
Rexión industrial de Alemaña situada no land de Renania do Norte-Westfalia (4.590 km2). Esténdese desde a beira esquerda do Rin, cara ao L, ata o Hamm e desde o Ruhr cara ao N ata Lippe. Nun sentido máis amplo cabería incluír as cidades renanas de Krefeld e Düsseldorf e o cinto urbano espallado cara ao L, desde Düsseldorf por Wuppertal ata Hagen. Constitúe unha complexa aglomeración metropolitana, e a concentración industrial máis grande de Europa. Nacida da conxunción do carbón e do ferro, a preponderancia industrial da rexión chegou a representar 90% do carbón e o 80% do gas distribuído por todo o país. Pero a produción, o número de extraccións e o número de traballadores diminuíu. A competencia do petróleo e do gas natural levaron a unha reconversión industrial. A maior parte das grandes cidades chegaron ao seu máximo numérico nos anos 1960-1963, período a partir do que a poboación propiamente urbana comezou a reducirse, pero aumentou a dos distritos periféricos e núcleos rurais. Por outra banda, a crise do carbón, na década de 1960, que fixo cerrar uns 70 pozos, foi paralela a un proceso de terciarización do centro das cidades.