Ruiz Picasso, Pablo
Pintor, debuxante, gravador, escultor e ceramista. En 1891 trasladouse coa súa familia á Coruña por mor do traballo do seu pai, o profesor de debuxo José Ruiz Blasco. Na cidade herculina viviu ata 1895 e estudou no Instituto Eusebio da Garda e na Escola Provincial de Belas Artes, onde foi alumno do seu pai e de Isidoro Brocos. Durante a súa estancia coruñesa realizou debuxos, como Corrida de toros y palomas (1892), Torso (1892-1893), Tarde en el campo (1894), e óleos como Casa de campo (1893), Hombre barbudo (1894-1895), Dos salas (1895?), Bautizo (1895), Retrato de mujer gallega (1895), Marina: playa del Orzán (1895), Retrato de viejo (1895) e Hombre con boina (1895). Mostrou a súa obra en dúas ocasión, xunto con seu pai, en establecementos comerciais coruñeses en 1895, ano no que a familia volveu a Málaga e, en outono, estableceuse en Barcelona e ingresou en Llotja, onde foi discípulo de Antoni Caba. En 1897, xa foi premiado en Málaga con Ciencia y Caridad. Frecuentou Els Quatre Gats, onde expuso en 1900. Depois de viaxar a París, cultivou un fauvismo avant-la-lettre e comezou a súa época azul (1901-1904) con obras como Cortesanas en el bar (1902), Desamparados ou La Vida (1903). En 1904 volveu a París e viviu no Bateau-Lavoir e fixo amizade con Apollinaire, Max Jacob e Salmon. Entre 1905 a 1906 desenvolveu a época rosa con obras como El equilibrista de la bola ou Los saltimbanquis (1905). En París, na primavera de 1907, pintou Les demoiselles d´Avignon, que abriu as portas do cubismo xeométrico. En 1910 pintou os retratos cubistas de Vollard, Uhde e Kanhweiler e levou o cubismo á abstracción (El guitarrista). En 1912 fixo as primeiras colaxes. Nunha tempada en Barcelona, pintou o Retrato de Olga, Manola puntillista e Arlequín. Todas e cada unha das mulleres da súa vida deixaron unha pegada na súa obra así como tamén os acontecementos persoais que viviu intensamente, como o nacemento do seu fillo Pablo, tras o que pintou maternidades. Máis tarde cultivou un cubismo representativo (La danza, 1925), e achegouse ao paroxismo dionisíaco en 1928. Un novo cambio no seu estilo levouno a practicar o cubismo ou preponderancia da liña curva. Traballou o gravado (Las metaformosis, Suite Vollard, Minotauromaquia). Simultaneou a escultura figurativa (Cabeza de Marie-Thérèse) coa abstracta de ferro forxado. En 1973 pintou Guernica para o pavillón español da Exposición Universal de París. De 1945 a 1947 desenvolveu a época branca de Antíbol (La alegría de vivir), e comezou a súa gran produción de cerámica en Vallauris. Na década de 1950 pintou La Guerra e la Paz, creou esculturas feitas con elementos de detritos (La cabra, 1950) e realizou Las Meninas (1957) e Les déjeneurs (1960-1961). Entre 1967 e 1972 creou unha vasta serie de debuxos eróticos e satíricos. A súa figura sintetizou a aventura plástica da arte moderna: realismo, fauvismo, expresionismo, cubismo, abstracción, surrealismo, e outras tendencias.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Málaga -
Deceso
Lugar : Mougins, Provenza