Rusia
Estado que ocupa a maior parte de Europa Oriental, gran parte de Asia Central e a totalidade de Asia Setentrional (17.075.400 km2; 144.664.000 h [estim 2001]). Limita ao N co Océano Ártico, ao O, con Noruega, Finlandia, o Mar Báltico, Estonia, Letonia, Lituania, Bielorrusia, Ucraína e o Mar Negro, ao S, con Xeorxia, Acerbaixán, o Mar Caspio, Kazakhstán, Mongolia e China e ao L co Océano Pacífico. Forman parte dela o enclave de Kaliningrad, e tamén o arquipélago das illas Kuriles e a illa de Sakhalin, no Océano Pacífico e, no Océano Ártico, a illa de Nova Terra, os arquipélagos de Terra do Norte e de Nova Siberia. A súa capital é Moscova.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
No relevo de Rusia distínguense dúas zonas: as terras baixas e medias e as terras baixas afectadas polos pregamentos alpinos. As primeiras comprenden a metade oriental da gran chaira europea e a chaira siberiana. A chaira europea está formada por un zócolo cristalino descuberto no ángulo NO, na rexión de Kola-Carelia, e recuberto de sedimentos antigos no resto da Rusia europea, agás no ángulo SL. En Kola-Carelia, a complexa rede hidrográfica mostra as pegadas das grandes glaciacións cuaternarias. A chaira rusa, formada por solos principalmente podzólicos e pouco desenvolvidos, ten uns trazos orográficos variados, as cordilleiras, de altitude discreta, alternan con vastas chairas entre as que se atopan as do Oka-Don e as do litoral do Mar Caspio, en parte por debaixo do nivel do mar. A cordilleira dos Urais (pico Narodnaja, 1.895 m), paleozoica, constitúe o límite convencional entre Europa e Siberia. De formación moderna, os Urais comprenden diversos pisos climáticos e ecolóxicos por causa da súa lonxitude. Entre os ríos Ienisei e Lena, a chaira siberiana presenta un zócalo cristalino e unha cuberta sedimentaria similares á europea. A zona dos pregamentos alpinos acada a máxima intensidade no SO, co Cáucaso (El’brus, 5.642 m). Na fronteira de Rusia con Kazakhstán, China e Mongolia, atópase a cordilleira do Altai (Belukha, 4.506 m). No SL o lago Baikal ocupa unha fosa tectónica moi profunda (-1.741 m); neste territorio atópanse as cordilleiras da Siberia Oriental (Pobeda, 3.147 m). No extremo oriental, o Kl’učevskaja Sopka (4.750 m) é o cumio máis alto, e forma parte do círculo volcánico periférico, que xunto coas illas Kuriles, a península de Kamčatka (onde se sitúa) e as illas Aleutianas forman os aneis do Círculo de Fogo do Pacífico. O territorio de Extremo Oriente, que forma parte deste cinto, caracterízase pola actividade tectónica e volcánica.
Clima, hidrografía e vexetación
O clima, predominantemente continental en case todo o territorio, acentúase gradualmente de O a L, agás o extremo suroriental que entra dentro da área climática monzónica. Nalgunhas zonas do litoral do Mar Negro a temperatura e as precipitacións chegan a valores máis propios de climas subtropicais. As precipitacións son tamén de carácter continental na maior parte do territorio, é dicir, moi escasas, agás no extremo oriental e nas montañas do Altai e do Cáucaso. Dos ríos principais, destacan o Dvina Setentrional, o Pečora, o Obi (sistema Obi-Irtyš, 5.410 km), o Ienisei (4.069 km), o Lena (4.240 km), o Indigirka e o Kolyma, na conca do Ártico; o Amur (2.800 km), o Anadyr’ e o Kamčatka na do Pacífico; o Nieva, o Don, o Dniéper e o Kuban’ na atlántica, e o Volga e o Ural na do Mar Caspio. A maioría dos ríos aliméntanse das neves invernais. Hai unha gran cantidade de lagos, sobre todo na rexión de Kola-Carelia, pero pola extensión destacan o Mar Caspio e o Baikal. A vexetación, divídese en faixas climáticas latitudinais, de N a S sucédense a tundra, a taiga e a estepa. Nos extremos hai desertos: polar ao N da tundra e salinos nas estepas brancas do Mar Caspio. A taiga medra sobre podzois e solos grises, e a medida que avanza cara ao S transfórmase en bosque mixto e caducifolio. De N a S sucédense a rica estepa de chernozem, os solos castaños e os solos brancos, progresivamente áridos.
Xeografía económica
Sector primario
A causa das difíciles condicións climáticas, unicamente o 8% do territorio ruso está dedicado á agricultura. A súa produción agrícola máis importante foi sempre a dos cereais (trigo, orxo, centeo e avea). Tamén produce patacas, remolacha e vexetais. Un dos grandes problemas en moitas zonas agrícolas é a escaseza de auga, por iso, durante o período socialista construíronse unha gran cantidade de encoros que permiten regar grandes extensións do N do Cáucaso, do Volga central, do río Oka no contorno de Moscova, do L do lago Baikal e de preto de Yakutsk. Na gandaría destaca principalmente o gando bovino, ovino e porcino. Na Rusia europea practícase unha agricultura de tipo intensivo, mentres que o pastoreo extensivo é propio da zona asiática. A explotación forestal é unha parte importante da economía rusa, sobre todo en toda a faixa da taiga (coníferas como piñeiro, picea, abeto, cedro e lárice). Rusia dispón dunha importante frota pesqueira, que faena especialmente nos ríos e no Pacífico. A pesar do seu gran potencial para a agricultura, as carencias durante o período soviético (atraso da tecnoloxía, mala organización e transporte deficiente) fixeron que Rusia figurase tradicionalmente entre os principais importadores do mundo.
Minaría e industria
A gran riqueza do subsolo de Rusia foi a base do gran crecemento industrial da segunda metade do s XX. Destacan os importantes depósitos de carbón, e tamén de níquel, ferro, cobre, zinc, chumbo, aluminio, estaño, molibdeno, ouro, prata, minerais radioactivos e outros metais non ferrosos. Hai tamén grandes reservas de gas natural e de petróleo. A industria é o principal compoñente da economía rusa, onde predomina claramente a industria pesada, sobre todo os sectores do combustible e a enerxía. O centro petroleiro máis importante atópase en Siberia Occidental (Komsomol’s-na-Amure e Khavarovsk) e no NO (Arkhangel’sk). Os oleodutos e gasodutos unen os depósitos de Siberia noroccidental coas terras centrais a través dos Urais. En canto á enerxía, as centrais térmicas producen o 75% da electricidade consumida, as centrais hidroeléctricas máis importantes atópanse nos ríos Volga e Kama, no Cáucaso Norte, en Siberia e no Extremo Oriente. O número de centrais nucleares é tamén moi elevado. Tamén son importantes os complexos metalúrxicos. A construción de maquinaria é básica na economía rusa, destaca a produción de coches, turbinas e xeradores eléctricos, tractores e maquinaria agrícola e industrial. A industria química produce principalmente fertilizantes e ácido sulfúrico. A industria lixeira baséase na transformación do algodón, o liño, a seda e a la, como tamén na manufactura do calzado e do vestido, e a transformación de alimentos.
Transporte e comercio exterior
O transporte de mercadorías faise principalmente por estrada e por ferrocarril. A densidade da rede ferroviaria é alta na zona central e escasa en Siberia e no L. O transporte fluvial é importante e aproveita ríos e canais artificiais. A frota mercante ten un papel importante no comercio exterior. A aviación está moi desenvolvida, e nalgunhas zonas é o único medio de transporte. O comercio exterior é altamente deficitario. Rusia importa sobre todo maquinaria e transportes, alimentos e produtos téxtiles e químicos, e exporta carburantes, materias primas e maquinaria. Os principais clientes e provedores son os demais estados da CEI.
Economía
No momento da disolución da URSS en 1991, a economía soviética, da que Rusia era o elemento principal, estaba estancada, cunha produción orientada sobre todo cara á industria pesada e o armamento. O novo estado ruso acabou por desmantelar o sistema de produción socialista e, no medio dunha gravísima crise, o goberno ditou medidas para a introdución da economía de mercado como a liberalización de prezos, a privatización da terra e das industrias estatais ou a promoción das sociedades de accionistas, e recibiu o apoio financeiro de diversos países capitalistas e de institucións financeiras, especialmente o FMI e o BERD.
Xeografía humana
O crecemento da poboación é negativo (-6,7‰, 2000), a causa dunha mortalidade (15,4‰) por riba da taxa de natalidade (8,7‰). A distribución da poboación é moi desigual en función sobre todo do clima e da antigüidade da colonización, así as rexións centrais e do S de Rusia europea e do Cáucaso setentrional son as máis poboadas, e as do extremo L e as do NL as que teñen unha densidade máis baixa. O 72,9% da poboación é urbana (2001), e as principais cidades son Moscova, San Petersburgo, Nižnij Novgorod, Novosibirsk e Jekaterinburg.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación é maioritariamente rusa (81,5%), pero hai outros grupos nacionais ou étnicos (máis de 60), entre os que destacan os tátaros (3,8%), os ucraínos (3%), os chuvaxos (1,2%), os baxhires (1%) e os bielorrusos (0,8%). A lingua oficial é o ruso, que se conserva moi homoxéneo, pero tamén se distinguen linguas indoeuropeas, urálicas e altaicas. Ademais en Siberia localízanse grupos que conservan linguas paleosiberianas, ou sen parentesco coñecido. A maioría da poboación rusa declárase non relixiosa ou atea (72,4%), os que practican algunha relixión divídense en ortodoxos (13,6%), musulmáns (10%), protestantes (0,9%) e xudeus (0,4%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Rusia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 57º posto cun índice do 0,795). Este indicador desagregado, ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 62 anos para os homes e de 73 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99,6% e o índice bruto de escolaridade é do 88% da poboación. O PNB por habitante é de 8.230 $ EE UU.
Goberno e política
República independente da Unión Soviética desde 1991. Segundo a Constitución do 12 de decembro de 1993, organízase como unha federación. O seu terrirorio divídese en 21 repúblicas, 10 okrugi, 49 oblasti, 6 kraja, 2 cidades federais (Moscova e San Petersburgo) e 1 oblast autónomo. O poder lexislativo reside nun órgano bicameral denominado Federalnoe Sobranie (Asemblea Federal) formado por dúas cámaras: a cámara baixa Gosudarstvennaja Duma (Duma Estatal), con 450 membros elixidos por catro anos mediante sufraxio universal, dos que 225 son elixidos por circunscricións simples e 225 por representación proporcional; e a cámara alta ou Sovet Federacii (Consello da Federación) ten 178 membros, dous delegados de cada rexión. O poder executivo reside no presidente, que actúa como comandante en xefe das Forzas Armadas e presidente do Consello de Seguridade, comparte co ministro de Defensa o control dos códigos para o lanzamento de armamento nuclear, ademais nomea o primeiro ministro e a todos os ministros para a súa ratificación pola Federalnoe Sobranie. O sistema xudicial baséase no dereito europeo continental. Conta cun Tribunal Constitucional, formado por 13 xuíces elixidos para 12 anos que son designados polo Sovet Federacii coa recomendación do presidente, igual que a composición da Corte Suprema que se encarga dos casos criminais, civís e administrativos, e a do Tribunal Superior de Arbitraxe (asuntos económicos). A pena de morte está en vigor pero non se aplica. As principias forzas políticas son: o centrista e personalista pro-Putin Edinaja Rossija (Rusia Unida, ER), o comunista Kommunističeskaja Partija Rossiiskoi Federacii (Partido Comunista da Federación Rusa, KPRF), o populista nacionalista Liberalno-Demokratičeskaja Partija Rossii (Partido Democrático-liberal de Rusia LDPR), o populista esquerdista Rodina-Narodno-Patriotičeskij Sojuz (Unión Patriótica Nacional, R), o democrático liberal Jabloko-Rossijskaja Demokratičeskaja Partija (Partido Democrático Ruso, Jabloko), o liberal conservador Sojuz Pravich Syl (Unión de Forzas de Dereitas, SPS), e o agrario esquerdista Agrarnaja Partija Rossii (Partido Agrario de Rusia, APR). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Consello de Europa, Comunidade de Estados Independentes (CEI), EBRD, ONU, OSCE e OTAN.
Historia
A formación e desenvolvemento da Rusia de Kiev
O territorio ruso foi habitado desde o Paleolítico. Polo sur producíronse as primeiras invasións chegadas de Asia: nos ss XI-VII a C os cimerios, nos ss VIII-II a C os escitas e no s II a C os sármatas. O norte quedou ocupado por pobos de lingua finesa. Cara ao leste, había pobos de orixe báltica; e polo sur, cerca do Danubio, tribos de orixe draco-tracia. Os pobos do sur puideron establecer contacto coas colonias gregas do mar Negro no s VI a C). En cambio, os pobos do norte quedaron ignorados polos gregos e romanos. Tras as invasións dos godos (s III), dos hunos (s IV) e dos ávaros, produciuse no s IV a colonización por parte dos eslavos, que estaban divididos en diversas tribos. Só se sabe que as tribos do sur eran máis avanzadas. Ao redor do s VI producíronse diversas invasións. A situación dos eslavos do leste cambiou radicalmente a partir do momento en que chegaron os varegos, denominados tamén rusos, baixo o mando de Rurik. O seu sucesor, Oleg, conseguiu, cunha tribo de eslavos, varegos e fineses, apoderarse (882?) de Smolensko, L’ubeč e Kiev. O Principado de Kiev foi, ao inicio, unha simple federación de tribos, agrupadas arredor de Oleg (879-912) e do seu fillo Ígor (913-945). Oleg unificou o territorio e construíu cidades e Ígor asinou tratados de comercio con Bizancio. O seu descendente Sviatoslav (961-972) destruíu o imperio dos kházaros e atacou o imperio búlgaro do Volga. A riqueza principal do novo estado foi o comercio, fomentado polo mesmo príncipe. Unha consecuencia da veciñanza con Bizancio e con Bulgaria foi a penetración de influencias cristiás. O fillo de Sviatoslav, Vladimir (978-1015), recibiu o bautismo e comezou a cristianización do principado. Coa súa morte, os seus fillos disputáronse o trono e saíu vencedor Iaroslav o Sabio (1019-54). Baixo o seu reinado, foi promovida a arte, codificado o dereito e iniciadas as primeiras traducións do grego. Tras vencer os pechenegos, estableceu fortes lazos coas casas danesas, polacas e alemás. O incipiente estado ruso, cunha clase mercantil acomodada, representou un valioso momento dentro da Europa medieval. O principado dividiuse en 1054 entre os cinco fillos de Iaroslav nos principados de Kiev, Cernihiv, Perejaslav, Smolensk e Volinia). Estalaron numerosas loitas, cun devalar das cidades e un fortalecemento da aristocracia terratenente. Baixo Vladimir Monómaco (1113-1125), Kiev tivo aínda unha certa preponderancia, pero o peso político foi desprazado cada vez máis cara aos principados do contorno. Kiev foi saqueada e deixou de ser residencia do gran príncipe, quen preferiu vivir no territorio do noroeste, que en 1147 xorde por primeira vez o nome de Moscova. Por outra banda, o perigo que corría Kiev ante os pobos da estepa fixo desprazar o centro político cara ao N, NO e O (Novgorod e Halic). Durante os ss XII e XIII apareceu o feudalismo, as loitas contra os pobos da estepa proseguiron e as loitas entre os príncipes aínda aumentaron o número de principados. En medio desta situación produciuse o ataque mongol. Ao redor de 1223 tivo lugar un primeiro combate cos mongois, capitaneados por Xenguis Khan. Estes foron apoderándose practicamente de todo o territorio e estableceron o Khanato da Horda de Ouro, coa capital en Sarai, no Volga. Economicamente, o ataque mongol foi catastrófico e os príncipes tiveron que pagar tributos elevados; politicamente, os príncipes quedaron cos seus principados, pero o título era confirmado polo khan mongol. Con excepción de Novgorod, as cidades rusas perderon os vínculos co mundo occidental, mentres que os príncipes suecos, alemáns e lituanos tentaban penetrar en territorio ruso polo Báltico e o NO. Estes foron vencidos polo príncipe Alexandre de Novgorod, coñecido co nome de Alexandre Nevski. Convertido en santo e heroe nacional, loitador pola ortodoxia, pasou á historia rusa como símbolo do defensor do país contra Occidente. Á súa morte continuou o proceso de disolución, e tres potencias ocuparon o territorio cara a mediados do s XIV: a Horda de Ouro, Lituania e Polonia. A identificación da vella Rusia con Kiev xa non existía e no seu lugar apareceron os grandes rusos, con Vladimir como centro, os rusos brancos, entre os ríos Prip’at e Dvina, e os ucraínos con Kiev.
Moscova, centro do novo estado ruso
O metropolita pasou a residir en Moscova en 1326, cidade onde comezou a implantarse o novo centro político, sobre todo baixo Iván I. Este conseguiu do khan mongol o dereito de recadación de impostos e o título de gran príncipe (1328). A Igrexa non foi estraña ao engrandecemento de Moscova e animou os príncipes a loitar contra os tátaros, que foron vencidos (1380) por Dmitri Donskoj (1359-1389). Durante o s XIV, os príncipes de Moscova tiveron que loitar contra os príncipes lituanos. A separación de Constantinopla e a constitución dunha igrexa autocéfala coincidiron cunha intensificación da vida cultural, e a arte iconográfica tivo un período brillante. Iván III o Grande (1462-1505) consolidou a situación exterior coa incorporación de Novgorod (1478), de Tver’ (1485) e de Smolensko (1514), despois de vencer os lituanos. Todo o norte e o leste caeron en mans de Moscova. En 1480 puxo fin á obriga de pagar tributos aos tátaros. En 1547 Iván IV foi proclamado tsar de toda Rusia e inaugurou unha das épocas máis conmocionadas da historia rusa. Codificou a lei existente e organizou a administración e creou diversos órganos administrativos. Militarmente, tentou crear un exército que lle fose adito, núcleo do futuro exército ruso. Ao mesmo tempo, xurdiron os corpos irregulares de cosacos e tátaros. Máis importante foi a ideoloxía relixiosa que comezou a espallarse, segundo a cal Moscova tiña que ser a terceira Roma, como sucesora de Constantinopla, segunda Roma, tomada polos turcos. Os intentos reformistas remataron coa creación da opričnina (1565), un corpo de policía destinado á destrución dos seus inimigos. Segundo o tsar, toda lei e todo dereito tiñan orixe na súa persoa, o seu poder absoluto era testemuño da vontade divina. En política exterior, conseguiu apoderarse de Kazan’ (1552) e de Astrakhan’ (1556), pero a súa política imperialista cara a Occidente foi un fracaso total. A morte do tirano abriu un período de incerteza. Primeiro foi coroado tsar (1598) Boris Godunov, pero ao pouco tempo xurdiron loitas coa familia dos Romanov. Logo da morte de Boris Godunov (1605) estableceuse unha situación anárquica. Acompañando esta crise política, tivo lugar unha gravísima crise económica e social. Gradualmente xurdiu unha situación que canto máis avanzaba, máis vinculaba o labrego á terra que traballaba e que era propiedade do nobre. Esta situación non só favoreceu a aristocracia, senón tamén o estado, que podía controlar toda a poboación. Ademais, aproveitando a situación de caos, interviñeron Polonia e o rei de Suecia. En 1611 conseguiuse expulsar os polacos do Kremlin. Aos poucos rexurdiron as vellas institucións políticas: en 1623 unha asemblea das terras rusas (Zemskij Sobor) elixiu o Tsar Miguel III. Dotado de poucas calidades para o goberno, este foi exercido polo seu pai, Filareto, e por un grupo de nobres emparentados con el, e levaron a corrupción ao seu punto máximo. O proceso de pacificación do país foi longo, e en 1617 expulsouse do territorio a polacos e suecos. O feito de que na Paz de Westfalia (1648) o príncipe de Moscova fose mencionado co título de Magnus dux Moscoviae inauguraba unha política dirixida cada vez máis cara a Europa occidental. Iniciouse entón a colonización de Siberia. En Moscova reinaba Aleixo de Rusia, cuxa obra fundamental foi a codificación das leis rusas: os Uloženije, que se manativeron en vigor ata o s XIX. O reinado caracterizouse no interior pola revolta labrega de Sten’ka Razin (1667-1669), e por unha escisión dentro da Igrexa Rusa. O tsar conseguiu dos suecos e polacos recuperar Smolensko e Kiev. Un novo perigo comezou a ser representado polos turcos, que se incrementou ata a entrada de Moscova na Liga Antiturca (1684), formada polo emperador, Polonia e Venecia. Ao mesmo tempo, observouse a modernización do exército, unha intervención do estado en materia económica e un maior contacto co mundo occidental.
Da Rusia de Pedro I o Grande á de Nicolao II
Este proceso tivo o seu punto culminante durante o reinado de Pedro I o Grande, que durante a infancia tivera contacto con técnicos estranxeiros. Transformou o Imperio Ruso nunha potencia europea e nun estado burocrático, centralista e militarista. En 1703 fundou Peterburgo e trasladou o peso do imperio cara ao Mar Báltico. Tomou partido na guerra contra Carlos XII de Suecia e recibiu Livonia, Estonia e unha parte de Carelia. Tomou entón o título de emperador. Coa axuda dos estranxeiros conseguiu inicialmente ocupar Azov (1696) atacando por primeira vez os turcos, pero foi desafortunado na guerra que os propios turcos lle declararon en 1710. Máis tarde (1722-1723), iniciou ataques contra o Imperio Persa e apropiouse dos territorios arredor do Mar Caspio. A conquista de Siberia foi proseguida grazas ás exploracións de D. G. Messerschmidt e V. Bering. En política interior, foi un revolucionario. En contra da oposición dos vellos moscovitas, reformou o imperio, creou unha frota, multiplicou o exército, estableceu un servizo obrigatorio para a nobreza, iniciou unha economía de tipo mercantilista e creou unha nova nobreza. Tentou atraer moitos estranxeiros cara a Rusia e enviar rusos para a Europa occidental. Ao mesmo tempo, someteu a Igrexa ao Estado. O dualismo da sociedade rusa consolidouse: os labregos, case privados de protección xurídica, rebeláronse diversas veces ao longo do s XVIII. Durante os reinados de Catarina I (1725-1727), de Pedro II (1727-1730) e de Ana (1730-1740), os estranxeiros, especialmente os alemáns, foron poderosos; mentres, proseguían os ataques contra os turcos que culminaron na Paz de Belgrado (1739) entre Rusia, Austria e Turquía, a partir da cal o imperio ruso rivalizou con Austria nos Balcáns. En 1741 Isabel, filla máis nova de Pedro I, coa axuda dos rexementos de gardas, proclamouse tsarina. En 1755 Mikhail V. Lomonosov fundou a primeira universidade rusa en Moscova. En política exterior Rusia aliouse con Austria contra Prusia. Pedro III, sobriño e sucesor de Isabel I (1762), foi destronado pola súa muller, Catarina II a Grande (1762-1796). Influída polas ideas da Ilustración francesa, favoreceu os rusos fronte aos estranxeiros e iniciou unha política imperialista, sobre todo contra Polonia, interveu nos tres repartos, e Turquía. Ao mesmo tempo, tentou apoderarse de Constantinopla, e conseguiu, loitando contra os turcos, territorios arredor do Mar Negro, cuxo punto culminante deste proceso foi a fundación da cidade de Odessa (1793). En 1767 creou unha nova comisión lexisladora, que en realidade reforzou a escravitude dos labregos; non obstante, a tsarina quedou prisioneira dos intereses da nobreza. Deste xeito continuaba a extensión do imperio sobre un auténtico volcán de resentimentos sociais e mesmo nacionais. O seu sucesor, Paulo I (1796-1801), estableceu en 1797 que a coroa sería hereditaria entre os homes da familia Romanov. Durante o seu reinado foi ocupada Xeorxia (1801) e participou na segunda coalición contra Napoleón (1799-1802), pero a oposición na nobreza foi a causa do seu asasinato. Alexandre I de Rusia (1801-1825) iniciou unha política liberal co ministro Speranskij. Iniciou unha codificación moderna das leis rusas. Exteriormente, o reino quedou marcado polas loitas contra os turcos e contra Napoleón. En 1808 anexiouse Finlandia, e en 1812, Besarabia. Rusia non quería respectar o bloqueo establecido por Napoleón contra Inglaterra e este atacou o imperio. Aliado dos austríacos e dos prusianos, Alexandre I conseguiu un lugar preeminente na reconstrución de Europa logo de vencer a Napoleón, pero non aceptou os movementos liberais xurdidos en toda Europa entre 1818 e 1820. No momento da súa morte, cando ía ser proclamado tsar o seu irmán Nicolao I de Rusia (1825-1855), tivo lugar en Peterburgo unha das revoltas máis importantes entre o estamento militar. Por primeira vez xurdiron ideas republicanas. O tsar iniciou o seu reinado pondo fin á insurrección e creando a terceira sección de chancelaría secreta, para controlar toda a vida universitaria pública. O medo á revolución, que estalou en toda Europa en 1830 e 1848, motivou as actuacións do tsar. Coa axuda dun corpo de policía especial, converteuse no xendarme de Europa. Exteriormente, interveu na guerra de liberación de Grecia, loitou contra os turcos e reprimiu a revolución de Hungría. Rusia exerceu un papel preponderante en Europa ata a Guerra de Crimea (1853-1856). O problema máis grave do imperio, a abolición da escravitude, foi resolto por Alexandre II (1855-1881), quen, en 1861, liberou os servos. Con el, comezou unha nova era de liberalismo: en 1864 foron liberalizadas a administración e a xustiza, en 1865 a censura, en 1870 produciuse a reforma municipal e en 1874 introduciuse o servizo militar obrigatorio. Na década de 1860 Rusia viviu un importante desenvolvemento da industria. A liberación dos servos quedou, en cambio, sometida a unha gran conflitividade, en parte porque os labregos non podían dispor da suma esixida para redimirse, en parte porque lles foi atribuída unha parte de terra pequena de máis. A política exterior foi moi activa cara a Asia. Menos afortunada foi a política balcánica, sempre dominada pola loita contra Turquía. No interior do país, había tempo que se debatía sobre a europeidade de Rusia. Ao redor de 1880, xurdiu o movemento dos narodniki, que rematou despois cos nihilistas. A participación dunha moza xudía no asasinato do Tsar Alexandre II (1881) inaugurou unha serie de pogroms contra xudeus. Oficialmente, o goberno do Tsar Alexandre III (1881-1894) foi dominado polos partidarios do nacionalismo ruso, como Pobedonoscev e Katlov, mentres que G. V. Plekhanov, en Xenebra, o primeiro teórico ruso do marxismo, fundaba o Grupo de Emancipación Obreira (1883). Continuouse unha intensa política de rusificación e a industrialización fixo grandes progresos. A partir de 1891, comezaron a xurdir os primeiros círculos marxistas en Peterburgo. Exteriormente, o reinado de Alexandre III estivo caracterizado por unha política imperialista nos Balcáns. O reinado de Nicolao II (1894-1917) caracterizouse por un incremento das actividades revolucionarias. En 1898 tivo lugar en Minsk o primeiro congreso do Partido Socialdemócrata Obreiro Ruso. En 1902 foi creado o Partido Socialrevolucionario, partidario do terrorismo. Exteriormente, o goberno debilitouse coa derrota rusa na Guerra Ruso-xaponesa (1904-1905). Paralelamente, produciuse a Revolución Rusa de 1905. Os intelectuais uníronse á revolución. Por outubro, o tsar promulgou un manifesto imperial prometendo liberdades burguesas, dereito de voto xeral e a convocatoria dunha duma. Moi axiña, o tsar disolveu a duma dúas veces e promulgou un cambio no dereito de voto, co cal conseguiu que a oposición quedase en minoría. O ministro Stolypin tentou, mediante unha reforma agraria considerable, crear unha clase de labregos propietarios das súas terras. A intervención rusa nos Balcáns coa anexión de Bosnia por Austria, en 1909, obrigou o tsar a axudar ideoloxicamente a Serbia, atacada por Austria-Hungría en xullo de 1914.
Da Rusia soviética á Federación Rusa
A Primeira Guerra Mundial, ademais dalgunhas derrotas, comportou a aparición de revoltas sociais e unha gravísima crise económica que facilitou o inicio da Revolución Rusa de 1917. En 1918 a República Soviética Federal Socialista Rusa (RSFSR) instaurou un réxime socialista controlado polo partido bolxevique. Comprendía nun principio todo o territorio do antigo Imperio Ruso, pero os bolxeviques concederon a independencia (1917-1918) aos países bálticos e Finlandia, mentres que os outros territorios foron forzados a se converteren en repúblicas soviéticas. Entre 1918 e 1920 tivo lugar unha guerra civil motivada pola contrarrevolución dos denominados rusos brancos, axudados polas potencias occidentais. En 1922, a República Rusa, xunto con Transcaucásica, Ucraína e Rutena crearon a Unión Soviética, á cal pouco despois foron anexadas as repúblicas restantes e, en 1940, os países bálticos. Tras a Segunda Guerra Mundial, a República Socialista Federativa Soviética de Rusia (RSFSR) incorporou novos territorios. Durante os anos en que o réxime soviético estivo vixente (1922-1991), a Constitución da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS) estipulaba unha unión igualitaria entre algunhas das diferentes nacionalidades, malia que cun carácter exclusivamente ruso. Pola metade da década de 1980, a perestrojka, impulsada por M. Gorbačov, favoreceu a explosión das discordancias da sociedade soviética respecto ao réxime comunista, as cales finalmente precipitaron a liquidación da URSS. A RSFSR outorgouse cada vez máis soberanía, sobre todo a partir da elección de Boris Jelcin como presidente do Soviet Supremo Ruso en 1990, o que produciu numerosos enfrontamentos co xefe de estado soviético. En xuño de 1991 celebráronse eleccións presidenciais nas que venceu outra vez Jelcin, cuxa decidida actuación antiinvolucionista no frustrado golpe de estado de agosto do mesmo ano lle deu unha clara vantaxe sobre Gorbačov, que foi marxinado. O Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS) foi suspendido e ilegalizado. O golpe de estado facilitou o desmembramento da URSS, a maioría das repúblicas declaráronse independentes nese mesmo mes. En novembro, Jelcin autodesignouse xefe de goberno da República Rusa. O 8 de decembro, Rusia, Ucraína e Bielorrusia asinaron o documento fundacional da Comunidade de Estados Independentes (CEI), á que se uniron pouco despois a maioría das ex-repúblicas soviéticas. O goberno ruso herdou un país sumido no caos e cunha economía moi deteriorada que dificultaba moito a implantación do capitalismo. A comezos de 1992 os prezos foron liberalizados e iniciouse un programa de privatización de industrias, empresas, terras e infraestruturas agrarias. O descontento de amplos sectores da poboación pola dureza da reforma, a grave carestía, a desorganización do sector público e a especulación beneficiou a oposición política, formada por grupos moi heteroxéneos, o máis importante dos cales era o dos conservadores, que aglutinaba antigos funcionarios e militares soviéticos. Tamén proliferaron os movementos de tipo fascista, liderados polo ultranacionalista V. Jirinovskij. De feito, a composición do parlamento xurdido das eleccións lexislativas de marzo de 1990 deu a maioría aos conservadores. Esta situación provocou interferencias constantes entre a presidencia e o congreso. Para lle pór fin á dualidade de poderes, Jelcin someteu a referendo en abril de 1993 unha reforma constitucional que establecía a supremacía da presidencia por riba do congreso dos deputados. Malia o resultado favorable a Jelcin, o parlamento negouse a acatar a reforma constitucional, gran parte dos membros do congreso rebeláronse e tentaron a formación dun goberno paralelo. O exército mantívose fiel a Jelcin e atacou a sede do congreso. Nas eleccións de decembro de 1993 na nova Asemblea Federal, Jirinovskij acadou a maioría relativa para a metade dos escanos da duma, por riba do partido pro- Jelcin. Jelcin disolveu o KGB. Dentro do novo estado ruso, por outra banda, estouraron diversos conflitos con territorios non rusos incluídos dentro da Federación, nas antigas repúblicas autónomas, especialmente en Tatarstán e en Chechenia-Inguxetia, onde en decembro de 1994 estalou unha guerra que puxo os demócratas contra Jelcin. As tensións interétnicas tamén foron importantes na rexión do Volga e do Cáucaso. En política exterior Rusia ratificou con EE UU o Tratado START sobre armas nucleares e non se opuxo á iniciativa norteamericana na Guerra do Golfo Pérsico, nin tampouco á decisión da OTAN de atacar o exército serbio no conflito de Bosnia e Herzegovina (1994-1995). Ben diferente foi a política de Rusia respecto dos outros estados da CEI. Houbo tensións con Bielorrusia, Kazakhstan e Ucraína respecto do armamento nuclear soviético almacenado nestes territorios. Coa escusa de defender as importantes minorías rusas en moitos dos estados da CEI, Rusia influíu na política interior de moitos deles e nalgúns despregou tropas. Por outra banda, nas eleccións á duma de 1995 gañou o conservador Partido Comunista Ruso de Guennadi Ziugànov que tiña intención de revisar as reformas económicas. En 1996, celebráronse eleccións presidenciais e Jelcin renovou o seu cargo. O militar A. Lébed formou parte do goberno, pero foi destituído acusado de preparar un golpe de estado. Entre 1996 e 1998 a evolución político-económica do país resentiuse dunha descontinuidade no poder presidencial, por causa dos problemas de saúde de Jelcin, e caracterizouse pola adopción plena dunha economía de mercado. Durante estes anos, o conflito checheno continuou, a pesar de que tras a morte do líder independentista Djokhar M. Dudàiev se asinou un acordo de paz entre Jelcin e o presidente A. Maskhadov (1996). En marzo de 1998, os graves problemas sociais e económicos que sufría Rusia forzaron a Jelcin a destituír o goberno; mentres, as protestas de funcionarios e mineiros acabaron conducindo a unha grave crise financeira. En política exterior, Rusia continuou achegándose aos países occidentais en diversas materias, pero opúxose á ampliación da OTAN cos países do leste. A mediados de 1999, Chechenia reanudou os combates e os rusos ocuparon o territorio ata o 2000. Despois dunha grave crise e ante as eleccións presidenciais de 2000, a situación interna volveuse moi inestable, ata o punto de que Jelcin nomeou a tres primieros ministros en menos dun ano (Ievgueni M. Primakov, Sergei Stepashin e Vladimir Putin). Nas eleccións presidencias de 2000, Putin resultou elixido e abandonou o cargo de primeiro ministro para nomear a Mikhail Kasyanov. A sua elección coindidiu co recrudecemento da guerra de Chechenia. O novo presidente consolidou o seu poder mediante o control dos gobernos rexionais e o sometemento dos principais grupos económicos, mentres que en política exterior apoiou a campaña antiterrorista de EE UU pero opúxose a invasión de Iraq. Foi reelixido nas elecións de 2004 e nomeou como primeiro ministro a Mikhail Fradkov. Os enfrontamentos e os problemas con Chechenia continuaron e tiveron como máximos expoñentes atentados como o do teatro de Moscova (2002) ou o do colexio en Beslan (Ossetia Setentrional) en 2004, e o asasinato por parte do exército ruso do líder checheno Slán Masjádov en 2005.