Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia

Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia

Institución que naceu polo Real Decreto do 28 de agosto de 1827 outorgado por Fernando VII co nome de Real Academia de Medicina y Cirugía de Santiago de Compostela. Tiña como territorio de actuación Galicia e Asturias e, entre outras atribucións, as de impartir ensinanzas útiles á ciencia de curar, favorecer os progresos da medicina e ocuparse da saúde pública. A súa sede permaneceu en Santiago de Compostela entre 1831 e 1833 e as reunións realizábanse nas casas dos académicos ata que lle concederon unhas dependencias no Hospital Real, pouco antes do seu traslado á Coruña, á Capitanía Xeneral de Galicia, cuxo titular era a súa vez o presidente da academia. Tomou entón o nome de Real Academia de Medicina y Cirugía de La Coruña e en 1945 pasou a denominarse Real Academia de Distrito de Galicia y Asturias. Desde 1972 o seu ámbito de actuación é Galicia, e ao crearse a Real Academia de Medicina y Cirugía de Asturias, tomou o seu nome actual. Desde 1986 está asociada ao Instituto de España e conta con académicos de honor, numerarios, honorarios, supernumerarios e correspondentes. Organízase nas seccións de Disciplinas Fundamentais, Cirugía, Medicina, Higiene y Medicina Social, Farmacología y Terepéutica, e Medicina Legal, Psiquiatría e Historia de la Medicina.