Real Academia Española
Institución fundada en 1713 por iniciativa de Juan Manuel Fernández Pacheco, marqués de Villena, que ademais foi o seu primeiro director (1713-1725). O 3 de outubro de 1714, Filipe V aprobou a súa constitución e ao ano seguinte fixáronse os seus primeiros estatutos. O seu obxectivo principal é velar para que os cambios que experimente a lingua castelá non rompan a unidade que mantén en todo o ámbito hispánico. Consta de 46 académicos de número; en xuño de 2005 está formada por 41 académicos de número (Guillermo Rojo desde o 2001), 3 académicos electos, e dúas vacantes. Existen, ademais, académicos correspondentes españois ata un máximo de 60 (de Galicia están representados Constantino García González, Darío Villanueva e José Álvaro Porto Dapena), académicos correspondentes hispanoamericanos e estranxeiros, académicos de número das Academias americanas e académicos honorarios. Ao longo da súa historia publicou seis volumes do Dicionario, coñecido posteriormente como Dicionario de autoridades (1726-1739), vinte e dúas edicións do Dicionario de la lengua española (1780-2001), catro edicións do Dicionario manual e ilustrado de la lengua española, dúas edicións do Dicionario escolar e dous tomos do Dicionario histórico de la lengua española; ademais, desde 1771, publicou varias edicións da Gramática e múltiples publicacións de obras clásicas e, en 1999, apareceu unha nova edición da Ortografía de la lengua española, coa colaboración de todas as Academias americanas. Á parte das obras lexicográficas, a RAE edita habitualmente o Anuario e o Boletín de la Real Academia Española (BRAE). En canto aos proxectos adaptados ás novas tecnoloxías informáticas, está a traballar desde 1993 no proxecto dun Banco de datos do castelán, estruturado en dúas seccións: unha diacrónica, que inclúe o Corpus diacrónico del español (CORDE), e outra sincrónica, que inclúe o Corpus de referencia del español actual (CREA). O CORDE, que se iniciou en 1994, é un corpus textual de todas as épocas e lugares en que se falou castelán, desde os inicios do idioma ata o 1975, e unha das súas aplicacións inmediatas vai ser a elaboración do Dicionario histórico de la lengua española; mentres o CREA abrangue unha ampla variedade de textos escritos e orais, producidos en todos os países de fala hispana desde 1975 ata a actualidade. Ademais, en 2001, editou, en DVD-ROM, o Nuevo tesoro lexicográfico de la lengua española (NTLLE), que contén todo o léxico do castelán desde o s XV ata o XX. A RAE e as vinte e unha Academias que con ela integran a Asociación de Academias de la Lengua Española están a traballar conxuntamente na redacción do Dicionario panhispánico de dudas, da nova Gramática de la lengua española e do Dicionario del estudiante.