Real Audiencia do Reino de Galicia

Real Audiencia do Reino de Galicia

Órgano creado polos Reis Católicos, pola provisión do 3 de agosto de 1480 ditada en Toledo que se encarga da administración de xustiza no Reino de Galicia. Nesta data nomeouse un xustiza maior e un oidor para exercer a xurisdición civil e criminal en primeira instancia, en grao de apelación e en casos de corte, admitindo apelacións das súas sentenzas nos casos en que houbera lugar en dereito e exclusivamente diante o rei. Posteriormente nomeáronse alcaldes maiores.
Regulamento e composición
Ademais da cédula fundacional, regularon a Audiencia as pragmáticas de Salamanca do 7 de decembro de 1486 e as de Madrid de 1494 e do 27 de novembro de 1504. En 1679 imprimíronse as Ordenanzas de la Real Audiencia del Reyno de Galicia que tentaron sistematizar a organización e funcionamento da institución. A Audiencia estaba composta polo gobernador, inicialmente xustiza maior, e polos alcaldes maiores, que pertencían á nobreza. O gobernador era presidente da Audiencia e capitán xeneral de Galicia e tiña poderes xudiciais, gobernativos e militares. Xunto cos alcaldes maiores exercía o poder xudicial e gobernativo, neste caso no Real Acordo. Os alcaldes maiores aumentaron en número desde o s XV e eran nomeados polo rei a proposta da Cámara de Castela.
Funcións
En 1480 estableceuse que tiña a xurisdición civil e criminal, en primeira e única instancia dos asuntos que se orixinaran dentro das cinco leguas da cidade onde residira a Real Audiencia. Correspondíalle, en única instancia e sen apelación posible, os denominados casos de Corte en todo o Reino de Galicia, é dicir, as causas civís e criminais que pola súa gravidade, por chegar a certa cantidade ou pola cualidade das persoas litigantes, puidesen radicar en primeira instancia no tribunal superior de xustiza da provincia, quitando o seu coñecemento ao xuíz inferior. As contías alteráronse en diversas ocasións, pero durante algún tempo referíronse aos crimes gravísimos que merecían pena corporal, presidio ou as armas, cando pasaban de 10.000 marabedís, entre persoas privilexiadas, debendo probarse a súa calidade. Tamén lle correspondía o grao de apelación de todas as causas do reino e, nos asuntos de contía inferior, a competencia en vista e revista correspondíanlle de maneira exclusiva, incluso para asuntos pendentes de apelación. Cando as causas ou os pleitos superaban estas cantidades ou a entidade dos delitos eran os sinalados legalmente, as resolucións da Real Audiencia de Galicia podían ser recorridas, en apelación, á Real Chancillería de Valladolid. Eran tamén apelables as causas criminais que remataban en sentenzas en que se dispuña a pena de morte natural, que debían substanciarse ante os alcaldes do crime da Real Chancillería de Valladolid. Ademais destas funcións puramente xudiciais, a Real Audiencia tiña outras gobernativas pois pertencíanlle en primeira e segunda instancia todas as causas de política e goberno que xurdiran no reino. A confusión entre asuntos civís e políticos perdurou ata as Cortes de Cádiz de 1812, pero a súa redución á esfera estritamente xudicial non tivo efecto ata 1834.
O exercicio das súas funcións e a súa sede
Ao longo da súa historia, a Real Audiencia funcionou como unha institución itinerante, aínda que os seus membros tiveran o seu domicilio en Santiago de Compostela. O seu asentamento nun punto determinado non deixou de estar sometido ás circunstancias máis diversas. Durante o período itinerante, a institución definiuse pola inmediatez, pois era a que ía xulgar as persoas e non estas as que tiñan que trasladarse para seguir os seus asuntos. Esto reflectiuse na cédula fundacional dos Reis Católicos e confirmouse nas pragmáticas de 1464 e 1543 pois baseábase na idea de que era o mellor modo de coñecer os problemas dos litigantes e dos pobos. No momento do asentamento territorial, aínda que contando coa sede permanente de Santiago de Compostela, houbo diversos momentos en que por distintas causas, como o temor ante ataques marítimos ou epidemias, impartiu xustiza Ourense (1508, 1569, 1570-1572), Ribadavia (1517), Lugo (1521) ou Pontevedra (1557, 1563). En 1532 Filipe II, amparándose en razóns de desenvolvemento humano e aínda que a sede máis común fora a de Santiago, trasladouna á Coruña, volvendo a Santiago en 1814, ata que en 1823 coa nova organización xudicial foi absorvida pola Audiencia Territorial. En 1834 co novo ordenamento xurisdicional quedou integrada na Audiencia Territorial de Galicia con sede na Coruña.