Revista de Economía de Galicia
Revista publicada en Vigo a partir de xaneiro de 1958 que cesou en decembro de 1968 (nº65). Promovida polo Departamento de Estudios Económicos da editorial Galaxia, foi dirixida por Xaime Isla Couto coa colaboración de Ramón Piñeiro, aínda que tamén participaron Xosé Manuel Beiras, quen levou o peso da publicación entre 1963 e 1968, e Anxo Huete, a partir da marcha de Beiras. De gran relevancia para o estudo da economía de Galicia e Europa, abordou desde unha liña progresista-galeguista os problemas do campo galego a través de estudos e estatísticas. Anticipou teses económicas de interese e, durante a etapa de Beiras, caracterizouse pola súa orientación crítica e combativa. Bioloxía, enxeñaría técnica, industria ou comercio, foron algúns dos outros temas desta publicación, de periodicidade moi irregular, que contou con algunhas das máis relevantes personalidades do momento en cada unha das materias tratadas.