Riberas del Eo, Las
Semanario publicado en Ribadeo a partir do 3 de xaneiro de 1881 que cesou o 30 de xaneiro de 1971. Subtitulouse “Periódico semanal de intereses generales, noticias y anuncios” e “Periódico de información galaico-asturiana. Decano de la prensa provincial”, a partir de 1894. Sucesor de El Eo, o seu fundador, propietario e director durante a primeira época foi Xosé Mª Páez Cancio. Tras o seu falecemento, en 1916, dirixiuno Antonio Pérez, quen foi substituído por Xosé Mª Puebla a partir de 1921. Incluíu noticias locais, traballos históricos sobre o contorno e colaboracións de destacados personaxes da vila, ademais de artigos dos seus correspondentes en Bos Aires e La Habana. En 1894 comezou unha segunda época e, a partir da Guerra Civil, tivo que adaptarse ás novas circunstancias políticas, polo que eliminou as colaboracións en galego.