Roque de Montpellier, san
Relixioso. Residiu en Montpellier entre 1295-1327 pero, orfo desde os vinte anos, repartiu as súas riquezas entre os pobres e tomou o hábito franciscano. Atribuíronselle peregrinacións a Santiago de Compostela, Roma e Xerusalén, nas que se di que coidaba dos apestados polo camiño. Tras contaxiarse, retirouse a un monte a onde un can lle levou a comida ata que un anxo o curou. Considerado avogoso da peste, das chagas, da boa morte e protector dos cans de palleiro, o seu culto estendeuse por toda Europa no s XV, a miúdo asociado ao de san Sebastián. Iconográficamente representouse como un home de mediana idade, barbado, con vestiduras nobres, chapeu de ala ancha, mochila pendurada ao ombreiro e bordón, cunha cabaza nunha man, mentres que coa outra ergue a túnica para amosar as chagas da perna. Como elementos simbólicos porta unha ou varias vieiras (peregrinación a Santiago de Compostela), dúas chaves cruzadas (a Roma) e a palma (a Terra Santa). Representouse cun anxo cunha redoma (co que aliviaba as dores das súas feridas) e cun can cun pan na boca, sentado nos cuartos traseiros. A súa festividade celébrase o 16 de agosto.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : XIV -
Nacemento
Lugar : Montpellier