rugby*
Deporte de oposición con balón disputado entre dous equipos de quince ou trece xogadores cada un, que ten como fin marcar o máximo número posible de puntos. Cada equipo ten oito dianteiros, dous medios (denominados medio de melé e medio de apertura), catro tres-cuartos e un defensa. O balón é oval e o terreo de xogo ten unha lonxitude de 95 a 100 m, e unha largura de 66 a 68,57 m. Pódese facer andar o balón con todo o corpo, pero cando se lanza coas mans ten que ser mandado cara a atrás. Se se xuta de cara á liña de balón morto contraria, todos os compañeiros do que xuta situados por diante del están en fóra de xogo. A intercepción do avance dun contrario que ten o balón faise normalmente coa placaxe, que consiste en facelo caer ao chan agarrándolle a cintura ou as coxas cos brazos. Márcase un ensaio cando se consegue pousar o balón no chan no terreo de ensaio contrario, e faise un gol cando cun xute ao bote (drop goal) ou colocado se fai pasar o balón entre os paus por riba do traveseiro. O ensaio vale 5 puntos e dá dereito a tentar un gol de transformación xutando desde a área de xogo sobre a paralela á liña de toque, que pasa polo punto onde se marcou o ensaio. Un gol de transformación vale 2 puntos. Un gol de golpe de castigo ou de xute ao bote vale 3 puntos. A tradición fixou a orixe do rugby moderno en 1823, cando William Webb Ellis, alumno da Public School de Rugby, avanzou co balón collido coas mans, durante o transcurso dun partido de fútbol. En 1871 foi fundada a Rugby Football Union, institución que desde entón rexe o rugby en Reino Unido. A competición máis famosa é o Torneo das Cinco Nacións, que desde 1906 se disputa en Gales, Irlanda, Escocia, Inglaterra e Francia. Ademais destes países, espallouse dunha maneira notable por EE UU, República Sudafricana, Australia e Nova Zelanda, aínda que certas particularidades que derivaron no fútbol americano e no fútbol australiano.