Saarland

Saarland

Land do O de Alemaña, situado entre o land de Renania-Palatinado e a fronteira con Francia e Luxemburgo (2.568 km2; 1.061.000 h [estim 2003]. A súa capital é Saarbrücken. A riqueza mineira, grazas ao seu desenvolvemento industrial, explica o seu crecemento demográfico. As industrias tradicionais son a siderurxia e a química, pero tivo tamén un importante incremento as industrias de transformación. A Tregua de Ratisbona (1684) creou a provincia francesa de Sarre, adherida aos territorios de Luís XIV pero, polo Tratado de Rijswijk (1697), Francia viuse forzada a devolver os territorios conquistados. Na Revolución Francesa, as tropas francesas volveron ocupar Saarland, pero coa derrota final de Napoleón I (1815), a maior parte do territorio foi cedido a Prusia. Despois da Primeira Guerra Mundial foi posto baixo a administración da Sociedade de Nacións, pero no plebiscito de 1935, máis do 90% dos seus habitantes votaron polo retorno a Alemaña. Ocupado por Francia en 1945, un novo referendo confirmou a vontade maioritaria (68%) de formar parte de Alemaña, e converteuse no décimo land da República Federal (1959).