sabre

sabre

(< fr sabre)

  1. s m

    Arma branca semellante á espada, de folla máis ou menos curva, tallante pola súa parte convexa e a miúdo cóncava preto da punta.

  2. s m [ANIMAL/ICT]
    1. Nome que reciben algúns peixes, de forma fina e comprimidos lateralmente.

    2. sabre cinsento [Ruvettus pretiosus, Fam dos xempílidos]

      Peixe teleósteo e peláxico co corpo fusiforme, moderadamente alongado e lixeiramente comprimido, cuberto de pequenos tubérculos óseos que están provistos de dúas espiñas dirixidas cara a atrás. Ten a cabeza comprimida co fociño apuntado, e a boca grande e oblicua coa mandíbula inferior forte e lixeiramente proxectada. É pardo escuro e ao final das aletas pectorais e pélvicas negro. Aliméntase de peixes, cefalópodos e outros invertebrados. OBS: Tamén se denomina peixe cravo.

    3. sabre común [Trichurus lepturus, Fam dos triquiúridos]

      Peixe teleósteo que pode chegar a medir ata 1,5 m de longo e é o único representante galego da súa familia. Presenta un corpo serpentiforme, cun queixo prominente, en que destacan apéndices dérmicos na punta das mandíbulas. Ten aleta dorsal única e longa e a aleta caudal está rematada en fío. É prateado e sucio nas marxes das aletas. É bentopeláxico en augas pouco profundas sobre a plataforma continental ata fondos de 350 m. Aliméntase de peixes, moluscos e crustáceos. OBS: Tamén se denomina peixe sabre.

    4. sabre mouro [Nesiarchus nasutus, Fam dos xempílidos]

      Peixe da orde dos perciformes, que pode chegar a medir 1,5 m de lonxitude. Presenta o corpo estreito, de liñas finas e comprimido lateralmente coa mandíbula inferior máis longa ca a superior. Detrás das aletas dorsais e anais ten unha parella de pínnulas e a liña lateral descende desde o remate da fenda branquial ata a metade do corpo. É castaño escuro ou mouro con reflexos violeta nos costados. Vive en augas oceánicas e é bentopeláxico nos cantís da plataforma continental ou nas elevacións baixo auga entre 200 e 1.200 m. Son carnívoros e depredadores rápidos e aliméntanse de peixes, crustáceos e moluscos.

  3. s m

    Termo da xerga dos cabaqueiros, ou telleiros, que designa o aparello para amasar o barro, é dicir, para facer a ‘mudada’.

Formas incorrectas

sable

Palabras veciñas

sabotar | sabotaxe | Sábrata | sabre | sábrego | Sabrexo | Sabuceda, pozos de