Sagunto
Antiga cidade ibérica e despois romana situada na zona norte do territorio ocupado polos edetanos, preto da costa, que corresponde á actual Sagunt. O emprazamento, sobre un lugar alto de fácil defensa, é típico dos poboados ibéricos e non corresponde ás fundacións marítimas dos gregos. Foi un centro económico importante. As primeiras informacións sólidas sobre a súa historia refírense ao ataque de Aníbal (219 a C) que iniciou a Segunda Guerra Púnica. O problema da responsabilidade da orixe da guerra, a defensa encarnizada dos saguntinos e a súa fidelidade a Roma deron ao feito un gran relevo na historia romana. Despois da guerra a cidade foi reconstruída, primeiro polos cartaxineses, e despois de 212 a C polos romanos. Foi cidade federada ata que nun momento incerto do s I a C, ou durante a época de Augusto, pasou a ser municipio romano. Durante o Alto Imperio foi unha das cidades máis destacadas da costa mediterránea peninsular, probablemente unha das máis poboadas, e suntuosas: con teatro -reconstruído totalmente- e un circo. Despois do s III a cidade decaeu, e durante as primeiras etapas da Idade Media empezou a converterse nun campo de ruínas e o seu nome foi substituído polo de Morvedre, derivado de Muro Vetere ‘parede vella’.