Sáhara Occidental
Territorio do NO de África, correspondente á parte occidental do Sáhara, con fachada atlántica. Os recursos minerais son extraordinarios, en particular os fosfatos e o ferro. Semella que os primeiros habitantes foron pobos de raza negra que foron expulsados cara ao S a causa do avance dos bérberes norteafricanos nos ss VIII e IX. Entre as numeroras tribos en que estes se organizaron, a que conseguiu un poder político más considerable foi a dos lamtunes, do grupo sanhaja, que na primeira metade do s XI iniciou un proceso de expansión que deu lugar ao imperio almorábide. Tras caer este baixo o impulso dos masmudes (almohades) a zona foi controlada polos saditas de Marrocos. A mediados do s XIX diversos comisarios españois visitaron o Sáhara Occidental sen resultados prácticos. O temor a unha colonización inglesa provocou que en 1884-1885 unha expedición española organizada pola Sociedad Española de Africanistas y Colonistas tomara posesión do territorio e fundara dúas bases pesqueiras. En 1900 fixáronse as fronteiras polos gobernos español e francés. En 1958 converteuse en provincia española. Desde 1970 Alxeria, Marrocos e Mauritania esixiron a Madrid a súa descolonización. O 14 de novembro de 1975 asináronse os Acuerdos de Madrid polos que España cedía a administración do Sáhara Occidental a Mauritania e Marrocos. A retirada española fíxose efectiva en febreiro de 1976. Non obstante, a poboación autóctona, os saharauís, encabezada polo Frente Polisario proclamou a República Árabe Saharauí Democrática e, co apoio libio e alxeriano, iniciou a loita contra os dous novos estados ocupadores. En 1979 Mauritania renunciou aos seus territorios, que foron ocupados por Marrocos, que construíu un muro de 1.200 km ao redor da rexión más desenvolvida economicamente, Bu Craa, para protexerse dos ataques do Frente Polisario, que administra os campos de refuxiados establecidos na rexión alxeriana de Tindouf. A pesar dos intentos da ONU e da OUA de acadar o cesamento o fogo, todos os intentos de pacificación e acordos internacionais foron vulnerados por Marrocos. A celebración dun referendo de autodeterminación proposto en 1988 foi freada reiteradamente desde entón.