Saint Kitts e Nevis

Saint Kitts e Nevis
Nome científico: [nome oficial en ingl: Federation of Saint Kitts and Nevis]

Estado insular de América Central, situado ao SL das illas de Saba e Sint Eustatius, ao SO de Barbuda e ao NO de Antiga (269,4 km2; 46.111 h [2001]). A súa capital é Basseterre. Comprende as illas de Saint Kitts (176 km2; 34.930 h [2001]), Nevis (93 km2; 11.181 h [2001]) e o illote deshabitado de Sombrero. Nevis está rodeada dun escudo de coral e ambas as dúas illas son de orixe volcánica e montañosas (monte Misery, 1.156 m de altitude). O dominio climático é tropical. A economía baséase principalmente na agricultura, con cultivos de cana de azucre, cocos, patacas e mangos, complementada con gando ovino, cabrún e bovino. A pesca cobre o consumo, pero en conxunto a produción de alimentos é tan deficitaria que hai que importalos. A industria está resentida pola falta de minerais e electricidade procedente exclusivamente do petróleo importado, e baséase na transformación de produtos agrarios como azucre e subprodutos, cervexa e outras bebidas. Nevis conta cunha importante rede de estradas, e Saint Kitts ten un ferrocarril azucreiro, así como o porto e aeroporto principais, en Basseterre. O comercio exterior é fundamentalmente con EE UU, de onde importa produtos manufacturados e exporta azucre e roupa. A balanza vese compensada co turismo. A poboación é maioritariamente negra (95%) e a lingua oficial é o inglés. Coexisten os anglicanos (33,3%), protestantes (28,2%) e os adscritos a outras relixións (38,5%). O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Saint Kitts e Nevis entre os países cun desenvolvemento humano alto (39° posto mundial cun índice de 0,844). Monarquía constitucional, é un estado independente, dentro do ámbito da Commonwealth, desde 1983. Segundo a Constitución do 19 de setembro de 1983 o poder lexislativo reside na National Assembly, órgano unicameral formado por 15 membros dos que 11 son elixidos mediante sufraxio universal. Renóvase cada cinco anos. O poder executivo perténcelle ao xefe de estado, que reside no monarca hereditario británico, desde 1952 na Raíña Isabel II, que está representado por un gobernador xeral que designa o goberno. O sistema xudicial baséase na common law e conta coa Eastern Caribbean Supreme Court con base en Santa Lucía. As principias forzas políticas son: o social demócrata Saint Kitts-Nevis Labour Party (SKLP); o conservador People’s Action Movement (PAM) e os rexionalistas Concerned Citizens’ Movement (CCM) e Nevis Reformation Party (NRP). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, Organización dos Estados Americanos (OEA), ONU e asociado á UE. Saint Kitts foi colonizada polos ingleses en 1623, pero unha parte da illa estivo ocupada polos franceses (1624-1783). Nevis tamén foi colonizada polos ingleses (1628) e durante os ss XVII e XVIII ocupárona franceses e casteláns. Ambas illas, xuntamente con Anguilla, convertéronse en 1967 en estados asociados a Reino Unido, do que Anguilla se separou en 1980, e tres anos despois Saint Kitts e Nevis obtiveron a independencia. Kennedy Alphonse Simmonds, candidato do PAM, gañou as eleccións de 1980 e enfrentouse ao secesionismo de Nevis. Foi substituído por Denzil Douglas do SKLP en 1995,   quen foi confirmado no cargo en 2000 e 2004.

Palabras veciñas

Saint John’s | Saint John’s | Saint Kitts | Saint Kitts e Nevis | Saint Lawrence | Saint Louis | Saint Mary