salario

salario

(

  1. [ECON/DER]
    1. s m

      Renda recibida polos traballadores a cambio da súa colaboración no proceso produtivo. David Ricardo enunciou que segundo a teoría do salario de subsistencia, existen dous prezos: o prezo natural do traballo, ou importe necesario para a subsistencia e reprodución dos traballadores, e o prezo de mercado, que é o que verdadeiramente se recibe, como resultado da cantidade de traballo ofrecido e demandado. Se o salario de mercado é superior ao salario natural, favorecerase a reprodución e así aumentará a oferta de traballo. Este aumento supón unha baixada no prezo ou salario de mercado, e o proceso repetirase ata conseguir unha igualación entre prezo natural e prezo de mercado. Karl H. Marx baseouse na concepción do salario como valor da forza de traballo, é dicir, o que corresponde aos bens esixidos por producir, desenvolver, manter e perpetuar a forza de traballo nun estado social determinado. O salario así definido resulta, normalmente, inferior ao valor das mercadorías producidas coa forza de traballo que se incorporou. Para Marx, o valor da forza de traballo e a cota de beneficios vólvense magnitudes variables, xa que dependen en último lugar das relacións de forza entre capitalistas e obreiros. John Ramsey McCulloch e John Stuart Mill formularon a teoría do fondo de salario, segundo a que o nivel salarial se explica por unha banda na oferta e pola outra na demanda. A demanda caracterízase pola existencia dun fondo de diñeiro que os empresarios destinan aos traballadores como anticipo do salario, o que queda determinado dividindo o importe do fondo entre os traballadores. As críticas á teoría do fondo salarial levaron á formulación de novas teorías da demanda de traballo como fundamento para a fixación do salario. A teoría da produtividade marxinal do traballo, fundamentándose na teoría marxinal do valor, afirma que os empresarios demandan unidades adicionais do factor traballo, sempre que a produción do último traballador supere o salario pagado. Alban William Housego Phillips estudou (curva de Phillips, 1958) a relación que existe entre a porcentaxe de desocupación da poboación activa e a taxa de variación dos salarios monetarios para a economía inglesa entre 1861 e 1958, e obtivo unha relación inversa entre ambas as dúas variables. A xustificación atópase fundamentalmente no feito de que, se o total de xente desocupada é nulo ou case nulo, calquera excedente na demanda de man de obra supón incrementos da taxa de variación salarial; se o total de xente desocupada aumenta, provocará excesos na oferta de traballo que conducirán á diminución da taxa de variación salarial.

      Sinónimos: paga, soldo.
    2. salario base

      Salario estipulado nun convenio para un traballo e categoría laboral concretos.

    3. salario mínimo interprofesional

      Salario mínimo, fixado polo goberno anualmente, en función do IPC, que ten que percibir todo traballador por conta doutro.

  2. estrutura dos salarios [ECON/DER]

    Conxunto de relacións entre os diferentes compoñentes da renda salarial a nivel macroeconómico, que se compoñen das diferenzas de remuneración entre traballadores, chamadas salario diferencial. Son causas deste salario diferencial as diversidades profesionais ou ocupacionais, o sector ou empresa onde se traballa ou a área onde está situada a empresa.

  3. salario social [ECON/DER]

    Conxunto de prestacións sociais recibidas, principalmente mediante os sistemas da Seguridade Social, polos asalariados sen consideración á súa contribución ao proceso produtivo, pero atendendo ao conxunto de necesidades que ten o traballador e a súa familia.

Palabras veciñas

salangana | Salar | salarial | salario | Salarrué | Salas | Salas