salmo
(< lat psalmu < grψαλμός ‘tocar un instrumento de cordas’)
Composición relixiosa para ser cantada co acompañamento dun instrumento de corda. Descoñécese como eran cantados, pois os cantos sinagogais e a tradición litúrxica cristiá non reflicten o estilo primitivo. O estudo contemporáneo dos salmos dividiunos en diversos grupos: canto de loanza, que acompañaba a celebración diaria do culto ou dos días festivos; de vitoria, de aclamación ao Señor, de admiración pola cidade santa, de peregrinaxe, de entrada ao templo, oráculos de congratulación ou de protección divina, súplicas dun aflixido, dun acusado inocente ou de todo o pobo, confesión das culpas, accións de grazas, proclamas da felicidade dos que se acollen preto do Señor, ou da sorte do xusto e do inxusto, leccións da historia do pobo, reclamacións pola violación da alianza, represións proféticas e cantos arredor da persoa do Mesías. A súa orixe remóntase posiblemente aos últimos séculos do segundo milenio a C. Algúns dos salmos máis antigos, como o canto de vitoria do paso do mar ou o de Débora, son anteriores á monarquía. Os máis recentes poden ser dos ss IV-II a C. Unha boa parte foi composta en tempos dos reis (ss X-IV a C), no ambiente mesmo da corte ou do templo.