Salmos, Libro dos
Recompilación bíblica de 150 salmos que na Biblia hebrea encabeza a sección dos libros haxiógrafos e na orde da Vulgata figura en segundo lugar. A compilación fíxose incorporando varias coleccións anteriores, das que destacan a iavista, que dá a Deus o nome de Iavé (salmos 3-32 e 34-41) que uns títulos tardíos atribúen a David; e a elohista, do nome de Deus, Elohim, composta de tres coleccións atribuídas aos fillos de Coré (Salmos 42-49), a David (salmos 51-72) e a Asaf (73-83). Polo que respecta ao resto dos salmos, distínguense varios grupos: un sen título (salmos 92-100), outro de salmos graduais ou de peregrinaxe (salmos 120-134) e dous de aleluia (salmos 111-120 e 146-150). A máis antiga de todas as versións gregas é a dos Setenta (s III a C), feita sobre un texto hebreo. Outras versións gregas antigas son a de Aquila, Símmaco e Teodoción, feitas directamente sobre o texto hebreo cara ao s I. Das versións semíticas destacan o Targum arameo (s V) e a versión siria Pešità (s II). Das versións latinas (feitas a partir do grego), a máis antiga, ou Vetus latina, data do s II. Xerome (383?) revisouna rapidamente e deu lugar ao Salterio romano. Unha nova revisión profunda (387?) orixinou o Salterio gálico, conservado na Vulgata actual; finalmente el mesmo empregou (392?) unha nova versión directa ao hebreo, o Salterio iuxta Hebraeos. O Pontificio Instituto Bíblico, baixo Pío XII (1945), publicou unha nova versión, chamada vulgarmente Salterio piano, que foi introducida no Breviario romano.