Salnés, comarca do
Comarca situada no NO da provincia de Pontevedra e no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coa comarca de Caldas (Catoira) e a ría de Arousa, ao S coa ría de Pontevedra e a comarca de Pontevedra (Poio), ao L, novamente coas comarcas de Caldas (Caldas de Reis e Portas) e Pontevedra (Barro e Poio) e ao O coa ría de Arousa e o Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 275,2 km2, en que acolle unha poboación de 103.825 h (2001), distribuída nos concellos de Cambados (23,4 km2; 13.385 h), O Grove (21,9 km2; 11.039 h), A Illa de Arousa (7 km2; 4.870 h), Meaño (27,8 km2; 5.426 h), Meis (52,4 km2; 5.017 h), Ribadumia (19,7 km2; 4.161 h), Sanxenxo (45,1 km2; 16.098 h), Vilagarcía de Arousa (44,2 km2; 33.496 h) e Vilanova de Arousa (33,7 km2; 10.333 h). Desde o punto de vista socioeconómico e funcional a comarca está formada pola aglomeración de subáreas funcionais sen que ningunha delas aglutine a todas as demais, a non ser en actividades ou funcións específicas. O centro funcional máis importante é Vilagarcía de Arousa, que actúa como núcleo urbano. Cambados é o segundo centro funcional e a capital histórica. Os outros dous centros importantes son O Grove e Sanxenxo, con actividades socioeconómicas especializadas aínda que vinculadas a Pontevedra. Unha estrutura funcional como esta fai que dentro da comarca as interrelacións sexan intensas e multidireccionais. Todos os concellos están relacionados entre si, aínda que a intensidade destas vinculacións varían segundo o tipo de actividade, a distancia e os equipamentos existentes, o que configura unha continuidade espacial e unha urbanización difusa.
Xeografía física
O Salnés é unha ampla chaira situada por baixo dos 100 m, pertencente á antiga cubeta de erosión que se prolonga na parte suroccidental da comarca de Barbanza, na banda N da ría de Arousa, e que foi posteriormente invadida polo mar durante o Terciario. Esta planitude débese a que o principal curso fluvial, o Umia, presenta un perfil sen pendentes destacadas, ata entrar en contacto coa Depresión Meridiana. Os materiais que forman este conxunto son granitos biotíticos, moi meteorizados e modelados nunha etapa de clima tropical durante o Terciario. Ademais da erosión diferencial, na formación do relevo influíu a tectónica e os seus movementos de levantamento e afundimento de bloques, o que explica as fortes diferenzas entre o val do Salnés, na parte occidental, e as montañas do N (monte Castrove e monte Xiabre). Diferéncianse tres unidades xeomorfolóxicas. A primeira correspóndese co val do Salnés, unha ampla superficie erosionada e afundida, que foi parcialmente ocupada polo mar, no que é hoxe a ría de Arousa, e que non chega aos 100 m de altitude. A principal característica desta chaira é a de presentar outeiros ou restos de relevos residuais, que se elevan entre os 100 e os 300 m (monte Lobeira, entre Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa; monte Trincheiras en Sanxenxo ou o con de Siradellas no Grove). Trátase de enclaves de granito moi resistentes que non foron tan facilmente erosionables como o resto do terreo. Esta ampla chaira está cuberta de materiais sedimentarios de procedencia tanto aluvial como mariña. Destacan os depósitos de areas do Plistoceno, gravas e arxilas mariñas nas vilas de Vilanova de Arousa e Cambados, así como en Vilalonga (Sanxenxo) ou Sisán (Ribadumia); os limos e marismas do Holoceno na área costeira entre O Grove e Cambados, e os depósitos aluviais de areas e arxilas no curso do río Umia e os seus afluentes. A segunda unidade está composta pola orla montañosa do Castrove, ao S, e Xiabre, ao N, formados sobre materiais graníticos elevados pola tectónica alpina, como contraposición ao afundimento do val do Salnés. A erosión posterior á tectónica modelounos e fixo que as pendentes se suavizasen. A altitude destes dous conxuntos supera os 600 m. A terceira unidade sitúase no extremo SO da comarca, no concello de Sanxenxo. Trátase dun espazo formado por entrantes e saíntes no mar, unha costa de cantís, elevada sobre o nivel do mar, que se correspondería cun pequeno espazo de plataforma costeira, mal conservada e bastante fracturada. Ao tratarse dun espazo costeiro afundido e moi castigado pola erosión, a liña litoral móstrase bastante cobregante, con alternancia de cantís de pouca altitude e zonas baixas. Desde o N ata o S, son numerosas as calas e pequenas enseadas labradas en granito e cubertas de area. Destacan a enseada de Vilagarcía e Vilaxoán, a pequena baía de Vilanova de Arousa, a enseada de Cambados, onde desemboca o río Umia, con depósitos de marisma, e o complexo intermareal de Umia-Grove, xa máis ao S, formado por materiais limosos, areas e arxilas. Destaca a presenza da Illa de Arousa, de altitude moi escasa, a península do Grove e o tómbolo da Lanzada. No S da comarca, existe parte dunha plataforma fracturada, que dá lugar a unha costa recortada, con alternancia de pequenas praias e cantís. O Salnés posúe unha gran variedade edáfica, a pesar da case exclusiva presenza dunha rocha nai granítica. Nas áreas montañosas, os solos son esqueléticos (litosolo e protoránker), con moi poucos horizontes, mentres que na área da chaira existe unha maior complexidade de horizontes (ránker atlántico), asociados a depósitos aluviais cuaternarios, especialmente na beira do río Umia, nos concellos de Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Meaño, Meis e Cambados. Están presentes algunhas terras pardas en Vilanova de Arousa, Vilagarcía e Cambados. Na desembocadura do Umia e no complexo intermareal existe un solo hidromorfo. Climaticamente o Salnés atópase baixo un dominio oceánico xeral, onde os matices impostos pola súa situación costeira, meridional e pola escasa altitude do conxunto, dan lugar a unha tendencia á aridez estival, pero moi pouco marcada, xa que non existen meses de seca absoluta. As temperaturas medias anuais sitúanse ao redor dos 14°C, con invernos moi suaves (10°C) e veráns en que se poden acadar os 20°C. A oscilación térmica é, por tanto, moi escasa, e as xeadas son practicamente inexistentes. As precipitacións son elevadas (1.500 mm), sobre todo no monte Castrove e no monte Xiabre, onde poden acadar os 1.800 mm. A vexetación da comarca, moi degradada pola acción humana (cultivo da vide, procesos de urbanización e desenvolvemento do turismo litoral), está composta por piñeiros de repoboación, eucaliptos e bidueiros. A vexetación autóctona practicamente desapareceu. O Complexo Ons-O Grove foi incluído como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) en 2001 na proposta da Rede Natura 2000. Este espazo divídese en dúas partes: as illas de Ons e Onza, que forman parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre da Illas Atlánticas de Galicia desde 2002; e o Complexo intermareal de Umia-Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, que foi declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) en 1990 e Humidal Protexido en 1993. Este complexo ofrece un ambiente de marisma, con lodos, areas e limos, comunidades vexetais de xuncos e salicornias no límite superior das mareas, e endemismos dunares na zona de contacto con terra firme. A lagoa Bodeira (O Grove) é a única lagoa costeira de auga doce de Galicia, con especies de carriceiras (Phragmites australis), canavais (Arundo donax), espadanais (Typha latifolia) e ranunculáceas.
Xeografía humana
O Salnés é unha das poucas comarcas galegas que tivo un crecemento sostido ao longo de todo o s XX. Sempre foi unha área cunha poboación moi densa e unha agricultura intensiva que permitía o mantemento e o aumento da poboación. En 1900, O Salnés contaba con 48.564 h, que se incrementaron pouco a pouco ata 1960. O crecemento desta etapa estivo propiciado por un movemento vexetativo de signo positivo (altas taxas de natalidade e mortalidade en descenso), e por unha emigración cara a América que non chegou a contrarrestar a evolución positiva. A diversificación económica fixo que os efectivos poboacionais medrasen ano a ano. No decenio 1950-1960 produciuse un período de relativo estancamento, como consecuencia do éxodo migratorio cara a áreas máis urbanizadas e desenvolvidas como outras cidades galegas e as áreas urbanas españolas e europeas. Isto fixo que os concellos máis rurais (Meis, Ribadumia e Sanxenxo) se resentiran e perderan parte dos seus efectivos, mentres que os máis urbanizados tan só tiveron un crecemento menor. A partir da década de 1960 produciuse un crecemento importante en toda a comarca, especialmente nos concellos costeiros, e nas principais vilas. Esta situación de crecemento foi propiciada en 1970 por parte do estado, coa creación do polo de desenvolvemento de Vilagarcía de Arousa, incluído dentro do II Plan de Desarrollo Económico y Social. O maior crecemento atópase no período intercensual 1970-1981 (18% en 11 anos e 1,63% anual), cun crecemento xeneralizado en todos os concellos. O crecemento vexetativo, que se mantiña elevado, e os constantes fluxos migratorios foron os responsables deste elevado crecemento. A partir de 1981 déronse síntomas de esgotamento desta evolución positiva, e os concellos máis rurais comezaron a perder poboación como consecuencia da emigración cara ás propias vilas da comarca. Entre 1980 e 1990, só o turismo e o dinamismo de Vilagarcía de Arousa mantivo crecementos elevados. Xa nos últimos anos do s XX, hai un crecemento moi escaso debido ao avellentamento poboacional e o freo da inmigración. Meaño, Meis e Vilanova de Arousa continúan a perder efectivos, fronte ao resto de concellos, que aínda manteñen unha evolución positiva. Mostra unha natalidade baixa, aínda que bastante máis elevada ca outras comarcas galegas, e unha mortalidade tamén máis baixa ca outras áreas. Os concellos máis rurais posúen crecemento vexetativo negativo (Meis, Ribadumia e Vilanova de Arousa), fronte aos que manteñen o balance positivo (Sanxenxo, Cambados e Vilagarcía de Arousa). A estrutura poboacional mostra un perigoso avellentamento, aínda que é moito menos marcado ca noutras comarcas. O número de menores de 20 anos é bastante superior ao de maiores de 65, como consecuencia da inmigración recibida a partir da década de 1960 e o mantemento de altas taxas de natalidade. Por concellos, existen diferenzas, entre os máis rurais e os máis urbanizados. A densidade de poboación na comarca é unha das máis elevadas de Galicia (377,27 h/km2), cunha tamén elevada densidade de aldeas de tipo difuso, un espazo rururbano que se manifesta claramente na área costeira. As densidades nas parroquias litorais superan os 500 h/km2, especialmente nas áreas urbanas (Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove), mentres que cara ao interior son relativamente máis baixas. A entidade de poboación máis grande é a vila de Vilagarcía de Arousa, seguida polo Grove e Cambados. Outras entidades de considerable tamaño son A Illa de Arousa, Portonovo, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Vilaxoán e Carril. Todos estes núcleos sitúanse no litoral, agás as capitais municipais, con pequenos núcleos que non superan os 500 h.
Xeografía económica
O sistema económico da comarca do Salnés presenta un alto grao de diversificación, coa participación dos tres sectores, aínda que cunha maior presenza do secundario e do terciario na xeración de riqueza e emprego. As actividades primarias supoñen o 16,6% do emprego, repartidas entre as tarefas agrarias (3,7%) e as pesqueiras (12,9%), xa que a gandaría case non é importante. O cultivo da vide é o máis destacado no Salnés, pois todos os concellos producen para a Denominación de Orixe Rías Baixas, subárea val do Salnés, con algúns concellos moi especializados neste cultivo, favorecido pola benignidade climática. O volume de emprego xerado non é excesivo (é máis importante nos concellos do interior ca nos da costa), pero si os beneficios e a identidade da comarca coa variedade do albariño. Destaca tamén a horticultura, de recente desenvolvemento, co cultivo de produtos tradicionais como leituga, tomate ou pemento, e doutros xa máis innovadores como o kiwi ou a flor cortada. A pesca é o principal subsector dentro do primario, tanto polo volume de empregos como pola riqueza xerada, a pesar da crise e das imposicións da UE. Vilanova de Arousa é o concello pioneiro no cultivo en bateas, xa que a primeira foi instalada neste concello en 1945. En 1991 o número de bateas na comarca era de 1.890, repartidas entre Portonovo, Vilagarcía de Arousa, Cambados e O Grove, en que o cultivo máis importante era o mexillón. O marisqueo a pé é outra actividade significativa, repartida entre as confrarías do Grove, Vilanova de Arousa e Vilaxoán. O porto máis destacado da comarca é o da Illa de Arousa, seguido dos de Cambados e O Grove. O sector secundario dá traballo ao 34,8% da poboación activa, repartido entre a industria propiamente dita, a construción e as actividades da minaría e a produción eléctrica. Por subsectores, os máis destacados son a industria conserveira que, a pesar da crise, mantén unha clara primacía na comarca, fundamentalmente nos concellos de Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e O Grove, así como a transformación de peixe e moluscos conxelados. É importante tamén a transformación vitícola nas adegas da comarca. Outros subsectores industriais que xeran importantes beneficios son os estaleiros, os transformados metálicos, a transformación de granitos (sobre todo en Meaño) e a maquinaria industrial (Vilagarcía de Arousa). A construción é un importante subsector, favorecido polo espertar turístico, que sitúa as empresas construtoras de maiores beneficios nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo e O Grove, o primeiro deles por ser un centro urbano dinámico e os outros dous por ser centros turísticos. En canto ao sector servizos (48,6% dos activos), o proceso de terciarización xerado a partir de 1950 e 1960, co crecemento das vilas e o descenso de poboación no medio rural, así como o desenvolvemento do turismo no S da comarca, fixeron que se convertese no primeiro sector en empregados e en xeración de riqueza do Salnés. Destacan, entre outros, o eido comercial, con numerosas empresas por xunto, sobre todo no que se refire á comercialización de peixe, marisco e viño, onde sobresaen Vilagarcía de Arousa e O Grove. O resto das empresas comerciais son minoristas, de tradición familiar, aínda que se produciu unha considerable creación de pequenas empresas, algunhas correspondentes a sucursais e franquicias, e outras por iniciativa local nas vilas, tras o seu desenvolvemento urbano. A hostalaría ten a súa máxima expresión en Sanxenxo, que conta co maior número de hoteis e hostais de toda a comunidade superando incluso as cidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela; e O Grove. A estacionalidade turística tamén se mostra no emprego, sobre todo estival. Polo que respecta aos transportes, existe un importante desenvolvemento do porto de Vilagarcía de Arousa, onde destaca o transporte de mercadorías. Por estrada destacan a C-550, a Vía Rápida do Salnés, que comunica a zona turística de Sanxenxo e a vila de Cambados coa AP-9, e o ferrocarril A Coruña -Vigo.
Historia
A antigüidade do poboamento do Salnés amósase nos gravados rupestres dos Ballotes atopados no lugar do Salgueiro (Vilagarcía de Arousa) e no monte Castrove en Meis. No s VI a C establecéronse diversas comunidades prerromanas no concello de Cambados, segundo os restos arqueolóxicos atopados na desembocadura do Umia. En Vilagarcía de Arousa consérvanse os castros de Carril, Castrogudín e Lobeira, e no Grove, destacan os de Siradella, San Martiño e o de Punta Castriño, e necrópoles tardorromanas en terreos areosos próximos ao mar, como a de Cantodorxo e a de Adro Vello. Moitos destes castros foron romanizados como a necrópole da Lanzada. Ademais a Via XX enlazaba Cambados e Iria Flavia. A partir do s VIII normandos e musulmáns fixeron numerosas incursións nesta zona costeira, de xeito que se construíu unha torre de vixilancia na Lanzada. Durante o s X Ordoño II confiou á Igrexa compostelá a posesión das salinas de Noalla e doou as terras da illa do Grove, coas súas vilas, igrexas e pertenzas. A igrexa de Santa María de Simes (Meaño) estivo protexida por importantes monarcas e nobres como dona Urraca e o Rei Afonso VII, quen doou estas terras ao mosteiro de San Martiño Pinario. No castelo de Lobeira (Vilanova de Arousa) tiveron lugar as loitas entre a raíña dona Urraca e o arcebispo Xelmírez, que finalizaron en 1175 coa entrega do castelo á mitra compostelá. Posteriormente, a fortaleza foi destruída durante as Guerras Irmandiñas. O núcleo urbano máis desenvolvido era Cambados. Vilagarcía era un burgo mariñeiro que tomou o seu nome, ata entón chamábase Area Longa, do arcebispo compostelán García de Caamaño e Mendoza de Soutomaior que, en 1461, concedeu unha carta de poboamento para a fundación dun burgo mariñeiro. Sanxenxo era capital de xurisdición e a riqueza e a situación privilexiada da zona deu lugar a preitos e disputas sobre señoríos, coutos e dominios pola herdanza e posesión da terra. En Meis fundouse no s XII o mosteiro de Santa María de Armenteira, pasando a parroquia do seu mesmo nome e varios lugares do Salnés á propiedade e beneficio do cenobio, tanto por doazón real coma de particulares. Durante a Idade Moderna, coa introdución de novos produtos agrarios e cunha poboación crecente, O Salnés desenvolveuse desde o punto de vista agrario e comercial. O principal cultivo foi o viñedo, xunto co millo e a pataca. O porto de Carril foi un dos máis importantes de Galicia nos ss XVII e XVIII, pero o auxe do porto de Vilagarcía, sobre todo tras a autorización en 1814 das Cortes para comercializar con Europa e América, supuxo o seu estancamento e a mingua da actividade portuaria. A Igrexa compostelá seguiu exercendo a súa xurisdición sobre as terras ata o s XIX, xunto con outras familias nobres. Durante o s XIX e principios do s XX instaláronse nas principais vilas empresarios cataláns que desenvolveron a industria conserveira. Coa nova división territorial municipal de 1835, O Salnés quedou dividido en nove concellos, que pasaron a dez en 1845 coa segregación de Ribadumia do termo de Cambados. A partir das primeiras décadas do s XX, Vilaxoán e Carril, concellos independentes, pasarona formar parte do de Vilagarcía de Arousa e en 1997 A Illa de Arousa segregouse do de Vilanova.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan, no eido da arquitectura relixiosa, as ruínas de Santa Mariña Dozo en Cambados, as igrexas de San Martiño e San Vicente no Grove, San Xoán de Meaño, o antigo mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis, Santa María de Besoño e Santo André de Barrantes en Ribadumia, a ermida da Lanzada en Sanxenxo, o convento de Vista Alegre en Vilagarcía de Arousa e Santa María de Caleiro en Vilanova de Arousa. No eido da arquitectura civil destacan a praza de Fefiñáns, onde se atopa o pazo de Figueroa, e o pazo de Bazán, hoxe Parador Nacional de Turismo en Cambados, o Gran Hotel Balneario da Toxa no Grove, o pazo de Meaño, a torre e o pazo de Quintáns en Meis, o pazo de Barrantes en Ribadumia, o pazo de Padriñán en Sanxenxo, o pazo dos marqueses de Vilagarcía de Arousa, e as torres de Calogo en Vilanova de Arousa. Das festas que se celebran na comarca destacan as da Virxe do Carme en Cambados, as romarías de San Brais e San Bieito en Meaño, a romaría de Nosa Señora das Cabezas en Armenteira (Meis), a romaría de Santa Marta de Ribadumia, a romaría da Lanzada en Sanxenxo, as festas de San Roque en Vilagarcía de Arousa, declaradas de Interese Turístico Nacional, e as romarías de San Simón, Santa Marta e San Amaro. Celébranse tamén a Festa do Albariño en Cambados e a Festa do Marisco no Grove, declaradas ambas as dúas de Interese Turístico Nacional, e a do Viño Tinto do Salnés en Ribadumia.