Salomón, Illas
Estado insular do SO de Oceanía, ao L de Papua Nova Guinea (28.370 km2; 460.000 h [estim 2001]. A súa capital é Honiara (43.643 h [1996]).
Xeografía
A maioría das illas que compoñen este estado son de orixe volcánica e montañosas. A máxima altitude é Guadalcanal con 2.440 m. O clima é ecuatorial e a pluviosidade é abundante. As chuvias, moi frecuentes, provocan a erosión do solo. Os arrecifes de coral están sendo fortemente danados. A pesca de atún e a agricultura de subsistencia constitúen as actividades tradicionais. Os principais cultivos son a palma de aceite, a copra, os cocos, o cacao, o arroz e a batata. A gandaría está composta por gando porcino e ovino. Existen xacementos de ouro. As manufacturas limítanse á elaboración de aceite de palma, copra, tabaco e peixe. Honiara é o primeiro porto e aeroporto do estado. A moeda é o dólar das illas Salomón. País pouco poboado (16,2 h/km2), presenta un alto crecemento natural (31,8‰).
Sociedade e goberno
A poboación é de raza melanesia (94%), con minorías polinesia, micronesia, europea e chinesa. A maioría da poboación é protestante (41,8%), seguida dos anglicanos (33,9%) e católicos (19,1%). A lingua oficial é o inglés, pero fálanse ao redor dun cento de linguas autóctonas, entre as que destacan as melanesias. O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa as Illas Salomón entre os países cun desenvolvemento humano medio (124° posto mundial cun índice de 0,624). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 75 anos para as mulleres e de 70 para os homes; o índice de alfabetización de adultos é do 76,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 50%; e o PNB real por habitante é de 1.590 $ EE UU. Antigo protectorado británico, independizouse dentro do ámbito da Commonwealth o 7 de xullo de 1978. Segundo a Constitución do 7 de xullo de 1978, o poder lexislativo reside no National Parliament formado por 50 membros elixidos para un período de catro anos mediante sufraxio universal. O poder executivo pertence ao monarca británico, xefe de estado, que está representado por un gobernador xeral, designado pola raíña asesorada polo National Parliament, para un período de cinco años; o gobernador xeral nomea o primeiro ministro, que o asesora para a elección do goberno de entre os membros do National Parliament. O sistema xudicial baséase na commom law e conta cun Tribunal Supremo. As principias forzas políticas son: o socialdemócrata People’s Action Party (PAP), os independentistas Association of Independent Members (AIM); a alianza electoral Solomon Island Alliance for Change (SIAC) formada maioritariamente polo liberal Solomon Islands Liberal Party, o progresista People’s Progressive Party (PPP) e o laborista Labour Party (LP). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, Comunidade do Pacífico (PC), ONU e asociado á UE.
Historia
As illas foron descubertas por Álvaro de Mendaña en 1568 e redescubertas por Bougainville en 1768. No período 1893-1899 o arquipélago das illas Salomón foi repartido entre Alemaña e Reino Unido, que ocupou a parte occidental máis rica. O Tratado de Versalles (1919) traspasou a Australia a zona alemá, que posteriormente constituíu Papua Nova Guinea. En 1942 os xaponeses ocuparon gran parte do arquipélago, pero as illas foron reconquistadas en 1944. En 1978 fíxose independente dentro da Commonwealth con Peter Kenilorea como primeiro ministro, confirmado no cargo nas eleccións de 1980, pero como resultado dun novo aliñamento no National Parliament, foi substituído por Solomon Mamaloni, novo líder do PAP (1981). Kenilorea gañou as elecións en 1985 pero foi substituído por Ezekiel Alebua en 1986. Tras as eleccións de 1989 Mamaloni conseguiu ser primeiro ministro de novo ata que, en 1993, gañou as eleccións Francis Billy Hilly, pero foi susbstituído de novo por Mamaloni. Tras o triunfo do SILP en 1997, o liberal Bartholomew Ulufa’alu foi nomeado primeiro ministro. En xuño de 2000 foi deposto tras un golpe de estado organizado polo grupo guerrilleiro Malaita Eagle Force (MEF). Nun intento de normalizar o país, foi nomeado, mediante unha coalición de partidos, Manasseh Sogavare, líder do PPP, que foi substituído por Allan Kemakeza, candidato do PAP (2001). En xullo de 2003, forzas militares multinacionais aterrizaron en Salomon para restaurar a lei e a orde, na Operation Helpem Fren.