Salvatierra, condado de

Salvatierra, condado de
[HERÁLD]

Título nobiliario xurdido en 1613 cando o señorío de Salvatierra foi elevado á categoría de condado. O señorío de Salvatierra xurdiu en 1389 cando o Rei Xoán I concedeu a vila e a súa xurisdición a Paio Subredia de Soutomaior . Aínda que estableceu morgado sobre o señorío para que continuase nos seus sucesores, o Rei Xoán II doouno a Rodrigo de Villadrando, conde de Ribadeo que vendeu a vila a Diego Pérez Sarmiento, conde de Santa Marta, quen en 1455 trocou a vila de Salvaterra e os seus dereitos pola de Castro Cavadoso, que pertencía a Alvar Pérez de Soutomaior. Posteriormente pasou ao seu irmán bastardo Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga. Á morte deste en 1486, o conde de Ribadavia, Bernardino Sarmiento, reclamou a vila de Salvaterra a Álvaro de Soutomaior. Reclamou tamén os dereitos García Sarmiento de Soutomaior , neto de Paio Subredia de Soutomaior , a quen se lle deu a vila e os seus dereitos en 1497. En 1512 constituíu o morgado principal da súa casa cos señoríos de Salvatierra e Sobroso. Sucedeuno o seu fillo Xoán Sarmiento de Soutomaior , señor de Salvatierra, señor de Salvatierra e Sobroso e xentilhome de Carlos I. O seu sucesor foi o seu fillo García Sarmiento de Soutomaior , cabaleiro de Alcántara e xentilhome de Filipe II. O seu fillo e sucesor, Diego Sarmiento de Soutomaior, foi o primeiro conde de Salvatierra ao recibir de Filipe III a dignidade condal. O seu fillo e sucesor García Sarmiento de Soutomaior , II conde de Salvatierra, obtivo de Filipe IV a dignidade de marqués de Sobroso, para os primoxénitos da súa casa. O V conde de Salvatierra Xosé Francisco Sarmiento de Soutomaior (1681-1725), obtivo de Filipe V a Grandeza de España en 1718 para el e os seus sucesores. O casamento da VIII condesa de Salvatierra, Juana Fernández de Córdoba y Villaroel (?-1808) con José Rafael de Silva y Palafox, duque de Híjar e conde de Ribadeo, uniu os títulos condais de Salvatierra e Ribadeo que herdou o seu fillo Cayetano de Silva y Fernández de Córdoba (1805-?), IX conde de Salvatierra. Alfonso de Silva y Fernández de Córdoba (1877-1955) foi XI conde de Salvatierra. A súa filla María del Rosario Silva y Guturbay (1909-1934), que casou con Jacobo Fitz-James Stuart y Falcó, XX conde de Lemos, morreu antes ca el, polo que á morte do XI conde, os títulos pasaron á filla desta, María del Rosario Cayetana Fitz-James Stuart y Silva , XXI condesa de Lemos, XI duquesa de Berwick, XVIII duquesa de Alba, XXV condesa de Ribadeo e XII condesa de Salvatierra, que cedeu o título ao seu fillo Cayetano Martínez de Irujo Fizt James , XIII conde de Salvatierra. Trae por armas, escudo partido: 1, de ouro, cun crecente ranversado de goles; 2, de goles, con cinco estrelas de ouro, colocadas en aspa. Outro, escudo en catro partes: 1 e 4, de goles, cun castelo de ouro, aclarado de azul; 2 e 3, unha cruz flordelisada de goles, cargada de cinco cunchas de vieira colocadas unha en cada brazo e outra no centro.