Samarcanda
Capital da provincia homónima, Uzbekistán (362.300 h [1999]). A súa economía baséase nas construcións mecánicas e nas industrias química, téxtil e alimentaria. Capital da Sogdiana na época dos aqueménidas, foi conquistada por Alexandre o Grande (329? a C) e, co nome de Ìáñάêáíäá, formou parte do imperio seléucida e do Reino de Bactriana. Conquistada polos árabes na expansión de Qutayba ibn Muslim (709-712), durante a época dos samánidas (ss IX e X) foi un dos principais centros culturais do Islam, foco do renacemento literario persa. Despois das sucesivas dominacións qarakhánida, selxúcida (s XI) e karakitai (s XIII), Xenguis Khan devastouna en 1220 e deportou a poboación. Capital do Imperio Timúrida (finais do s XIV), converteuse no núcleo económico e comercial máis importante de Asia Central. O seu declive iniciouse baixo o dominio uzbeco, durante o cal a capital foi trasladada a Bukhara (s XVI). Entre 1924 e 1930 foi a capital de Uzbekistán. Do seu patrimonio cultural destacan, da época timúrida, a mesquita de Bibi Khanum (1399), esposa chinesa de Tamerlán, e a necrópole de Shāh-i-Zindeh.