Samos
Illa grega do arquipélago das Espóradas Meridionais, situada no Mar Exeo, preto de Asia Menor. De estrutura calcaria, con rochas metamórficas e xistos, presenta dous grupos montañosos: o Kerkis (1.437 m) e o Ambelos (1.137 m). A súa economía baséase nos cultivos de vides, oliveiras, froiteiras, tabaco e algodón. Ocupada na Antigüidade por colonos xonios cara aos ss XI-XII a C, participou (ss VII-VI a C) nos movementos colonizadores e fundou núcleos de poboación en Amorgós, Samotracia e incluso en Italia, á vez que politicamente instauraba a democracia, que foi abatida no 540 a C por Polícrates. No 499 a C a illa participou na rebelión xónica, entrou na Liga Délica (478 a C) e pasou aos romanos. Os seus restos arqueolóxicos, dos que destaca o templo de Hera, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1992.