San Clodio, mosteiro de ou mosteiro de San Clodio do Ribeiro

San Clodio, mosteiro de ou mosteiro de San Clodio do Ribeiro

Antigo mosteiro situado en San Clodio (Leiro). De orixe descoñecida, pode que a vida monacal comezase na segunda metade do s VI con monxes que seguían a regra beneditina, procedentes de San Claudio de León. A primeira noticia histórica é de 928, cando se produciu a doazón dos condes Álvaro e Savita. Daquela o mosteiro tiña carácter familiar e dúplice e seguía a regra beneditina. Cara a 1151 adoptouse á regra cisterciense e en 1225 ingresou na orde do Císter. Desde 1530 ata a exclaustración de 1835 integrouse na Congregación de Castela. En 1891 foi priorado de Samos pero a vida monacal despareceu. As súas dependencias restauráronse e reformáronse para converterse en hotel. A igrexa ten planta basilical de tres naves divididas en catro tramos e tres ábsidas semicirculares, precedidas dun tramo recto, das que destaca a central, e cruceiro. O acceso ás capelas absidais é mediante arcos apuntados, as laterais cóbrense con bóveda de canón apuntado o tramo recto e bóveda de forno o tramo curvo e a central cóbrese con bóveda de oxivas e bóveda de canón apuntado. As naves tiñan, en orixe, cuberta de madeira a dúas augas que despois se substituíu nalgún tramo por bóveda de oxivas estrelada. A fachada principal está dividida en tres rúas, que se corresponden coa división das naves, separadas mediante contrafortes pegados aos muros; e dous corpos. A portada ábrese no corpo inferior da rúa central. Está formada por tres arquivoltas apuntadas con decoración xeométrica e vexetal, apoiadas en columnas acobadadas con bases áticas e fustes lisos. No corpo superior ábrese un rosetón, do que se perdeu a trazaría. No corpo superior das rúas laterais tamén se abren dous rosetóns. No lado sur da fachada atópase unha torre cuadrangular rematada nun campanario dun só piso ao que se lle engadiu outro corpo montado nun arco de medio punto dobrado e apoiado en ménsulas. Das antigas dependencias monacais destacan o claustro procesional, construído no s XVII con planta cadrada e dous corpos, o inferior aberto con arcos de medio punto e cuberto con bóvedas de oxivas, e o superior tamén con arcos de medio punto; e un segundo claustro do s XVI, de planta cadrada e dous pisos. Foi declarado BIC en 1981.

Palabras veciñas

San Clodio | San Clodio | San Clodio de Aguiar | San Clodio, mosteiro de ou mosteiro de San Clodio do Ribeiro | San Clodio, ponte de | San Clodio, ponte de | San Cordio, pena de