San Francisco, convento de
Convento situado en Santiago de Compostela. Fundouno en 1214 san Francisco durante a súa peregrinación ao sepulcro do Apóstolo Santiago. Da primitiva construción consérvanse cinco arcos oxivais e o sepulcro de Cotolay de 1238. A igrexa é obra de Simón Rodríguez (1742). Ten planta de cruz latina encadrada nun rectángulo, con capelas laterais e tribuna que se abre á nave central. Cóbrese con bóveda de canón e cúpula de media laranxa sobre pendentes. No interior destaca o retablo maior, obra de Melchor de Prado, presidido por unha imaxe da Inmaculada traída de Roma (1750). A fachada modificouse tras a morte de S. Rodríguez e amosa o estilo barroco na parte inferior e neoclásico no superior. Está enmarcada por dúas torres de dous corpos, o superior rematado en cúpula. Na rúa central do corpo inferior destaca a imaxe de san Francisco, obra de X. Ferreiro. Diante da fachada atópase o monumento a San Francisco, obra de F. Asorey. Na parte conventual destacan os claustros, un trazado por B. Fernández Lechuga, con arcos de medio punto sobre columnas toscanas; e o atribuído a G. Martínez, de decoración máis austera. Ao lado norte do convento incorporouse a capela da Venerable Orde Terceira, construída entre 1681 e 1706 seguindo as trazas de D. de Andrade e D. de Romay. De planta rectangular, ten nave única cuberta con bóveda de canón e cabeceira de planta rectangular cuberta cunha cúpula. A fachada remata cun campanario de planta rectangular. No interior do convento atópase a Biblioteca e o Museo de Terra Santa. O convento foi declarado BIC en 1986.