San Xoán de Xerusalén, orde de

San Xoán de Xerusalén, orde de

Orde relixiosa e militar de nome completo Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, de Rodas e de Malta, coñecida como Soberana Orde de Malta. A súa orixe atópase nun hospital fundado en Xerusalén ao redor de 1050 para asistir aos peregrinos que acudían aos Santos Lugares. Independizouse co beato Xerardo e en 1113 foi aprobada polo Papa Pascual II que a puxo baixo a tutela da Santa Sé. Coa constitución do Reino de Xerusalén, asumiu a defensa militar dos enfermos, peregrinos e territorios conquistados aos musulmáns e pasou a ser relixiosa e militar. Tiña como distintivo unha cruz branca de oito puntas sobre un hábito e capas negros. Coa caída de Xerusalén en 1291, estableceuse en Chipre e en 1310 en Rodas. A orde era gobernada polo gran mestre e por un consello. Territorialmente organizouse en sete linguas: Provenza, Auvernia, Francia, Italia, Aragón-Navarra, Inglaterra (con Escocia e Irlanda) e Alemaña; en 1492 Castela e Portugal separáronse de Aragón e constituíron unha lingua. Cada una estaba integrada por priorados ou grandes priorados, bailías e encomendas. Coa toma de Rodas polos otománs en 1523 a orde abandonou Rodas e en 1530 instalouse na illa de Malta, cedida en feudo polo Emperador Carlos V, e pasou a ser coñecida como orde de Malta. En 1798 Napoleón I ocupou a illa e a orde tivo que abandonala. En 1834 instalouse en Roma, onde permanece. Só conserva as tradicións militares e desenvolve actividades médicas, humanitarias e diplomáticas. Está presente en 54 países e está composta por 6 Grandes Priorados, 4 Subpriorados e 46 Asociacións Nacionais. Instucionalmente réxese pola Carta Constitucional e o Código, reformados en 1997. O seu goberno corresponde ao príncipe e gran mestre. Ten o estatus de observador permanente ante a ONU, a Comisión Europea e outras organizacións internacionais.
Presenza histórica en Galicia
En Galicia existiron 8 encomendas, dependentes da lingua de Castela, ademais de bailías e priorados dependentes delas. Contaban con hospitais para atender peregrinos e viaxeiros e exercían xurisdicións temporais e espirituais. Na provincia de Lugo a encomenda de Quiroga absorbeu as de Portomarín e Trebexo, que pertenceu con anterioridade á orde de Santiago e á do Incio. Na provincia de Ourense as encomendas de Osoño e Castrelo de Miño, absorbida previamente por Osoño, integráronse na encomenda de Quiroga; e a encomenda de Beade absorbeu á de Pazos de Arenteiro no s XVIII. Na provincia de Pontevedra formáronse as encomendas de Toroño, que se incorporou a Beade no s XVII, e Mourentán, que pasou a depender de Beade.