Sánchez Bárcena, Adoración
Actriz. Coñecida como Dorotea Bárcena, en 1970 creou o grupo teatral Esperpento Teatro Joven, co que organizou unhas xornadas en Vigo, logo trasladouse a Madrid, onde fundou a compañía La Picota e participou no desenvolvemento do Teatro Independiente Español. En 1978 fundou en Santiago de Compostela, xunto a Xulio Lago, Teatro da Mari-Gaila. En 1985, fundou a Compañía de Teatro Dorotea Bárcena, que cambiou logo o seu nome polo de Teatro do Atlántico, onde representou Xoana, de M. Lourenzo. En 1988 escribiu e dirixiu para o Centro Dramático Galego a adaptación dramática de Follas Novas. Nese mesmo ano ocupou durante un breve espazo de tempo a dirección do CDG. Posteriormente fundou Teatro da Lúa. Co Centro Dramático Nacional participou en Martes de Carnaval (1995) e novamente co CDG en Xelmírez ou a groria de Compostela (1999). Autora de varias obras de teatro, da súa produción destaca O Agnus Dei dunha nai (1980). Tamén publicou, na revista Ólisbos, a escena teatral Diálogo de cama cámera post actus amatorius (1990), ademais do relato breve A fábula do buraco negro e os soños, soños son (1993). Realizou algunhas incursións no campo da dobraxe, o cine, como Divinas Palabras (1987), e a televisión, como Nada es para siempre (1999-2000) e Periodistas (1998-2002). Recibiu o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Iniciativas Culturais (1994).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Oviedo