Sánchez Palomino, Mª Dolores

Sánchez Palomino, Mª Dolores

Filóloga. Doutora en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1990), é   profesora titular (1993) desta disciplina na Universidade da Coruña. Foi membro do equipo de investigadores do Instituto da Lingua Galega (ILG), onde colaborou no Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa, 1985-1989) e no Arquivo do léxico galego e, desde 1990, é membro do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega (RAG). As súas liñas de investigación son a lingüística galega, en particular a lexicografía e a historiografía, a lingua francesa e a edición de textos medievais. Participou no proxecto de investigación Vocabulario fundamental da lingua galega (1987) e dirixiu e dirixe diferentes proxectos relacionados coa lexicografía e a edición de textos medievais. Formou parte do equipo redactor do Dicionario da lingua galega (1990) e do Dicionario da Real Academia Galega (1997), e participa na elaboración do Dicionario xeral da lingua galega (1997). En relación coa filoloxía francesa, realizou a tese de licenciatura Strutures narratives dans La Faculté des Songes (le niveau narrationnel) (1985) e a tese de doutoramento O artigo en francés nos séculos XIV e XV (1991), entre outros traballos. Traduciu ao galego obras científicas, didácticas e literarias desde diferentes linguas, como Matinación (1988) e Pacaticú (1988), do catalán, ou Os ananos de Mantua (1994), do italiano. É membro do Comité de Asesores da Enciclopedia Galega Universal e vicepresidenta da Asociación de Tradutores Galegos desde novembro de 2003. Desde 2004 é académica correspondente da Real Academia Galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : San Vicente de la Barquera, Cantabria