Santa Marta de Moreiras, igrexa de

Santa Marta de Moreiras, igrexa de

Igrexa parroquial situada no Pereiro de Aguiar. De orixe románica, ten elementos góticos dos ss XIII e XIV e fachada barroca do s XVIII. Ten planta de nave única rectangular con capela maior rectangular, ambas as dúas decoradas con pinturas, e sancristía pegada. A porta principal é dunha soa arquivolta de arco apuntado enmarcado cunha orla decorada con zigzags, apoiada sobre columnas acobadeladas. Sobre a porta ábrese unha ventá e sobre esta unha espadana de tres corpos decrecentes. No muro sur ábrese unha porta con dúas arquivoltas apoiadas en columnas acobadeladas con capiteis vexetais. Ao seu redor celébrase a romaría dos Gozos, os dous domingos seguintes ao de Pascua.