Santa Marta de Ortigueira, condado de

Santa Marta de Ortigueira, condado de

Título outorgado en 1442 por Xoán II a Diego Pérez Sarmiento, señor de Santa Marta de Ortigueira, Ribadavia e outros lugares, adiantado maior de Galicia. O II conde de Santa Marta de Ortigueira foi o seu neto Francisco Sarmiento de Zúñiga , que preiteou co seu tío Bernardiño Sarmiento, I conde de Ribadavia. A III condesa de Santa Marta de Ortigueira foi Isabel Sarmiento de Zúñiga , que casou con Álvaro Pérez Osorio, polo que o condado quedou unido ao condado de Trastámara e ao marquesado de Astorga. A XIII condesa de Santa Marta de Ortigueira, Ana Nicolasa de Guzmán Dávila Osorio , casou en 1707 con Antonio Gaspar Osorio de Moscoso e Aragón, VIII conde de Altamira e os títulos permaneceron unidos ata que á morte do XIX conde de Santa Marta de Ortigueira, Vicente Pío Osorio de Moscoso e Ponce de León , o título reverteu na coroa. Restituíuno en 1915 o tataraneto deste, Fernando Osorio de Moscoso (?-Madrid 1977), XX conde de Santa Marta de Ortigueira, que morreu sen sucesión. En 1983 María Blanca Barón e Osorio de Moscoso (Ávila 1925-Madrid 1999), neta do XVI conde de Altamira, converteuse na XXI condesa de Santa Marta de Ortigueira, que en 1988 cedeu o título ao seu fillo Rafael Castellano Barón , XXII conde de Santa Marta de Ortigueira. Trae por armas as dos Sarmiento.