Santa Tegra, castro de
Xacemento situado no monte Santa Tegra (A Guarda). Descubriuse durante a construción dunha pista forestal no monte en 1913. Foi escavado por Ignacio Calvo (1914-1924), Cayetano Mergelina Luna (1928-1933 e 1943-1944), Fernández Rodríguez en diversas campañas entre 1952 e 1972 e Antonio de la Peña Santos (1983-1988). Localízase a partir dos 200 m de altitude. Trátase dun poboado amurallado que non ten un sentido urbanístico xeométrico pois as vivendas, a maioría circulares e algunhas trapezoidais ou ovadas, aparecen agrupadas en barrios, posiblemente de carácter familiar, e só existen algunhas pequenas rúas que as separan. Moitas delas presentan vestíbulos e no interior teñen un banco corrido e un piar ou poste central que suxeitaba o teito de palla. A muralla, realizada en cachotaría, tiña como función principal delimitar o territorio e contaba con dúas entradas. Acadou o seu momento de maior esplendor entre os ss I a C e I d C, e a partir do s II iniciou un período de decadencia no que foi abandonado e os seus habitantes pasaron a ocupar o val. En 1965 reconstruíuse unha vivenda e en 1972 realizouse unha segunda reconstrución. Atopáronse resto de fusaiolas, discos furados, sigillatas, cerámica romana, ánforas, moedas, fíbulas e outras pezas. En 1914 fundouse, para acoller os restos atopados, o Museo Arqueolóxico do Castro Santa Tegra (BIC, 1962). Localizáronse tamén varios grupos de gravados rupestres (BIC, 1975), dous deles compostos por figuras de espirais. O castro foi declarado BIC en 1931.