Santa Tegra, Voto de
Celebración que ten lugar no monte Santa Tegra (A Guarda). A súa orixe atópase nun suceso acontecido en 1355 cando a comarca padeceu unha seca e a peste durou sete anos. Segundo a tradición santa Tegra apareceulle a unha pastora e díxolle que era vontade de Deus que fixesen rogativas e penitencias na cima do monte para remediar estes males. Os abades dos mosteiros de Santa María de Oia e de Barrantes (Tomiño) acordaron que os eclesiásticos das sete parroquias da zona subisen ao monte en actitude penitencial e rendesen culto á santa. Uníronselle moitos fieis da comarca e o bispo de Tui Juan de Castro. Despois de día e medio de súplicas, chegou a choiva e os devotos, para agradecelo, fixeron voto perpetuo de restablecer a antiga Irmandade do Clamor, reanudando os antigos cultos a santa Tegra, subindo, só homes, ao monte o luns da Asunción, en xaxún de pan e auga e demais actos que mandaban as antigas constitucións. Desde 1973 celébrase o último sábado de agosto á tardiña.