Santamarina Fernández, Antón-Luís
Filólogo. Doutorouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1973) e, desde 1983, é catedrático de Filoloxía Románica na mesma universidade. Secretario do Instituto da Lingua Galega (ILG) entre 1971 e 1991, desde 1993 ocupa o cargo de director. Desde todos os seus ámbitos de traballo impulsou activamente a expansión e difusión da lingua galega e centrou as súas liñas de investigación nos diversos campos da lingüística galega. Durante a Xunta Preautonómica ocupou a Secretaría da Lingua Galega (1979), cargo desde o que promoveu a implantación do galego no ensino non universitario. Nese mesmo ano foi nomeado secretario da Comisión de Toponimia da consellaría de Educación e Cultura, que elaborou os ditames do Nomenclátor de Galicia (2005), publicación que recolle a toponimia oficial das entidades de poboación de Galicia. Como membro do ILG participou na redacción das Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego (1977), punto de partida das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, oficializadas en 1982, e na elaboración dos métodos Galego 1 (1971), Galego 2 (1972) e Galego 3 (1974). No campo da dialectoloxía e da cartografía lingüística dirixiu, xunto con Constantino García, o Atlas lingüístico galego (ALGa) (1990-2003). Desde 1986 traballa na Base de datos para la formación de un dicionario del gallego moderno, dicionario histórico da lingua galega moderna (desde 1612 ata a actualidade), en parte xa dispoñible en Internet a través do Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). Dirixiu o Dicionario de dicionarios (2000), con versións ampliadas en 2001 e en 2003, e coordinou, xunto con Manuel González, o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa) (2004). Ademais publicou El habla del Valle de Suarna (1973), El verbo gallego (1974), Cancioneiro galego de tradición oral (1982), en colaboración con Dorothé Shubarth, e Vocabulario inverso da lingua galega (versión provisional) (1989), en colaboración con M. González, e a tradución As aventuras de Pinocchio (1987). É membro numerario da Real Academia Galega (24.10.1998), onde dirixe a sección de Onomástica.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : San Martín de Suarna, A Fonsagrada