Santiago
Capital administrativa de Chile e da rexión Metropolitana de Santiago (4.739.946 h [1999]), situada no centro do país, ao pé dos Andes, á beira do río Mapocho, a medio camiño entre o N e o S, preto do porto de Valparaíso. O núcleo histórico atópase situado sobre o outeiro de Santa Lucía, cuxo centro é a Plaza de Armas. Ao longo do s XX medrou espectacularmente con relación ao conxunto do país (300.000 h a primeiros de século). En 1540 Pedro de Valdivia fundou un forte á beira do río Mapocho, que en 1541 orixinou a cidade de Santiago del Estremo. As guerras araucanas fixeron difícil a súa existencia ata que a liña colonial non permaneceu estabilizada no río Bío Bío. Iso deulle un carácter de cidade medieval fortificada ata o s XVII. Destacou no s XVIII pola súa rede de comunicacións co resto do país e con Arxentina e polas súas melloras urbanísticas. Sede da capitanía xeneral, foi o escenario dos principais feitos independentistas. Ao comezo do s XX iniciou un proceso de industrialización que atraeu nova poboación. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral, iniciada no s XVI e reconstruída diversas veces, e o convento de San Francisco (1572-1618).