Santiago de Compostela

Santiago de Compostela


Concello da comarca de Santiago, situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia, no centro-sur da provincia da Coruña, a 42° 52’ 50” de latitude N e 8° 32’ 03” de lonxitude O. Limita ao N con Val do Dubra (comarca de Santiago), Trazo (comarca de Ordes) e Oroso (comarca de Ordes), ao S con Ames, Teo, Vedra e Boqueixón (todos eles na comarca de Santiago), ao L co Pino (comarca de Arzúa) e ao O con Ames e Val do Dubra. Abrangue unha superficie de 220,6 km 2 cunha poboación de 93.712 h (2007) distribuída nas parroquias de Aríns, Bando, A Barciela, Busto, O Carballal, O Castiñeiriño, Cesar, Conxo, O Eixo, A Enfesta, Fecha, Figueiras, Grixoa, Laraño, Marantes, Marrozos, Nemenzo, A Peregrina, Sabugueira, San Caetano, San Lázaro, San Paio, Santa Cristina de Fecha, Santiago de Compostela, Sar, Verdía, Vidán, Villestro e Vista Alegre. A súa capital é Santiago de Compostela, que dista 64 km da capital provincial. Cabeceira de partido xudicial e capital da comunidade autónoma, está adscrito á arquidiócese de Santiago de Compostela.
Xeografía física

Relevo e hidroloxía
Santiago de Compostela é unha terra de transición entre a Galicia setentrional e a meridional, entre o interior e a costa. O seu relevo está organizado polas concas fluviais do Ulla, ao S, e do Tambre, ao N. Xeomorfoloxicamente, forma parte do chanzo de Santiago, superficie de erosión situada entre os 200 e 300 m de altitude, que desde a Dorsal Occidental Galega vai caendo cara ao O ata chegar ao mar. Trátase dunha superficie de aplanamento arrasada durante o Terciario, formada por materiais antigos, principalmente paleozoicos. Esta superficie aplanada aparece desecada polos vales dos ríos Ulla e Tambre e dos seus afluentes. Así, de N a S, diferéncianse tres grandes unidades de relevo: o val do río Tambre, a divisoria de augas entre as concas do Tambre e do Ulla e o val do río Sar, tributario do Ulla pola dereita. O río Tambre, que serve de límite municipal polo N, transcorre bastante encaixado no seu tramo compostelán, sobre todo ao seu paso pola parroquia da Enfesta, onde o val presenta unhas pendentes moi acusadas, salvando en moi pouco espazo desniveis desde os 500 m de altitude nos cumios aos 180 no fondo do val. Un dos seus afluentes, o Sionlla, abre un amplo val no NL, á altura da parroquia de Verdía, moi aproveitado para pastos. A divisoria de augas entre o Tambre e o Ulla sitúase nunha franxa elevada a 350-450 m de altitude que atravesa o centro do concello de L a O. O val do río Sar ocupa gran parte do S do concello, cun percorrido de L a O, e atravesa a Depresión Meridiana. Ao Sar tributan o Santa Lucía, o Roxos e o Sarela, que teñen as súas propias pequenas concas, quedando os interfluvios que os separan como áreas montañosas froito da erosión diferencial, como o Pedroso (460 m).
Climatoloxía e vexetación
Climaticamente Santiago de Compostela pertence ao dominio oceánico húmido, e dentro das variedades galegas ao subtipo das plataformas occidentais. Con relación á circulación atmosférica, ocupa un lugar de privilexio fronte aos ventos húmidos do océano. A súa exposición é favorable tanto aos fluxos chegados desde o NO e N, como aos do SO e O, grazas á ausencia de relevos interpostos entre o litoral e as plataformas de erosión occidentais nas que se sitúa, ademais da canalización das correntes marítimas cara ao interior a través da favorable disposición das Rías Baixas. Deste xeito, recibe abundantes precipitacións, aínda que existen diferenzas entre a cidade (1.300 mm), a 260 m de altitude, e a área N e NL, onde o observatorio de Lavacolla, a 450 m de altitude, marca unha cifra de 2.000 mm. O réxime pluviométrico mostra un acusado máximo invernal (36% das precipitacións), cunhas precipitacións semellantes en primavera e outono (ambas as dúas co 27%) e un notable descenso estival (11%), que apenas se traduce en problemas de aridez, pois as precipitacións chegan a ser relativamente abundantes en xullo e agosto. Os días de chuvia ao ano con precipitacións iguais ou inferiores a 1 mm elévanse a 140 xornadas, cifra que se incrementa se se contabilizan as precipitacións inapreciables, debido á sucesión frecuente de días sombríos. O trazo térmico diferenciador do litoral é a continentalización producida nos réximes térmicos. A temperatura media anual sitúase nos 12,9°C na cidade e 11,9°C en Lavacolla debido á altitude. As temperaturas invernais son as que presentan maiores diferenzas entre as dúas estacións meteorolóxicas, pois en Lavacolla, no mes de xaneiro, o mes máis frío, acádanse 6,4°C, fronte aos 8,1°C na cidade. No verán, na cidade as máximas acádanse en xullo (18,9°C) e en Lavacolla en agosto (17,6°C). O risco de xeadas é alto nos dous espazos, especialmente entre novembro e marzo, aínda que en Lavacolla son frecuentes tamén en outubro e abril. Ao tratarse dun concello urbano, as masas forestais, fundamentalmente de repoboación de piñeiros e eucaliptos, só están presentes nas áreas elevadas, especialmente no N e NL, así como nos interfluvios dos ríos. Nas ribeiras, a vexetación ripícola autóctona mantén certa significación, así como as áreas ocupadas por matogueiras, compostas en xeral por toxos e xestas.
Xeografía humana

Demografía
Desde a década de 1990, a poboación de Santiago de Compostela sofre un estacamento debido ao traslado de habitantes aos concellos veciños, creándose arredor da cidade unha área urbana considerada a de máis dinamismo dentro do eixe urbano atlántico galego. Mantén unha importante capacidade de atracción de novos residentes do resto de Galicia e do estranxeiro, reflectida nos correspondentes saldos migratorios. Ten uns índices demográficos relativamente favorables no contexto das áreas urbanas galegas a pesar de ter un saldo vexetativo negativo. A estrutura da poboación por grupos de idades amosa unha clara maioría da poboación cunha idade comprendida entre os 16 e os 65 anos (70,5% en 2004). Os menores de 15 anos supoñen o 12,8% e os maiores de 65 anos o 16,7%, cifras expresivas dunha poboación en proceso de avellentamento. Respecto á distribución da poboación por sexos, as mulleres superan os homes ao representar un 53,2% da poboación total. No contexto das áreas urbanas do eixe atlántico galego, os fogares de Santiago de Compostela caracterízanse por ter uns maiores índices de ocupación e unha incidencia menor do desemprego. A natalidade é baixa (7,4‰ en 2002), insuficiente para manter un saldo natural positivo (-0,5‰) malia a existencia dunha mortalidade baixa (7,9‰). Desde a perspectiva de xénero, os fogares composteláns son os que presentan, dentro das áreas urbanas galegas, as maiores taxas de incorporación da muller ao mercado laboral e unha maior achega feminina á renda familiar.
Evolución demográfica
O crecemento demográfico de Santiago de Compostela desde 1887 foi continuo, pero en ningún momento acadou valores moi elevados. O concello medrou tanto poboacional como espacialmente ao compás do incremento das súas funcións terciarias, e estas só acadaron un crecemento destacado desde 1970, cando se produciron os maiores cambios na cidade. En 1887 contaba con 34.665 h, dos que o 72,5% correspondían ao núcleo urbano e o 27,5% habitaba no resto das parroquias rurais. Desde esa data e ata 1930 a poboación mantivo un crecemento escaso (0,56% anual) debido a que coincidiu coa primeira fase da emigración masiva cara ao continente americano que afectou sobre todo á poboación rural. Neste momento a poboación da cidade ascendía ao 76% da poboación total fronte a un 24% das parroquias rurais. Entre 1930 e 1950 o incremento poboacional foi moito máis importante que nas décadas precedentes, debido á imposibilidade de emigrar ao exterior como consecuencia primeiro da Guerra Civil, e logo, no período de posguerra, do illamento internacional que viviu España. Así, a poboación pasou de 43.093 h en 1930 a 61.852 h en 1950, o que supuxo un saldo positivo de máis dun 43% entre as dúas datas (2,18% do crecemento anual). Neste intervalo de tempo, a poboación urbana conseguiu ter aínda un maior peso no conxunto municipal, xa que en 1950 supoñía o 77% do total. Entre 1950 e 1970 produciuse un certo estancamento demográfico, moito máis acusado nos anos cincuenta, momento en que a poboación só medrou un 0,04% anual, que na década seguinte aumentou ata o 1,42% anual. A emigración foi de novo a causante desta situación, que novamente afectou á poboación do rural que pasou de 14.112 h en 1950 a 10.981 h en 1970, perdeu practicamente un 30% dos seus efectivos, a razón dun -1,11% anual. A década de 1960, a pesar do escaso crecemento poboacional que supuxo para Santiago de Compostela (algo menos de 8.000 persoas), foi a que marcou o cambio da cidade que medrou demograficamente de xeito máis destacado, como consecuencia da súa propia dinámica económica e non por recoller parte dos excedentes de poboación rural como ocorrera ata entón. Este cambio veu da man dunha serie de procesos económicos, sociais e demográficos que se aprecian a partir de 1960. Así, rexistrouse un gran desenvolvemento da construción, creouse un pequeno tecido industrial e terciarizouse en boa medida a actividade. Foi o momento da construción masiva en vertical no ensanche e nos barrios próximos ao centro histórico (Belvís, San Roque ou Basquiños) propiciada por unha serie de factores moi favorables, como as boas condicións económicas xurdidas ao abeiro das remesas de aforros chegados da emigración, das facilidades ofrecidas pola Administración Pública que financiaba ao construtor-promotor e ao comprador, da abundante man de obra sen especialización, barata e intensiva, ou das perspectivas de rápidas amortizacións nos investimentos con fortes beneficios. Estes débense tanto á importante demanda de pisos en aluguer por parte dos estudantes universitarios, como á compra de pisos para vivenda unifamiliar á que poden acceder sectores máis extensos da poboación grazas á xeneralización das facilidades financeiras. Por outra banda, a cidade amosou un proceso de terciarización acusado, fundamentalmente derivado do desenvolvemento de todos os servizos que proveñen da atención á poboación universitaria, así como da potenciación dos servizos sanitarios e da actividade comercial. Todos estes cambios espaciais e as causas que os produciron propiciaron que o crecemento demográfico se disparase a partir de 1970, e desde esa data ata 1981 rexistrouse unha evolución positiva do número de habitantes nun 32% no conxunto do concello de Santiago de Compostela, pero que na cidade foi aínda maior, aproximándose ao 40%, pasando de 59.912 h en 1970 a 82.538 h en 1980 (incremento do 3,43% anual). Entre 1981 e 1991 continuou o aumento demográfico aínda que xa non de xeito tan acusado como no período inmediatamente precedente (1,3% anual), xa que aínda que a cidade seguiu medrando como efecto do impacto que supuxo a radicación dos servizos centrais da administración autonómica, os concellos limítrofes de Teo e Ames presentaban uns niveis de crecemento similares. O incremento poboacional nestas datas foi, sen dúbida, consecuencia da instalación na cidade das sedes administrativas da Xunta de Galicia ao ser designada capital da comunidade, o que propiciou a chegada de moitos funcionarios procedentes doutros lugares de Galicia. A universidade, pola súa banda, continuou a medrar tanto no número de profesores como no de alumnos, de xeito que durante o curso académico a cidade conta con entre 25.000 e 30.000 h máis dos que reflicten as estatísticas. Non obstante, durante o período intercensual 1991-2001, descendeu de xeito acusado a poboación, de 105.851 h a 90.188 h a razón dun -1,48% anual, feito non atribuíble a un decaemento económico ou funcional da urbe, senón á forte irrupción do fenómeno periurbano, que conformou unha nebulosa. Entre 2001 e 2007 a poboación creceu o 3,90%.Moitas persoas que antes vivían na cidade trasladáronse a residir aos concellos limítrofes de Teo, Ames, Brión e Oroso, xa sexa en barrios satélites, como no caso do Milladoiro ou Bertamiráns, en Ames, e Sigüeiro, en Oroso, ou nas urbanizacións e áreas de chalés para as clases medias e acomodadas que existen neses catro concellos. Toda a poboación que se trasladou a vivir a estes lugares, aínda que non resida fisicamente na cidade, son cidadáns de Santiago de Compostela, xa que a súa dependencia é absoluta pois traballan, mercan e desenvolven parte importante do seu ocio nas súas rúas. En 2001, data do último censo, a poboación do concello de Santiago de Compostela era eminentemente urbana, 88,51% do total, mentres que as vinte parroquias do rural repartíanse o 11,49%. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-0,2‰) froito dunhas elevadas taxas de natalidade (8‰) e mortalidade (8,2‰). A estrutura por idades o grupo de menores de 20 anos representa o 16,5% fronte ao 17,2% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 66,3%. Por sexos dominan as mulleres: 53,33% frone ao 46,67% de homes.
Evolución do plano urbano
Santiago de Compostela é unha cidade que se mantivo no espazo intramuros ata ben entrado o s XIX, pois aínda que as murallas se derrubaron a comezos dese século, non foi ata despois de 1860 cando iniciou a súa expansión dinámica, que só desenvolveu ao longo das beiras das principais estradas de acceso á cidade que foron melloradas e acondicionadas. Na cidade de principios do s XIX, só se acometeu o acondicionamento dos terreos que ocuparían a parte alta do ensanche, primeira en ser construída, situada entre as rúas do Hórreo, A Senra, Camiño Novo e Montero Ríos, procedéndose tamén ao levantamento das primeiras edificacións. Aínda así, a súa ocupación foi moi pouco intensa ata a década de 1950, sen chegar a contar cunha ocupación masiva ata ben entrado o decenio seguinte. A evolución demográfica de Santiago de Compostela propiciou que cambiase notoriamente a tradicional estrutura urbana. A cidade pasou a ocupar novos espazos, como o Ensanche, que non é tal en sentido estrito, xa que non xurdiu partindo dunha planificación previa, senón que se fixo de xeito espontáneo a raíz de actividades especulativas e ao amparo da permisividade nas normas urbanísticas. O ensanche caracterízase por un imperfecto trazado en cuadrícula, con rúas demasiado estreitas e edificios demasiado altos. A maior parte deles son antiestéticos e de mala construción, con ausencia total de zonas verdes. Este novo espazo absorbeu funcións comerciais, bancarias e de xestión que antes eran exclusivas da zona histórica, de xeito que esta entrou nun certo declive do que non se recuperou ata ben entrados os anos oitenta. Data na que se revalorizou como espazo atractivo para os servizos administrativos públicos como a universidade ou a delegación de facenda; con usos residenciais para clases acomodadas e estudantes, función esta que nunca perdera pero que si se incrementou constantemente; e con funcións comerciais nas rúas máis concorridas. Foi o momento tamén da aparición doutros novos espazos como os barrios dos arredores de San Roque-San Caetano, e Belvís-Concheiros-Avenida de Lugo, así como da expansión da cidade ata unirse fisicamente cos barrios periféricos de Conxo, Castiñeiriño, San Lázaro, Choupana e San Caetano, como resultado dun crecemento lineal ao longo das estradas que comunican con eles. Este forte crecemento estivo motivado polo auxe económico que viviu a cidade, que se converteu nun óptimo lugar para investir no mercado inmobiliario, porque o colectivo de estudantes non deixaba de medrar e o sector terciario seguía a desenvolverse a un ritmo acelerado, tanto nos servizos sanitarios como nos derivados da atención aos estudantes ou mesmo nos administrativos. Por outra banda creouse o polígono industrial do Tambre, ao N da cidade, que propiciou a instalación de numerosos almacéns de distribución de mercadorías. Neste intervalo temporal xurdiu outro espazo moi ben diferenciado no conxunto da urbe que fora comezado na segunda metade da década de 1960, pero que non se rematou e ocupou totalmente ata 1978. Trátase dos polígonos de vivendas de Vite e Vista Alegre, situados no NO da cidade, entre a estrada de Carballo, San Caetano e a Avenida de Xoán XXIII. Neste lugar construíronse unha serie de vivendas cunha tipoloxía ben definida, en bloques de promoción pública ou de promoción a cargo de entidades corporativas ou de interese social, que foron ocupados por xentes de extracción social humilde. Ademais, neste período de tempo continuaron medrando ata ocupar todo o espazo dispoñible os barrios que xa iniciaran a súa expansión na década anterior: Belvís, Trisca, Quiroga Palacios, Basquiños, Almáciga e Angustias-Home Santo. A estrada de circunvalación, xunto coa estación de ferrocarril coa que está unida polo S, conformaron o cinturón que impedía a expansión da cidade cara ao L. Espacialmente, a cidade superou a estrada de circunvalación e produciuse a urbanización dunha nova área que se incorporou á cidade, o polígono das Fontiñas, con construción de bloques en cuadrícula, anchas vías e amplos espazos verdes e de lecer. A promoción pública e privada participaron conxuntamente na creación deste espazo. Neste lugar implantouse un gran centro comercial que está a desprazar cara a esta área a tradicional vocación que neste senso tiñan as rúas do ensanche máis próximas ao casco histórico. Neste último intervalo temporal, adecuáronse numerosos espazos da urbe, habilitando amplas zonas verdes (o contorno do Campus Sur, San Domingos de Bonaval, O Pedroso) e fixéronse melloras na rede de infraestruturas (o periférico, nova circunvalación, o Auditorio de Galicia, o Palacio de Congresos, o Estadio Multiusos de San Lázaro). Ao mesmo tempo, continuou a construción cara aos barrios periféricos, de xeito que o que fora unha primeira unión lineal coa cidade densificouse de tal xeito que nalgúns deles xa é difícil de apreciar que algunha vez estaban fóra dos límites da zona urbana, como o Castiñeiriño, no que a instalación dun centro comercial e a creación dun polígono de vivendas modificou a súa fisionomía e tamén a súa funcionalidade, e a Choupana. No espazo rural do concello, desde mediados dos anos setenta, pero sobre todo nos oitenta, tivo moitísimo auxe a construción de vivendas unifamiliares ao longo das estradas e pistas de concentración parcelaria. Este tipo de construcións están a dificultar que o concello as dote de servizos básicos como auga, rede de sumidoiros e recollida de lixo debido ao enorme grao de dispersión que acadan.
Xeografía económica

Economía
A taxa de actividade (2001) do concello de Santiago de Compostela é do 56,1% (65,8% a masculina e 47,8% a feminina). A taxa de ocupación é do 49,3% (59,3% a masculina e 40,7% a feminina). Pola súa parte, o paro ascendía nese mesmo ano ao 12,2%, con notable diferenza entre a taxa masculina (9,9%) e a feminina (14,9%). Santiago de Compostela sofre unha escasa diversificación da base económica, especializándose principalmente no sector servizos e cun baixo peso no sector da industria e da construción. O volume total de ocupación nestes sectores é inferior á media galega. O sector primario ocupa tan só ao 2,3% da poboación activa, e o secundario ao 19%, mentres que o sector servizos ocupa ao 78,7% dos activos. Na última década a taxa de desemprego diminuíu menos ca noutras cidades galegas. A renda dispoñible por habitante en 2002 ascendía a 10.175 euros, onde a renda familiar era unha das máis elevadas da provincia, debido a un significativo incremento nos últimos anos. Ao tratarse dun lugar central, conta con infraestruturas de comunicación que facilitan o acceso aos restantes núcleos urbanos galegos. En liñas xerais, a evolución do mercado de traballo nos últimos anos foi positiva.
Sector primario
O sector primario é residual, aínda que a gran superficie do concello fai que gran parte da área N, O, L, NL, e SL presente un grande aproveitamento agrario, moi centrado no gando vacún para a produción leiteira, con 7.797 cabezas en 2006 distribuídas en 561 explotacións. A gandaría de porcino en granxas tamén está bastante desenvolvida, aínda que en retroceso diante do aumento da urbanización: 1.548 cabezas reprodutoras e 3.000 cabezas de cebo (2005). Pola súa banda, os cultivos de horta para a venda nos mercados composteláns son bastante practicados dunha forma moi intensiva. Existe ademais, unha exigua proporción de ocupados na pesca (0,3%).
Industria e construción
A industria conta con pouco peso na estrutura produtiva de Santiago de Compostela (10,1% dos activos), aínda que existen algunhas empresas que se contan entre as máis importantes de Galicia, como Financiera Maderera SA (FINSA), dedicada fundamentalmente á fabricación de taboleiros de aglomerado de madeira,; o Grupo Televés, dedicada á fabricación de antenas parabólicas e diversos aparellos de recepción, gravación e reprodución de son e imaxe, cunha tecnoloxía punteira a nivel mundial; ou, Castrosúa, fabricante de carrozarías para autobuses. Son moi importantes, tamén as empresas de carpintaría metálica, establecidas a maioría delas no polígono industrial do Tambre, nas proximidades de Boisaca. Pola súa banda, a construción supón o 8,9% dos activos e nela destacan numerosas empresas de contratistas de obras cun alto volume de emprego que desenvolven o seu labor non só no concello de Santiago de Compostela senón tamén en toda a área periurbana, na que a actividade construtiva é frenética.
Servizos
A base económica da capital galega é o sector servizos. Santiago de Compostela foi tradicionalmente unha cidade terciaria que baseaba o seu dinamismo económico no comercio, no ensino, no turismo relixioso e nos servizos hospitalarios públicos. Esa funcionalidade viuse incrementada coa asunción da capitalidade autónoma, o que supuxo un desenvolvemento moi forte dos servizos administrativos. Así, traballaba no sector terciario o 78,7% da poboación ocupada, porcentaxe que se incrementaba a máis do 90% nos sectores centrais da cidade como a zona histórica e o mal chamado ensanche. Dentro do sector servizos destacan as actividades relacionadas coa tradicional funcionalidade compostelá, o comercio, co 16% dos activos, moi concentrado no centro histórico e no ensanche, así como en dúas novas áreas da cidade, As Fontiñas e o Paxonal, onde a apertura de centros comerciais e de ocio creou dous novos centros de gravidade deste tipo de actividade. Pola súa banda a sanidade emprega ao 10,6% dos ocupados, creándose unha extensa área sanitaria coa construción do Hospital Clínico Universitario en Vidán e cos outros centros existentes. A educación é o segundo piar terciario, pois aglutina ao 12,8% dos traballadores. A universidade é un factor fundamental do dinamismo económico e social do concello, e, malia a creación das universidades de Vigo e da Coruña e a caída de alumnos que supuxo, mantén unha grande importancia económica para a cidade tanto polo volume de emprego directo que xera como pola pegada dos estudantes, que dinamizan o mercado inmobiliario co aluguer de pisos durante o curso académico (os servizos inmobiliarios, de alugueiro e servizos ás empresas supoñen o 7,2% dos ocupados). A Administración Pública e a seguridade tamén teñen unha forte repercusión no emprego (9,7%), aínda que moitos dos seus traballadores se despracen a Santiago de Compostela a diario desde espazos tan afastados como A Coruña, Vigo, Lugo ou Ourense. Máis importantes son as sinerxías que xera para Santiago de Compostela o ser a sede do goberno autónomo e do poder económico e de decisión que iso supón. Completan o elenco terciario a hostalaría (6,5%), o transporte (6,4%), as actividades sociais e servizos persoais (4,5%) e a intermediación financeira (2,3%). A hostalaría está moi concentrada na zona histórica e no ensanche, en especial nos establecementos gastronómicos e bares, pois os hoteis están máis repartidos no conxunto da cidade. Esta actividade tivo un gran desenvolvemento desde a celebración do ano xubilar de 1993, momento no que se potenciou con grandes investimentos públicos e privados o crecemento do sector turístico.
Turismo
O subsector económico con maior difusión espacial de Santiago de Compostela é o turismo. Á cidade acoden turistas de todas partes do mundo atraídos polo patrimonio histórico artístico, a maioría deles correspóndese coa categoría de excursionistas, que aumentan a densificación de turistas e diminúen os efectos positivos, é dicir, o contacto coa poboación, o maior gasto e a diversificación da oferta. A estancia media dos turistas apenas supera o día e medio. A masificación do turismo compostelán arredor da catedral e os espazos colindantes limita as posibilidade de expansión da actividade turística a outras partes da cidade. No seu afán de conxugar tradición e modernidade, Santiago de Compostela dotouse nos últimos anos de novas infraestruturas que dan servizo ás necesidades do turismo especializado. A forte presenza da universidade na vida da cidade supón un importante recurso turístico, tanto pola identificación Historia, cultura e tradición, que achega un atractivo á imaxe da cidade, como pola súa actividade investigadora, que unida ao anterior, xustifica o atractivo da capital como cidade de congresos. A todo isto hai que engadir o progresivo aumento do peso da gastronomía nos motivos da viaxe de moitos turistas, e a consideración de Santiago de Compostela como unha representación de Galicia, o que aumenta o número de visitantes. Como consecuencia dos recursos e produtos, o perfil do turista que visita Santiago de Compostela é medio-alto.
Transportes e comunicacións
Santiago de Compostela é un nó importante de comunicacións, pois da cidade parten vías de primeira orde cara a todas as capitais provinciais. Atravesan Santiago de Compostela a autoestrada AP-9, a N-525, a N-550, a C-543, a C-551 e a autovía Lavacolla-Santiago de Compostela. Conta con estación de ferrocarril con liñas que levan a A Coruña, Vigo e Ourense. O aeroporto de Lavacolla conta cunha estratéxica posición no conxunto do tráfico dos aeroportos galegos e no control do espazo aéro como complementario do aeroporto de Porto.
Historia

Da época prerromana ao descubrimento da tumba de Santiago
As primeiras mostras de poboamento das terras que constitúen o concello de Santiago de Compostela, son núcleos prerromanos que se situaron entre os ríos Sarela e Sar. O asentamento romano xerou unha civitas, que controlou o paso de vías de comunicación como as de Braga ou Astorga. Compostela xorde a partir do descubrimento da tumba do apóstolo Santiago. Segundo a tradición, os discípulos de Santiago, despois da súa morte, recolleron o seu corpo e trasladárono a Occidente e, desde o porto palestino de Haifa, chegaron nunha barca de pedra a Padrón. O lugar concedido pola raíña Lupa para soterrar o corpo converteuse nunha incógnita por mor das persecucións que tiveron as primeiras comunidades cristiás. No Breviarium Apostolorum do s VI sinálase que o apóstolo estaba soterrado nunha Arca Marmárica, construída polos seus discípulos Atanasio e Teodosio nos límites de Amaía. O sepulcro non se descubriu ata os anos 820 e 830. Segundo a Concordia de Antealtares (1077), en época do Rei Afonso II e do bispo de Iria Teodemiro, o ermitán Paio foi testemuña das luminarias que brillaban a moi curta distancia do lugar do seu retiro, nas abas do monte que descendía ao pé da igrexa de San Fiz nun lugar que se denominou Arca Marmoricis ou Libredón. O bispo Teodemiro acudiu ao lugar e atopou o sepulcro de Santiago sobre o que mandou construír unha edícula.
A creación da cidade medieval
Ao redor das reliquias do apóstolo, o que veu ser o Lucus Sancti Iacobi, construíronse a primeira igrexa dedicada a Santiago, o baptisterio de San Xoán, un edificio exento á igrexa e a residencia episcopal. Desde este primeiro momento xurdiu tamén o fenómeno das peregrinacións e contouse co apoio da monarquía. Afonso II viu na tumba do apóstolo o medio para homoxeneizar o seu reino e dotalo dun distintivo propio. Anos despois, a aparición lendaria de Santiago a cabalo “matando mouros” na mítica Batalla do Clavijo (844), fixo que o Rei Ramiro I o nomease patrón do reino e que crease o Voto de Santiago para sufragar os gastos do seu culto, imposto que xa existía e que foi lexitimado deste xeito. No s IX o poboamento organizábase nos lugares de Lovio, Vilar e Campo. No s X impúxose a denominación de Compostela, termo derivado do compositum tellus ‘espazo construído’ que se uniu como Santiago de Compostela, e se traduciu popularmente como ‘Campo das Estrelas’, en alusión á lenda do achado dos restos do apóstolo. O bispo Sisnando I (880-920) acometeu a renovación das primeiras construcións realizadas ao redor do sepulcro e o Rei Afonso III consagrou unha segunda basílica en 899 ao tempo que se creaba a primeira aglomeración urbana que podía acoller peregrinos: a Magna Congregatio Beati Iacobi. O bispo Adaulfo II (855?-877?) trasladou a sé de Iria a Compostela aínda que a capital continuou a ser Iria. As ameazas normandas e musulmás foron constantes polo que os bispos Sisnando I (877?-920) e Sisnando II (952-958) construíron diversas torres. A expedición de Almanzor en 997 arrasou as murallas e destruíu a basílica e os edificios anexos pero respectou a tumba do apóstolo. Como trofeo da súa vitoria levou as portas da cidade e as campás da igrexa, que non foron recuperadas ata 1236. O bispo Cresconio (1037-1066) construíu un lenzo de muralla que unía as torres dos seus predecesores e dúas torres fronte á igrexa para protexela dos ataques normandos, ademais das torres do Oeste na ría de Arousa. Constituíuse a cidade medieval propiamente dita, co hábitat de intramuros e extramuros. Durante os ss XI e XII produciuse un gran desenvolvemento urbanístico grazas á súa función como lugar de peregrinación e comercial coas terras do litoral. Pontecesures, Noia ou Padrón, a onde se trasladou a poboación de Iria, convertéronse nos portos de Santiago por onde entraban os produtos destinados a satisfacer o consumo urbano. As loitas entre os sucesores de Fernando I, os reis Sancho II de Castela, Afonso VI de León e García I de Galicia, foron aproveitadas pola nobreza que se apropiou de bens do señorío da igrexa compostelá. O bispo Diego Páez (1070-1094) reorganizou os dominios territoriais e enfrontouse cos nobres que usurparan as terras do señorío de Santiago. En 1075 iniciou as obras da catedral románica de Santiago. Non obstante, tivo que enfrontarse ao Rei Afonso VI e acabou sendo deposto do seu cargo, paralizándose entón as obras emprendidas. O seu sucesor Dalmacio (1094-1095), conseguiu do Papa Urbano II o traslado da sé de Iria a Compostela con todos os seus títulos e dereitos, aínda que os bispos xa residían no Lucus Sancti Iacobi desde había tempo. As obras que se realizaban na catedral permitiron que nacesen os primeiros gremios de artesáns. Isto, xunto co auxe do camiño, permitiron que o primitivo burgo se fose convertendo nunha cidade burguesa, con artesáns, comerciantes e mercados, ademais de hospitais e hospedaxes para os peregrinos.
A Compostela de Diego Xelmírez
Un novo pulo veu da man do bispo Diego Xelmírez (1100-1140) que conseguiu de Roma a cadeira episcopal e se converteu no primeiro arcebispo metropolitano de Santiago de Compostela. Xelmírez actuou como un señor feudal, como un nobre na recepción de prestacións, co seu exército propio e coa cuñaxe de moeda. Reprimiu os intentos de rebelión da nobreza e enfrontouse a Urraca, viúva de Afonso VI, ao apoiar a proclamación de Afonso VII como rei, con quen colaborou para someter a nobreza. Continuou a obra construtora dos seus predecesores, o que contribuíu a afianzar o carácter burgués de Compostela. Continuou as obras da catedral e consagrouna en 1105, construíu o palacio arcebispal que leva o seu nome, restaurou igrexas e construíu outras novas, creou o hospital para peregrinos e realizou obras urbanísticas como a condución de augas e a apertura de novas rúas. En 1107 conseguiu a formación do Rei Afonso VI do privilexio polo cal os cidadáns só tiñan a obriga de acudir ao tribunal do bispado. Para defender e asegurar o tráfico comercial reforzou as torres do Oeste e construíu a torre da Lanzada, ademais de armar os barcos. Deu pulo á organización gremial, regulou os mercados e o funcionamento das tendas e fixou portaxes e prezos, ademais de conseguir da monarquía a supresión de portádegos, como o de Ponte Sampaio, que dificultaban o comercio cara a Compostela. No eido político, aliouse con Pedro Froilaz, conde de Traba, para proclamar rei a Afonso Reimúndez, fillo de dona Urraca e de Reimundo de Borgoña, e sucesor de Afonso VI. A catedral de Santiago acolleu a entronización de Afonso VII, feito que supuxo a consolidación do señorío de Xelmírez sobre a cidade e a terra de Santiago e o enfrontamento con dona Urraca e o levantamento xeral do pobo de Santiago. Os burgueses da cidade constituíronse entón en Irmandade para defender os seus intereses. Pero, unha vez solucionado o seu enfrotamento con Urraca, Xelmírez disolveu a Irmandade. A paz asinada entre Urraca e o seu fillo Afonso Reimúndez, recoñecido como seu sucesor no reino de Castela e León e coa soberanía sobre Extremadura, deixou a Xelmírez como auténtico señor de Galicia. En 1120 conseguiu do Papa Calisto II a dignidade de sede arcebispal como sucesora da de Mérida e o legado pontificio. Compostela converteuse así na única sede apostólica da Península Ibérica. Calisto II promulgou tamén en 1122 a primeira bula papal na que concedía o privilexio da indulxencia plenaria a todos aqueles que visitasen a tumba de Santiago o Maior, nacían así os anos santos composteláns. Ese mesmo ano recibiu de dona Urraca as atribucións de conde de Galicia e o dominio xurisdicional sobre o territorio comprendido entre o Tambre e o Ulla. Pero en 1136 produciuse unha nova revolta burguesa que obrigou ao arcebispo a pecharse na catedral. Os últimos anos de Xelmírez estiveron marcados pola insistencia de Afonso VII de obter as riquezas da igrexa de Santiago para financiar as súas campañas. O arcebispo Xoán Arias (1238-1266), activo participante na vida pública compostelá, realizou diversas obras de remodelacións na catedral e, ante os posibles conflitos cos burgueses e co concello de Santiago, remodelou tamén o palacio arcebispal de Xelmírez, reforzando o seu poderío coa construción de fortalezas e pazos. Ao arcebispo Rodrigo de Padrón (1307?-1316) sucedeuno Berenguel de Landoira (1317-1330), non aceptado polos composteláns, que querían convertir a vila nunha xurisdición de reguengo. Apoiados por Alonso Suárez de Deza os habitantes da vila rebeláronse pero foron vencidos e excomungados. Os anos finais da Idade Media estiveron marcados pola peste e as súas consecuencias e pola loita dinástica entre Pedro I e Enrique de Trastámara. En 1366 o arcebispo Suero Gómez de Toledo (1362-1366), partidario do conde de Trastámara, foi asasinado polos Churruchaos, adeptos a Pedro I. O duque de Lancaster estableceu a súa corte na cidade en 1386 e ao ano seguinte as tropas de Xoán de Gante ocuparon Compostela.
A Idade Moderna: do nacemento da Compostela universitaria ao descenso das peregrinacións
As mercedes outorgadas por Enrique de Trastámara á súa chegada ao trono, crearon en Galicia unha nova nobreza de orixe foránea, que asumiu os cargos de poder con base nas cidades, entre elas en Santiago de Compostela. En 1398 reduciu o tributo da moeda foreira. O abuso de poder dos señores e a débil situación económica causada polas malas colleitas e as consecuencias da Peste Negra, provocaron o levantamento de labregos, artesáns e comerciantes en 1422, ante a ausencia do arcebispo Lope de Mendoza (1400-1445), que continuaban a querer ter unha cidade de reguengo. En 1495 Lope Gómez de Marzoa, notario, rexedor e comerciante de Santiago, obtivo dos beneditinos de San Martiño un espazo en San Paio onde estableceu un Estudo de Gramática, considerado un dos xermolos da universidade. En 1498 os beneditinos anularon esta concesión e o estudo trasladouse provisionalmente a outro edificio do que se descoñece a súa situación. En 1501 Lope Gómez de Marzoa, Diego II de Muros e Diego III constituíron un novo Estudo Xeral, coñecido como Estudo Vello, que en 1504 obtivo do Papa Xulio II a facultade de obter graos. Alonso III de Fonseca, arcebispo de Santiago (1508-1524), fundou en 1522 un pequeno colexio de teoloxía e en 1525 pediu ao Papa Clemente VII a bula de fundación dun novo colexio que puidese ter o alcance dos Colexios-Universidade, sostido coas rendas dos dous colexios existentes en Santiago e doutras novas. En 1526 o papa ditou a bula pola que se creaba ese novo colexio. Esta data é considerada, pola maioría dos estudos europeos de investigación histórica universitaria, como a fundacional. A partir de entón, Santiago adquiriu unha nova función, a educacional. Ata o s XV o Camiño de Santiago viviu a súa época de esplendor e a cidade recibiu a moitos peregrinos. Despois da súa visita á cidade, os Reis Católicos fundaron en 1499 un hospital para peregrinos, o Hospital Real, que recibiu as primeiras constitucións de Carlos I (1524) e que contou co apoio dos seus sucesores. Definíronse así as tres funcións sobre as que aínda hoxe xira a cidade compostelá: relixiosa, sanitaria e universitaria. A partir do s XVI a Reforma protestante provocou a interrupción do fluxo de peregrinos procedentes de Europa Central e das illas Británicas. A peregrinación e a propia cidade entraron en decadencia. A isto cómpre engadir os ataques da pirataría inglesa dirixidos por Francis Drake que atacaron as costas galegas (1585 e 1589) e que provocaron un ambiente de medo que levou ao arcebispo Juan de Sanclemente (1587-1602) a ocultar as reliquias do apóstolo Santiago nun lugar oculto da catedral. Coa chegada da Idade Moderna, Compostela era a vila máis importante de Galicia, polo poder da mitra e as rendas que esta percibía da poboación fidalga con propiedades rústicas. En 1508 a cidade foi sede momentaneamente da Real Audiencia e en 1520 Carlos I celebrou Cortes na cidade pero, ante as presións populares que reclamaban o voto en Cortes para Galicia perdido cos Reis Católicos, marchou á Coruña, onde as concluíu. Un gran número dos habitantes dedicábanse ás actividades artesanais, desde panadeiros e carpinteiros ata acibecheiros e picheleiros, organizados en gremios. Había tamén un gran número de relixiosos, membros do clero e dos distintos mosteiros masculinos e femininos que tiñan casa na cidade, profesionais relacionados coa administración e rendistas laicos. Apenas contaba con industrias, agás as de curtidos. Un novo andazo de peste en 1569 reduciu notablemente a poboación. Os mercadores, que viviran unha época de apoxeo no s XVI, decaeron no s XVIII, cando a actividade económica se trasladou ás zonas costeiras. Segundo o catastro do marqués de la Ensenada, en 1752 o 40% da poboación compostelá era artesá. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Santiago de Compostela pertenceron ás xurisdicións de Santiago, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Budiño, señorío do conde de Altamira; Xiro da Rocha, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; e Sigüeiro de San Martiño, señorío do mosteito beneditino de San Martiño. O goberno da cidade era exercido polo concello, composto polos rexedores, os alcaldes ordinarios e o procurador xeral. A xustiza era exercida polos alcaldes ordinarios, o xuíz da Quintana e o asistente, aos que hai que engadir os tribunais da xustiza eclesiástica e a xurisdición do Hospital Real.
O s XIX
O s XIX comezou en Santiago de Compostela coa publicación do primeiro xornal de Galicia, El Catón Compostelano. Fundado por Francisco Valle Inclán saíu do prelo o 1 de maio de 1800. Co estoupido da Guerra da Independencia (1808-1814) constituíuse na cidade unha Xunta presidida polo arcebispo Rafael Múzquiz (1801-1821) e formada por 18 membros máis: 5 procedentes do clero, 5 da fidalguía, 3 do comercio, 1 do concello e 4 doutros sectores da cidade. O arcebispo enfrontouse á Xunta Suprema e Gobernativa de Galicia, da que non recoñeceu o seu carácter soberano, e Xunta de Santiago continuou a desempeñar as súas funcións. A cidade caeu en mans francesas o 17 de xaneiro de 1809. A División do Miño, baixo o mando do xeneral Martín de la Carrera recuperou a cidade o 23 de maio dese mesmo ano. En 1812 as Cortes de Cádiz anularon o Voto de Santiago que non foi restituído por Fernando VII e finalmente eliminado en 1834. A cidade de Santiago foi un dos núcleos absolutistas de Galicia ao ter unha sociedade dominada pola influencia eclesiástica do cabido e o arcebispo compostelán. A proclamación da constitución de 1812 polo xeneral Rafael Riego en 1820 en Las Cabezas de San Juan supuxo o regreso ao réxime liberal. A cidade de Santiago, como o resto das cidades episcopais, opúxose á nova situación pero apenas puxo resistencia e o exército procedente da Coruña puido entrar na cidade e formar un novo concello de carácter liberal. A volta ao réxime liberal supuxo o restablecemento da Constitución de 1812 e con ela a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Santiago, Busto, Villestro e Eixo. En 1822 a provincia de Santiago, constituída no s XV, incluíuse na nova ordenación provincial na da Coruña e a cidade perdeu a capitalidade. A cidade quedou así relegada a un segundo plano, aínda que coa derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823, que supuxo a supresión dos concellos e a restauración do réxime señorial, foi de novo sede da Audiencia Territorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación do concello de Santiago, Conxo e Enfesta. Pero a definitiva configuración do concello de Santiago de Compostela non se produciu ata o s XX cando se incorporaron os concellos de (1925) e Enfesta (1962). A exclaustración de 1835 afectou negativamente a Compostela que viu como se abandonaban mosteiros coa consecuente perda de bens e do poder da igrexa. En 1846 a cidade apoiou o levantamento de Miguel Solís Cuetos e foi sede da asemblea que constituíu a Xunta Superior do Goberno de Galicia, presidida polo líder do progresismo compostelán Pío Rodríguez Terrazo. Acantoado na cidade, Solís dirixiuse logo a Cacheiras onde as tropas foron derrotadas. Nos anos centrais do s XIX houbo diversas crises de subsistencia que provocaron diversos motíns nunha cidade onde a poboación permaneceu estancada durante todo o século. En 1856 celebrouse na carballeira do mosteiro de Conxo o denominado Banquete de Conxo, unha xuntanza interclasista de estudantes e artesáns no que se reivindicou a identidade galega. En 1862 iniciáronse as obras de construción do “Compostelano”, o primeiro ferrocarril de Galicia que comunicaba Santiago de Compostela e O Carril, e que estivo operativo en 1873. En 1868 a cidade apoiou o levantamento que acabou coa monarquía de Isabel II e formou unha Xunta Revolucionaria, presidida por Ildefonso Fernández Ulloa, disolta cando se formou o Goberno Provisional. En 1873 cando se produciu a abdicación de Amadeo I de España, xurdiu, como noutras cidades galegas, unha Xunta de Goberno Republicano. En 1897 San Martiño Pinario converteuse na sede da Universidade Pontificia, pechada en 1932. A finais do s XIX produciuse unha tímida recuperación das peregrinacións, e con ela da cidade, co redescubrimento do sepulcro do apóstolo en tempos do arcebispo Miquel Payá i Rico (1875-1886).
Os ss XX e XXI: a capitalidade de Galicia
Ao longo do s XX Santiago de Compostela converteuse no escenario que levou á creación e consolidación da autonomía de Galicia, un proceso iniciado durante a Segunda República. Con anterioridade, en 1923 xurdira na cidade o Seminario de Estudos Galegos, que en 1930 redactou un proxecto de estatuto para Galicia. Nas eleccións municipais de 1931, resultou elixido alcalde de Santiago o republicano Raimundo López Pol. En 1932 o concello compostelán tomou a iniciativa de convocar a todas as corporacións municipais galegas para iniciar o proceso de redacción e aprobación dun estatuto de autonomía. O texto elaborado foi aprobado na Asemblea de Municipios celebrada na cidade os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932. Os posteriores acontecemientos da historia de España, a Guerra Civil e as súas consecuencias, impediron que o estatuto se levase a cabo. A sublevación militar de 1936 tamén tivo o seu eco en Santiago de Compostela. O Rexemento de Artillaría número 16 sumouse á revolta e a cidade quedou incluída no bando nacional. Nomeouse alcalde á Manuel García Diéguez. Nos anos posteriores á contenda, Santiago continuou coas súas tradicionais funcións de centro relixioso e universitario. Tampouco perdeu a súa tradición galeguista e en 1944 xurdiu o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, como continuador do Seminario de Estudos Galegos. En 1979 celebráronse as primeiras eleccións municipais democráticas. O primeiro alcalde democrático foi José Antonio Souto Paz, de UCD, que en 1981 dimitiu e foi substituído por Marcial Castro Guerra, tamén de UCD. En 1981 aprobouse o Estatuto de Autonomía de Galicia e Santiago de Compostela acolleu as primeiras institucións autonómicas. Así, o pazo de Xelmírez acolleu provisionalmente a Asemblea de Parlamentarios. Esta realidade recoñeceuse pola Lei de Galicia 1/1982, do 24 de xuño, de fixación da sede das institucións autonómicas de Galicia. Non obstante, a cidade non contou cun estatuto especial de capitalidade ata que o Parlamento aprobou a súa lei en 2002, na que se recoñeceu formalmente a Compostela como capital da Comunidade Autónoma de Galicia. Nas eleccións municipais de 1983 o PSOE formou goberno con UCD e o socialista Xerardo Estévez Fernández converteuse en alcalde de Santiago, ata que foi deposto por unha moción de censura provocada pola retirada de UCD en 1986. O novo alcalde foi Ernesto Viéitez Cortizo de AP. Nas eleccións de 1987 o PSdG-PSOE acadou a maioría absoluta, que revalidou en 1991, con Xerardo Estévez Fernández como alcalde. En 1995 o PSdG-PSOE continuou dirixindo a alcaldía pero con maioría simple. En 1998 Xerardo Estévez Fernández abandonou o cargo e foi substituído na alcaldía por Xosé Antonio Sánchez Bugallo, que despois das eleccións de 1999 continuou a ser alcalde co apoio do BNG, situación que revalidou tras as eleccións de 2003. A recuperación do Camiño de Santiago, iniciada nos anos sesenta coa creación do Patronato Nacional de Santiago de Compostela, convertido en 1979 en Real Patronato de la Ciudad de Santiago de Compostela, permitiu que a cidade vivise un renacer do seu pasado como centro de peregrinación e agora turístico. En 1992, e a partir deste padroado, constituíuse o Consorcio da Cidade de Santiago, onde están representadas as administracións central, autonómica e local e que ten como obxectivos, entre outros, a protección e promoción exterior da cidade e dos camiños de peregrinación no seu termo municipal.
Patrimonio cultural
A riqueza patrimonial de Santiago de Compostela está formada por un gran número de construcións xurdidas desde época medieval ata as máis recentes achegas. A catedral (BIC, 1896), iniciada en 1075 en estilo románico, ampliouse e modificouse ao longo do tempo, especialmente durante o Barroco. Cume das igrexas de peregrinación, conserva o interior románico practicamente inalterado, con planta basilical de 3 naves. No interior destaca o altar maior, baixo o que se sitúa a cripta que acolle os restos do apóstolo e o Pórtico da Gloria, obra do mestre Mateo. Cómpre salientar tamén o claustro e as dependencias que acollen o Museo Catedralicio e a Biblioteca. Ante a fachada de Acibechería, que pecha a catedral polo norte, ábrese a praza da Inmaculada onde se atopa a entrada principal do mosteiro de San Martiño Pinario, do que destacan tamén a igrexa, modelo das igrexas da Contrarreforma, e a súa fachada e os claustros da parte monacal. A praza da Quintana pecha a catedral polo leste. Está formada por dous niveis (Quintana de Vivos e Quintana de Mortos) unidos por unha escaleira. Nesta praza atópanse o convento de San Paio de Antealtares e as casas da Parra e da Conga. A portada de Praterías pecha a catedral polo sur, xunto a ela atópase a fachada do Tesouro. Na praza destacan a fonte dos Cabalos e a casa do Cabido. A fachada principal da catedral é a do Obradoiro, obra de Fernando de Casas. Na praza homónima e flanqueando a catedral atópanse a fachada do claustro e o palacio arcebispal de Xelmírez (BIC, 1931), que se une á catedral por un arco. Rodean a praza o Hostal dos Reis Católicos, antigo Hospital Real (BIC, 1931), o pazo de Raxoi, sede do concello da cidade e da presidencia da Xunta de Galicia, e o colexio de San Xerome. Tras a praza do Obradoiro atópase a igrexa de San Froitoso construída por Lucas Ferro Caaveiro entre 1754 e 1756. Do contorno da catedral destacan as rúas do Franco, do Vilar e Nova e a praza do Toural. Na rúa do Franco atópanse o colexio de Fonseca e o edificio de Correos; na do Vilar destacan os pazos de Monroy e Vaamonde e a casa do Deán, de Clemente Fernández Sarela; na rúa Nova sobresaen a casa das Pomas, atribuída a Domingos de Andrade,a igrexa de Santa María de Salomé e dous edificios lúdicos, o Salón Teatro e o Teatro Principal, do s XIX. Na praza do Toural destaca o pazo de Bendaña, de Clemente Rodríguez Sarela, que acolle a Fundación Eugenio Granell. Ao longo dos séculos construíronse numerosas igrexas na cidade e instaláronse diversas ordes relixiosas. Cómpre destacar a capela das Ánimas; as igrexas de Santa María Salomé, San Miguel dos Agros, San Bieito do Campo, Santa María do Camiño, San Froitoso, San Fiz de Solovio, San Lourenzo de Trasouto (BIC, 1979), Santa María a Real do Sar (BIC, 1895), Santa Susana e o Pilar; os conventos de San Francisco (BIC, 1896), Santo Agostiño, Santa Clara, Santa María de Belvís, San Domingos de Bonaval, que acolle no interior da igrexa o Panteón de Galegos Ilustres, Santa María de Conxo, destinado a hospital, as Mercedarias, a Ensinanza e o antigo convento das Orfas; e o hospital de San Roque. Do antigo recinto amurallado consérvase o arco de Mazarelos, unha das portas de acceso á cidade. Das numerosas mostras de arquitectura de uso civil destacan o colexio de San Clemente, convertido en insituto de ensino, o das casas das Pomas e do Deán, e os pazos de Bendaña, Monroy e Vaamonde. Desde a década de 1980, a cidade renovouse con diversas obras como a remodelación do cuartel do Hórreo para acoller o Parlamento de Galicia (1987) de Manuel Andrés Reboredo Santos, o Auditorio de Galicia (1989) de Julio Cano Lasso, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC, 1994) de Álvaro Siza, o Parque de Bonaval (1994), remodelado por Álvaro Siza e Isabel Aguirre, o Palacio de Congresos e Exposicións (1995) de Alberto Noguerol e o Multiusos do Sar (1996) de Josep M. de Arenaza e Joaquín Pujol. Un dos pulmóns da cidade é a Alameda, situada extramuros fronte a antiga porta Faxeira. No seu interior atópanse, ademais do paseo central, os paseos da Ferradura, de Santa Susana, dos Leóns, de Bóvedas e das Letras, todos eles decorados con diversas esculturas e monumentos como A Leiteira, de X. Eiroa Roel, o busto de Pais Lapido, de M. Larrauri, os monumentos a Rosalía de Castro, de F. Civillas, ou a Méndez Núñez, de X. Sanmartín de la Serna, e o máis recente das Dúas Marías. Dentro da alameda atópanse as igrexas de Santa Susana, situada na carballeira homónima ao pé do camiño de peregrinación procedente de Padrón, e a do Pilar, e o Pavillón de Recreo construído por Antonio Palacios entre 1908 e 1909 para a Asociación de Recreo Artístico e Industrial. Os edificios universitarios atópanse espallados por toda a cidade. Á beira da alameda está a Cidade Universitaria ou campus sur, reordenada urbanisticamente por Xenaro de la Fuente Álvarez, e na que destacan a escalinata de acceso desde a alameda, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller e a facultade de Químicas, ademais de diversos colexios maiores e a residencia universitaria Monte da Condesa. No centro histórico atópase o colexio de San Xerome, na praza do Obradoiro, sede do reitorado; o colexio de Fonseca, sede da Biblioteca Xeral; as facultades de Xeografía e historia onde estivo a sede xeral da universidade, e Medicina; a igrexa da Universidade, que pertenceu á Compañía de Xesús; e a casa dos Exercitantes, que acolleu distintas facultades e servizos universitarios. Outros centros atópanse tamén extramuros da cidade como as facultades de Económicas e Empresarias, Filoloxía e Ciencias da Información, ao redor do Auditorio de Galicia, ou a facultade de Ciencias da Educación e a Escola Universitaria de Enfermería, na avenida Xoán XXIII. A cidade conta con diversas institucións culturais como o Museo da Colexiata do Sar, o Museo de San Paio de Antealtares, o Museo de Terra Santa no convento de San Francisco, o Museo das Peregrinacións, situado na única casa gótica que se conserva na cidade, a Casa-museo da Troia, o Museo do Pobo Galego en San Domingos de Bonaval, que tamén acolle ao Museo Municipal, o Museo de Historia Natural Luís Iglesias, o CGAC, o Auditorio de Galicia e a Fundación Eugenio Granell. A cidade foi declarada BIC en 1931 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985, ademais recibiu o Premio Europa 1985, a Bandeira de Honra do Consello de Europa (1987), o Premio Firenza (1992), o Premio Real Fundación de Toledo (1993), o Premio Europa Nostra (1996), a Medalla da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (1997), o Premio Europa de Urbanismo (1998), a designación de Cidade Europea da Cultura en 2000 con outras 8 cidades máis, o Premio Torre Guinigi (2001), o Premio Boas Prácticas da ONU (2002), o Premio Archival (2003) e a Medalla do Eixo Atlántico (2003), ademais de diversos premios a obras concretas de rehabilitación e recuperación do patrimonio histórico. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do río Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Santiago
Extensión 220 Km2
Poboación Total 93712 h
Poboación Homes 43735 h
Poboación Mulleres 49977 h
Densidade de poboación 425.96 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias