Santiago de Compostela, catedral de
Catedral situada en Santiago de Compostela. O lugar para a súa construción determinouno o achado dos restos do Apóstolo Santiago polo bispo de Iria Teodemiro nun antigo mausoleo romano cara ao 829.
As primeiras construcións
O Rei Afonso II mandou construír sobre o sepulcro do apóstolo unha igrexa, á que se lle deu a categoría de basílica episcopal, o baptisterio de San Xoán Bautista, un edificio exento e a residencia episcopal. Todas estas construcións configuraron o Locus Sanctus Beati Iacobi. Con esta basílica introduciuse a arte asturiana en Galicia. Realizada en cachotaría, suponse que tiña unha soa nave con cuberta de madeira e un pórtico exterior. Como cabeceira tiña o mausoleo apostólico. O bispo Sisnando I (880-920) renovou estes edificios e o Rei Afonso III inaugurou en 899 unha nova basílica de tres naves, separadas por piares rectangulares, a central de maior anchura. A cuberta era de madeira. No muro norte tiña pegado o baptisterio de San Xoán Bautista. A basílica contaba con cinco altares: o de San Xoán Bautista no baptisterio, o do Salvador, ao fondo da nave central, Santiago, sobre o mausoleo romano, san Pedro, ao fondo da nave sur, e san Xoán, ao fondo da nave norte. Tiña catro portas: no muro norte dúas portas flanqueaban o baptisterio, no oeste atopábase a porta principal precedida dun adro, e a do muro sur estaba precedida de catro chanzos para salvar o desnivel do terreo. Esta basílica foi destruída por Almanzor (997). O bispo san Pedro de Mezonzo (985-1003?) e Vermudo II mandaron a reconstrución desta basílica (que se derrubou en 1112) e, ante o auxe das peregrinacións, o Rei Afonso VI mandou a construción dun novo templo. As obras da catedral románica comezaron en 1075, cos mestres Bernaldo o Vello e Roberto, e continuaron ata 1088, cando se interromperon ao ser destituído o bispo Diego Peláez (1071-1094). Diego Xelmírez (1100-1140) retomou a construción e consagrouna en 1105. Cara a 1103 comezou a traballar na catedral o mestre Estevo e en 1109 fíxose cargo das obras da catedral o mestre Bernaldo o Novo. En tempos do Rei Fernando II encargáronse as obras ao mestre Mateo. Ampliada e modificada ao longo do tempo, o outro gran momento construtivo foi o Barroco, iniciado baixo a dirección do cóengo José de la Vega y Verdugo e seguido por Domingos Antonio de Andrade e Fernando de Casas Novoa.
As naves
O interior da catedral conserva basicamente a estrutura románica a pesar das modificacións e engadidos posteriores. A catedral románica é o cume das igrexas de peregrinación. Ten planta basilical de cruz latina con tres naves no eixe lonxitudinal e tres no transversal. A fábrica orixinal tiña nove capelas: cinco na ábsida, a central rectangular e as laterais semicirculares, e catro no brazo do cruceiro. As naves laterais cóbrense con bóveda de aresta e a central, de maior anchura, con bóveda de canón. Sobre as naves laterais sitúase a tribuna, que continúa polo cruceiro e o deambulatario. Ábrese á nave por medio dun dobre arco de medio punto e unha columna amodo de parteluz e está cuberta por unha bóveda de cuarto de círculo. Nos muros laterais das naves ábrense diversas capelas. Na nave lateral dereita destacan, desde os pés cara á cabeceira, a capela das Reliquias ou Panteón Real, que conserva ademais de diversas reliquias as tumbas de varios monarcas e nobres, a capela de San Fernando e a sancristía; e na esquerda, a capela do Cristo de Burgos, obra de Melchor de Velasco Agüero, e a da Comuñón, que substituíu a capela de Lope de Mendoza, de estilo neoclásico, e está precedida dun nártice e ten planta circular e cúpula con tambor no que se abren óculos e ventás. No cruceiro eríxese o ciborio gótico que substituíu a antiga torre románica e que foi refeito en época barroca. Construíuse sobre un tambor octogonal erixido sobre trompas e cúbrese cunha cúpula nervada. No lado sur do cruceiro atópanse as portas de acceso á sancristía e ao claustro, e no lado norte as capelas da Concepción ou da Prima, construída no s XVI por Juan de Álava e na que se atopa o sepulcro de Domingos de Andrade, e do Espíritu Santo, inicialmente dedicada á Santa Cruz, do s XIV con reformas do s XVI e que conta con varios sepulcros, entre eles o de Fernando de Casas Novoa. A capela da Corticela foi unha igrexa independente da catedral. O seu acceso realízase por medio dunhas escaleiras do s XVII que dan ao cruceiro e que se sitúan entre as capelas de Santo Andrés e do Espíritu Santo. A capela de Santo Andrés é barroca e conserva dous sepulcros de Juan Bautista Celma. Ás beiras da porta da Acibechería atópanse as capelas de Santo Antón e Santa Catarina. No inicio da nave lonxitudinal atópanse os órganos, realizados co patrocinio do arcebispo Antonio Monroy, e reformados no s XX.
A cabeceira: o deambulatorio e a capela maior
A cabeceira está rodeada dun deambulatorio ao que se abren capelas. O deambulatorio está presidido pola capela do Salvador que presenta ao exterior planta rectangular pero a cabeceira está formada por unha ábsida semicircular e dúas absidiolas. Está precedida dun tramo recto cuberto con bóveda de canón mentres que a ábsida se cobre con bóveda de forno. O retablo, de pedra policromada, é obra de Juan de Álava. Á dereita abríanse a capela de San Pedro e á esquerda a de San Xoán, as dúas con planta semicircular e bóvedas de cuarto de esfera. A capela de san Pedro converteuse na capela da Azucena ou de dona Mencía, por ter o sepulcro renacentista de Mencía de Andrade, de Juan Bautista Celma. A continuación atópase a capela de Mondragón, de Xácome Fernández (1731), en que destaca o Descendemento do retablo, obra de P. Perrin. A capela do Pilar construíuse no lugar que ocupara a capela románica de Santo Andrés, trazouna D. de Andrade e rematouna F. de Casas Novoa. Destaca a cúpula, decorada cos escudos da catedral, de España e do arcebispo Monroy, e a estatua orante deste. Pola esquerda da capela do Salvador, atópase a capela dos España ou de Nosa Señora a Branca, do s XIV, de planta pentagonal irregular. Destaca o retablo da Transverbación, obra de Maximino Magariños, e acolle os sepulcros dos España. Construíuse sobre unha das primitivas portas da catedral que daba acceso á Vía Sacra. A continuación atópanse a capela de San Xoán, que se ampliou nos ss XVI e XVIII, e a capela de San Bartolomeu ou da Santa Fe, de planta poligonal cuberta con bóveda de medio canón. Conserva restos románicos e o sepulcro renacentista de Diego de Castilla. A capela maior é barroca do s XVII. Coa adaptación das disposicións do Concilio Vaticano II desprazouse ao centro do cruceiro. O baldaquino deseñouno José de Vega y Verdugo e realizouse en madeira dourada. Nel empregáronse as columnas salomónicas e todo tipo de decoracións que lle dá un aspecto fastuoso. Está coroado pola imaxe ecuestre de Santiago. No camarín atópase a imaxe sedente do apóstolo, realizada en pedra policromada no s XIII e revestida cunha esclavina de prata e pedras preciosas, un bordón e unha cabaza. É a imaxe á que os peregrinos dan o abrazo na súa visita á catedral. Baixo a capela maior atópase a cripta na que repousan os restos do apóstolo. Sobre o altar maior pende o botafumeiro.
A cripta e o pórtico da Gloria
A cripta, incorrectamente chamada catedral vella, está situada aos pés das naves e iniciouse antes da chegada do mestre Mateo que a remodelou. Está presidida e centralizada por un piar ao que se lle uniron oito columnas e no que se apoian os arcos do deambulatorio, no centro do cal se abre unha capela rectangular, e as cruzarías das bóvedas. Diante do piar desenvólvese unha nave transversal con catro tramos, como se fose un cruceiro, cubertos con bóvedas de cruzaría. A portada de acceso á cripta modificouse ao construírse a escalinata do Obradoiro. A cripta salvou o desnivel existente entre as naves da catedral e o que hoxe é a praza do Obradoiro e serviu de apoio ao Pórtico da Gloria, construído enriba dela polo mestre Mateo e rematado en 1118 segundo unha inscrición do lintel. A súa construción supuxo a ampliación da cripta e a cubrición con bóvedas nervadas. O pórtico substituíu a orixinaria dobre porta de acceso e estivo aberto ata o s XVI, cando se construíron as portas que pechaban a catedral. Coa construción da fachada do Obradoiro reduciuse o seu tamaño. Estilisticamente supón a transición da plástica románica á gótica. No pé do parteluz central e mirando cara ao altar maior, atópase a estatua do mestre Mateo axeonllado e en actitude orante, coñecida popularmente como o santo dos croques.
O claustro e a sancristía
O primeiro claustro construíuse no s XIII baixo a iniciativa do arcebispo Xoán Arias (1238-1266) e atopábase a un nivel máis baixo ca o actual. En 1505 decidiuse a súa substitución por outro que se encargou a Juan de Álava. Traballaron nel Xácome Fernández, Gil de Hontañón e Juan de Herrera. Ten un só piso con arcos de medio punto e bóvedas de cruzaría. O friso que percorre as súas paredes está decorado con motivos funerarios, pois o claustro acolle diversas sepulturas. Nun ángulo do claustro atópase a capela da Alba, trazada tamén por Juan de Álava. Na porta de acceso ao claustro trátase o tema da Anunciación no corpo central, co Pai Eterno no frontón e baixo este o escudo dos Fonseca. É obra de Juan de Álava que trazou tamén a porta da sancristía que acolle en dúas fornelas a santo Ildefonso e Santiago Peregrino, o escudo dos Fonseca no friso e novamente Santiago Peregrino no frontón. A sancristía ten dúas partes: a antesancristía de planta rectangular e a sancristía propiamente dita de planta cadrada, cubertas ambas as dúas con bóvedas de cruzaría.
O coro
Cara a 1200 o mestre Mateo realizou un coro pétreo, que ocupaba catro tramos da nave central, formado polo cadeirado e polo leedoiro ou tribuna desde onde se realizaban as lecturas, que se prolongaba por riba dos doseletes do cadeirado. Baixo del creáronse capelas no s XIV. Na cabeceira había unha porta que daba acceso a un corredor central. Nos muros laterais había torreóns e arcos de medio punto que acollían as figuras dos profetas, no muro N, e as dos evanxelistas e os apóstolos no S. No trascoro, o muro O, atopábanse a Epifanía e personaxes bíblicos. O coro sufriu moitas transformacións ata que en 1599 o arcebispo Juan de Sanclemente encargou a construción dun novo e derrubouse en 1603. Moitas das súas figuras reutilizáronse noutras zonas da catedral como a Porta Santa ou a escalinata do Obradoiro. O novo coro ocupaba tres tramos da nave central e era de madeira. Realizado por Juan Davila e Gregorio Español, rematouse en 1606. No cadeirado lato represéntase, en figuras de corpo enteiro, ao Salvador rodeado de santos e personaxes bíblicos, e no baixo, con figuras de medio corpo, a santos. No friso atópanse santos, personaxes bíblicos e diversas escenas relixiosas. Desmontouse en 1943 e posteriormente instalouse definitivamente no mosteiro de Sobrado dos Monxes.
As fachadas
A catedral románica contaba coas portas norte, a porta do Paraíso ou Francíxena, que non se conserva pois no s XVIII construíuse a fachada da Acibechería; a porta oeste, onde se fixo o Pórtico da Gloria e despois a fachada do Obradoiro; e a porta sur, Praterías, que se conserva aínda que ten alterada a súa organización primitiva despois do incendio de 1117. Na antiga porta do Paraíso, por onde entraban os peregrinos procedentes do Camiño Francés, comezaba o programa iconográfico que continuaba polas outras fachadas. No friso, sobre a porta, atopábase a imaxe de Cristo en maxestade rodeado polos catro evanxelistas, á súa dereita representábase o Paraíso e a súa esquerda a expulsión do mesmo. O conxunto completábase con outros relevos, coa Anunciación no tímpano esquerdo e coas imaxes dos apóstolos Pedro, Pablo, Santiago e Xoán nas xambas. Algunhas das imaxes desta porta como o Pantocrátor ou a Expulsión do Paraíso consérvanse en Praterías. Esta fachada foi substituído no s XVIII pola fachada da Acibechería iniciada por Lucas Ferro Caaveiro e Clemente Fernández Sarela. O proxecto modificouse despois da supervisión da obra do académico Ventura Rodríguez, que lle imprimiu o gusto neoclásico. As obras rematounas Domingo Lois Monteagudo. Organízase verticalmente en tres corpos. Os dous primeiros organízanse en tres rúas, a central de maior anchura e en que se atopan as portas de acceso, organizadas con ventás. Sobre a rúa central eríxese o terceiro corpo cun frontón curvo e partido. O brazo sur do cruceiro péchase coa portada de Praterías, na que traballaron o mestre Estevo, o denominado mestre das Praterías, identificado con reservas con Estevo, o mestre da Traizón e o mestre do Cordeiro. A iconografía xira ao redor do tema da redención. No tímpano dereito atópanse diversas escenas da Paixón e a curación do cego e sobre eles a Virxe co Neno, os tres Reis e o anxo. No tímpano esquerdo represéntanse as tentacións de Xesús e a imaxe da muller adúltera. No friso que se alza sobre as portas atópanse diversas imaxes como Abrahán, o Salvador bendecindo, a Virxe dándolle peito ao Neno, Santiago, Moisés e outras escenas. Nos muros laterais atópanse, no lado dereito, o Pantocrátor e a creación de Eva, e no esquerdo, outro Pantocrátor, a creación de Adán e o Rei David. A fachada do Tesouro, que se abre á praza de Praterías, foi obra de Gil de Hontañón. Organizouse en tres corpos: no inferior ábrense diversas tendas de prateiros, o intermedio é un corpo macizo con ventás rematadas en frontóns triangulares e o terceiro está formado por unha arcada semicircular. O conxunto remata nun coroamento. Na esquina conta cunha torre piramidal. Na intersección entre as fachadas de Praterías e do Tesouro atópase a denominada cuncha das Praterías, realizada por Simón Rodríguez. A torre do Reloxo atópase na confluencia das prazas de Praterías e Quintana. Realizouna Domingos de Andrade que engadiu ao corpo medieval da torre que mandara construír Berenguel de Landoira, dous corpos, o segundo cúbico e o terceiro octogonal e cun pequeno templo coroado por unha cúpula. A fachada do Obradoiro pecha a catedral polo oeste. A súa construción ocultou o pórtico da Gloria, que quedou detrás, e a cripta, que quedou debaixo. Trátase dun gran pano barroco realizado por Fernando de Casas entre 1738 e 1750. O esquema xeral deriva dos arcos de triunfo romano. O gran retablo central está flanqueado por dúas torres, a das Campás, á dereita, e a da Carraca, á esquerda. A torre das Campás iniciouse ao redor de 1670 seguindo esquemas de Vega y Verdugo e ramatouna Fernando de Casas que realizou a torre da Carraca. A monumentalidade da fachada márcase polo emprego de columnas exentas, os efectos de transparencia e a escenografía baséanse nunha profusa decoración. Ademais conseguiu iluminar o interior co emprego de vans acristalados. A fachada remata coa imaxe de Santiago Peregrino. A escalinata realizouna Ginés Martínez (1594-1600) sobre unha anterior. Á dereita do Obradoiro atópase a fachada que pecha o claustro e as dependencias do museo catedralicio. Dos seus tres corpos, destaca o superior cun corredor amodo de solaina. Á beira esquerda atópase a fachada do pazo de Xelmírez. Polo leste a catedral ábrese á praza da Quintana, onde se atopa a Porta Santa ou do Perdón, aberta só nos anos santos. Realizouna José de la Peña del Toro. No corpo inferior a porta está flanqueada por dous frisos verticais decorados con imaxes procedentes do coro do mestre Mateo. No corpo superior, ábrense tres fornelas: a central, de maior altura, acolle a imaxe de Santiago Peregrino e as laterais, as dos seus discípulos santo Atanasio e san Teodoro. O interior da porta é románica e é a única que se conserva das catro portas que se contruíron no s XI na ábsida. En 2004 fíxose unha nova porta de bronce que substituíu a antiga folla de piñeiro, obra de Suso León. Na cara exterior labráronse a Xesús, Santiago e os peregrinos máis famosos que acudiron a Compostela e na interior seis escenas da vida do apóstolo. O Pórtico Real da Quintana é obra de Domingos de Andrade sobre unha traza de Peña de Toro e destaca pola súa horizontalidade. Declarada BIC en 1896, as obras de rehabilitación realizadas entre 1997 e 1999 recibiron o Premio Europa Nostra en 2001.