Santo Estevo, mosteiro de

Santo Estevo, mosteiro de

Antigo mosteiro situado na illa do Faro ou do Norte, no arquipélago das Illas Cíes. A súa orixe remóntase á doazón da illa que Afonso VII fixo ao mosteiro de San Salvador de Celanova (1152), que á súa vez deixou o privilexio do couto sobre ela ao mosteiro de San Salvador de Coruxo. Tras a reforma beneditina, San Salvador de Celanova cedeuno (1378) ao bispado de Tui, e despois adheriuse á regra franciscana. Debeu sufrir os ataques dos piratas ingleses na metade do s XVI, feito que propiciou a súa decadencia e ruína. O edificio conventual conservado, de planta rectangular e con dúas alturas, debeuse erixir durante a segunda metade do s XVIII e posteriormente recuperouse para converterse no Centro de Interpretación dentro do Parque Natural das Illas Cíes. En 1992 atopáronse no seu contorno restos dunha necrópole medieval.