Santos Simões, Joaquim António
Dinamizador cultural. Licenciado en Matemáticas e Enxeñaría Xeográfica pola Universidade de Coimbra (1951), participou nos movementos reivindicativos dos estudantes e en diversas actividades académicas como o Teatro de Estudantes. En 1946 tivo un papel activo no Movimento de Unidade Democrática Juvenil. En 1957 trasladouse a Guimarães para dar clases de matemáticas na Escola Industrial e Comercial onde promoveu a creación de diversas asociacións culturais como o Cineclube de Guimarães, o Teatro de Ensaio Raul Brandão, a editorial O Povo de Guimarães ou o Cercigui. A partir de 1963 militou na oposición democrática de Braga. En 1986 foi nomeado membro do senado da Universidade do Minho e, desde 1990, presidiu a Sociedade Martins Sarmento. Debido á súa orientación política de esquerda, foi detido en 1968 e afastado da función pública ata despois da Revolução dos Cravos. Participou na creación do Partido Movimento Democrático Português, integrando os órganos directivos nacionais e foi un dos responsables do mesmo en Braga e Guimarães. Mantivo unha estreita relación con Galicia e con intelectuais antifranquistas, froito do que naceron os Jogos Florais Minho-Galaicos organizados pola sociedade Convivio. Colaborou en diversos volumes colectivos de tema galego como Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallega (1974) e Presencia de Rosalía: homenaxe no noventa cabodano do seu pasamento (1975), e publicou Braga. Grito de liberdade. História possível de meio século de resistência (1999) e Sete anos de luta contra o fascismo. Academia de Coimbra 1944-1951 (2002).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Espinhal, Penela, Coimbra -
Deceso
Lugar : Guimarães