São Paulo
Estado de Brasil, situado na rexión Sueste (248.809 km2; 37.032.403 h [2000]). A súa capital é São Paulo. Pertence á rexión fisiográfica do escudo brasileiro, que se pode dividir en dúas rexións naturais. A rexión litoral é unha estreita franxa entre a costa e as serras do Paranapiacaba, do Mar e da Mantiqueira. A rexión interior é un altiplano composto por materiais paleozoicos, inclinado suavemente cara ao río Paraná. Os ríos do interior pertencen á conca do Paraná (Tietê, Grande e Paranapanema) agás o Paraíba do Sul, que desemboca no Atlántico. Os ríos do litoral, o máis importante o Iguape, desembocan no Atlántico. O clima é tropical. A economía baséase na monocultura e a exportación do café. É o primeiro estado industrial de Brasil con industrias téxtiles, mecánicas, siderúrxicas, de papel e tabaco. A capitanía portuguesa de São Vicente proporcionou os primeiros núcleos coloniais da zona; en 1709 chegou a ser capitanía xeral. Cara a 1870 o cultivo do café provocou unha vertixinosa expansión económica e demográfica ata a crise de 1929. Converteuse estado en 1889.