sapo
-
[ANIMAL]
-
s
m
Anfibio anuro na súa etapa de posmetamorfose, coas extremidades posteriores moito máis longas ca as anteriores, aínda que non tanto como nas ras, e tampouco están tan adaptados para o salto coma nestas. A pel é caracteristicamente rugosa, con espullas e de aspecto seco ou moito menos húmido ca no caso dunha ra. A ligazón á auga é moito menor ca nas ras, acudindo os adultos aos cursos de auga ou charcas soamente para reproducirse. Na época reprodutora os machos croan incansablemente, grazas aos sacos vocais membranosos que se sitúan na gorxa, para atraer as femias. A fecundación é externa, cando unha femia se achega ao macho este agárraa polas axilas e fecunda os ovos a medida que a femia realiza a posta, que se realiza na auga, e os ovos rodéanse dunha masa xelatinosa. Os cágados, que nacen sen patas e con branquias internas, pasan na auga por distintos estadíos ata completar a metamorfose, momento no que son idénticos aos adultos pero de menor tamaño. Aínda que os cágados son xeralmente detritívoros, os adultos aliméntanse de artrópodos aos que localizan pola vista. En Galicia habitan dúas especies do xénero Bufo (sapo común ou cunqueiro e o sapo corriqueiro), unha do xénero Pelobates (sapo de esporóns), unha do xénero Discoglossus (sapo raxado) e unha do xénero Alytes (sapo comadrón ou troiteiro).
-
sapo comadrón [port: sapo-parteiro-comun; cast: sapo partero común; ingl: midwife toad] [Alytes obstetricans, Fam dos dicoglósidos]
Sapo pequeno tamaño coa pupila vertical, pequenas parótidas con forma de ril, e pel con pequenas espullas. Presenta unha cor parda ou agrisada apintarada de pequenas manchas verdosas ou agrisadas, ás veces vermellas. É de costumes nocturnos e o celo vai desde febreiro a xuño, cando é común escoitar o seu canto similar ao tintinar dunha campaíña. As femias poñen entre 50 e 150 ovos que os machos, facendo honor ao seu nome, cargan entre as patas traseiras ata o momento da eclosión, cando deixan as larvas nalgunha poza que non seque polo verán. As larvas poden acadar gran tamaño antes de sufrir a metamorfose. É común no N da Península Ibérica é máis escaso no centro. En Galicia é común en todo tipo de hábitats, podendo acadar os 1.600 m de altitude.
-
sapo común/cunqueiro [port: sapo-comun; cast: sapo común; ingl: common toad] [Bufo bufo, Fam dos bufónidos]
Sapo de cor moi variable, do gris a pardo alaranxado, aínda que a máis frecuente é a cor parda agrisada cun deseño irregular pardo escuro. Os individuos máis novos teñen a miúdo as parótides rubias sobre fondo escuro. As femias son maiores ca os machos, e acadando os 18 cm, mentres que estes só chegan aos 11,2 cm. Presentan unha pel con moitas espullas e na cabeza destacan as grandes glándulas parótides oblicuas entre si e os ollos de cor laranxa. Vive en gran variedade de hábitats, desde fragas e prados a zonas agrícolas ou espazos degradados. Aliméntase de toda clase de pequenos animais, e é depredado pola víbora de Seoane, cobras de auga, aves de presa, londras, ourizos ou armiños. É de hábitos nocturnos, e comenza o celo arredor de marzo e sobre todo a finais da primavera (maio). Os ovos aparecen en cordóns xelatinosos e as larvas son totalmente negras e sempre pequenas. Distribúese por toda a Península Ibérica e por toda Galicia desde a beira do mar ata os 1.600 m en Pena Trevinca ou os 1.900 m na Serra dos Ancares. É a especie de sapo mais común, estendida e grande das que se atopan en Galicia e na Península Ibérica.
-
sapo corriqueiro [port: sapo-corredor; cast: sapo corredor; ingl: natterjack] [Bufo calamita, Fam dos bufónidos]
Sapo máis pequeno ca o anterior, e cun aspecto moi similar, aínda que con deseños dorsais que poden ser tamén verde pardentos, espullas manchadas de encarnado e negro, unha liña vertebral clara ou amarelenta e pupilas de cor amarela verdosa. Caracterízase porque, ao contrario ca os outros sapos, en vez de desprazarse a pequenos saltos cando se ve apurado, esta especie faino mediante rápidas carreiras. Atópase en todo tipo de hábitats e é común de zonas con precipitacións impredicibles, xa que se caracteriza por facer a posta en todo tipo de augas, entre elas, en pozas temporais. Aliméntase de toda clase de pequenos animais e é depredado pola víbora de Seoane, cobras de auga, aves de presa, londras, ourizos ou armiños. Distribúese por toda a Península Ibérica e por toda Galicia desde a beira do mar ata os 1.600 m en Pena Trevinca ou os 1.900 m na Serra dos Ancares.
-
sapo de esporóns [port: sapo-de-unha-negra; cast: sapo de espuelas; ingl: western spadefoot] [Pelobates cultripes, Fam dos pelobátidos]
Sapo de tamaño medio, sen glándulas parótides e con ollos grandes e con pupila vertical. É de cor cincenta ou parda clara moteada de negro e caracterízase por ter un esporón ou unlla córnea nas patas traseiras que lle dá nome e que usa para enterrarse no substrato rapidamente. Habita en zonas relativamente secas e con substratos areosos, coincidindo sobre todo con viñedos. Reprodúcese de decembro a abril, variando dun ano para outro en función da temperatura media e das chuvias intensas. En Galicia atópase soamente nas Rías Baixas, chegando ata Carnota e Corrubedo, e en certas comarcas do interior como Verín, Monforte ou a Limia. Nesta última é probable que desaparecese pola introdución de cangrexos de río, pero é escaso en toda Galicia.
-
sapo raxado [port: discogloso; cast: sapillo pintojo ibérico; ingl: painted frog] [Discoglosus galganoi, Fam dos discoglósidos]
Sapo que se caracteriza por ter aspecto de ra, unha pel lisa sen espullas nin glándulas parótides e ser de cor cinsenta con manchas pardas e a miúdo con deseños raiados. Está, ao igual ca as ras, moi ligado á auga, aparecendo sempre nas proximidades desta, en prados, zonas herbáceas e marismas. Pode tolerar augas con materia orgánica, o que lle permite aparecer en zonas suburbanas. Activo durante todo o ano, aliméntase de toda clase de pequenos insectos e é depredado pola víbora de Seoane, cobras de auga, aves de presa, londras, ourizos e algarias. Mostra preferencia por pequenas pozas temporais para reproducirse. Distribúese pola metade occidental da Península Ibérica e por toda Galicia, onde é bastante común, aínda que se comporta aquí como unha especie algo termófila, e evitando as serras (non pasa dos 1.000 m na Serra dos Ancares).
-
s
m
-
s
m
[MIT]
Animal rodeado de misterio, crenzas e supersticións de todo tipo ao crerse que é unha das criaturas nas que o demo toma forma. Está considerado velenoso e pezoñento, ao servizo de bruxas e meigas, e forma parte de infinidade de beberaxes e fórmulas maxicas. Causan o aire de sapo ou goxo, e para evitalo as mulleres colgábanos do pescozo metidos nun saquiño, o que deu como orixe o colgante con este nome. Anuncian treboadas coa súa presenza e co seu croar, e dise que lle cambiou á toupa o rabo polos ollos.
-
s
m
[INDUM]
Adorno tradicional do traxe feminino galego. Trátase dun broche de dimensións variables composto por dúas ou tres pezas unidas entre si. Na parte superior vai a peza de maior tamaño e debaixo as seguintes en orde descendente. Adoita facerse cunha filigrana moi coidada e os principais materiais na súa elaboración son o acibeche, a prata e o ouro. Préndese á altura do peito e vai acompañado dunhas cadeas de ouro ou prata arredor do pescozo. Forma parte das xoias que usan as mulleres no traxe tradicional de gala de toda Galicia.
Refráns
- Monte de sapo, pan no saco e no papo.