Sar, comarca do
Comarca situada no SO da provincia da Coruña e no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita polo N coa comarca de Santiago (Brión), polo S coa comarca pontevedresa de Caldas (Pontecesures e Valga) e co esteiro do Ulla, polo L, novamente coa comarca de Santiago (Teo) e polo O coas comarcas de Barbanza (Rianxo) e Noia (Lousame). Abrangue unha superficie de 177,3 km2, en que acolle unha poboación de 17.168 h (2001) distribuída nos concellos de Dodro (36,1 km2; 3.210 h), Padrón (48,4 km2; 8.841 h) e Rois (92,8 km2; 5.117 h). Padrón mantén o seu carácter de centro comercial e administrativo de irradiación comarcal. Os tres concellos comparten os servizos públicos máis especializados e tamén os fluxos socioeconómicos con Santiago de Compostela debido á súa proximidade a capital galega.
Xeografía física
Desde o punto de vista xeomorfolóxico, a comarca do Sar enclávase no val homónimo, configurado a partir da Depresión Meridiana. Este conxunto estrutural está composto por un val de superficie chaira, formado a partir dunha fractura, aproveitada pola rede fluvial para logo comporse de sedimentos terciarios e cuaternarios. Nos concellos de Padrón e Rois a Dorsal Occidental Galega acada unha anchura de 3 km. Diferéncianse ademais outras tres unidades. A desembocadura do Ulla forma unha chaira máis ou menos ampla no concello de Dodro, onde o río se comeza a abrir cara ao mar a través de espazos de marisma. No sector occidental da comarca érguense as primeiras elevacións que dan paso á serra do Barbanza. Son cumios non demasiado elevados (400-500 m), labrados en rocha granítica e moi suavizados pola erosión. No sector oriental, cara ao concello de Teo, eríxense os restos de antigas superficies de erosión, elevadas a dous niveis, a 300 e 400 m. Climaticamente, trátase dun espazo oceánico hiperhúmido, con valores térmicos moi suaves en xeral, sen temperaturas extremas considerables, e precipitacións abundantes. Así, a temperatura media anual sitúase arredor dos 14°C, con invernos moi suaves (10°C), veráns non demasiado calorosos (18-19°C) e unha oscilación moi pouco marcada (8-9°C). As xeadas son apenas inexistentes na área máis baixa e moi pouco frecuentes nas zonas máis elevadas, mentres que as precipitacións son elevadas (1.400-1.500 mm) como consecuencia da exposición directa á entrada das borrascas occidentais. Existen microclimas particulares que elevan as temperaturas ata case 15°C de media na parte SL e veráns un tanto máis calorosos con 20,5°C. A rede fluvial está formada polos cursos do Ulla, no seu tramo final, ao S da comarca, con dirección L-O, e o Sar, que discorre de N a S pola Depresión Meridiana e desemboca no Ulla en Padrón.
Xeografía humana
A evolución demográfica do Sar mostra unha alternancia entre etapas de crecemento xeneralizado e outras de descenso do número de efectivos demográficos. En 1901 a comarca tiña 16.387 h. Ata 1930 viuse afectada levemente pola emigración a América e desde entón, e ata 1950, o crecemento foi considerable, tanto polo freo da emigración como polas altas taxas de natalidade. A partir de 1950, a tendencia inverteuse e a poboación comezou a descender como consecuencia da emigración cara á cidade de Santiago de Compostela. De novo, en 1970, a poboación comezou a medrar, xa que a zona de Padrón se converteu nunha área de expansión industrial e terciaria, ademais de ser un espazo cunha agricultura moi dinámica. En 1981 acadou o seu máximo demográfico con 19.073 h. Desde entón, o avellentamento da poboación e o freo dos movementos migratorios provocaron o estancamento e o descenso dos efectivos. A expansión industrial compostelá non foi efectiva neste espazo, aínda que se produciron movementos pendulares diarios. A estrutura da poboación mostra un avellentamento: os menores de 20 anos supoñen o 17,6% da poboación, mentres que os maiores de 65 son o 11%. A taxa xeral de natalidade é baixa (6,1‰), mentres que a natalidade medra anualmente (9,9‰), cun crecemento vexetativo negativo (-3,8‰). A poboación está distribuída arredor das principais vías de comunicación. A principal entidade de poboación é Padrón, seguida, xa de lonxe, doutras entidades menores.
Xeografía económica
A diversificación económica da comarca do Sar, a proximidade a Santiago de Compostela e a súa situación estratéxica dentro do eixe atlántico, fan que sexa unha das máis dinámicas do occidente galego. O sector primario ocupa tan só un 10,3% da poboación activa que se dedican, grazas á fertilidade edáfica e á benignidade climática, a unha agricultura intensiva baseada nos cultivos de horta (hortalizas en invernadoiro ou ao aire libre como leituga, tomate, pataca e o pemento de Padrón) e ao viñedo. As parroquias padronesas de Carcacía, Iria Flavia e Herbón están incluídas na Denominación de Orixe Rías Baixas, na subzona Ribeira do Ulla, mentres que os concellos de Rois e Dodro están baixo a Denominación Específica Orujo de Galicia. O gando bovino ten orientación láctea en Rois. O sector secundario dá traballo ao 43% da poboación activa. Padrón concentra as actividades fabrís, sobre todo ao longo da N-550 e no polígono industrial da Picaraña. Destacan as industrias agroalimentaria, a transformación da madeira, carpintaría e transformación de aluminio, así como as do coiro e da pel. A primacía do sector servizos, que ocupa ao 46,7% dos activos, débese tanto ao comercio como a servizos públicos. O comercio está composto por pequenos negocios familiares modernizados, onde destaca o mercado semanal de Padrón e as distintas feiras. A comarca está estratexicamente situada no eixe atlántico, con tres importantes vías de comunicación, como a autoestrada AP-9, a N-550, a VR-G1-1, ademais do ferrocarril.
Historia
A antigüidade do poboamento da comarca móstrase nos restos arqueolóxicos atopados, dos que destacan o gravado rupestre de Bouza Abdaín en Imo, Liaño (Dodro), un torque de ouro atopado en Oín (Rois) e un conxunto de mámoas situadas en Ermedelo (Rois). As terras de Rois foron poboadas polos amaeos ou amaacos, que deron lugar ao nome de Amaía, comarca natural na que se inclúe o concello. Da época castrexa consérvanse os castros de Traxeito e o de Imo, ambos en Laíño (Dodro), os castros da Rocha (Iria Flavia) e Valente en Padrón e o de Francos en Rois. Na época romana Iria Flavia foi un núcleo urbano destacado e o seu porto un eixe comercial e nó de comunicacións. Na época dos Flavio acadou o rango de municipium, recoñecemento oficial como cidade romana. Na Idade Media Iria foi unha das dioceses galegas e mantivo a súa importancia ata o descubrimento dos restos do apóstolo Santiago e o traslado da sé diocesana a Compostela. Segundo a tradición, a barca que traía os restos do apóstolo atracou no Sar e foi amarrada nun pedrón, conservado na igrexa de Santiago de Padrón. Desde entón o núcleo de Padrón acadou máis importancia. A mitra compostelá gobernou nas terras da comarca desde o s IX ata o s XIX. Durante o Antigo Réxime as parroquia que constitúen os concellos da comarca do Sar integráronse en diversas xurisdicións das que exerceu o señorío o arcebispo de Santiago de Compostela que na xurisdición de Quintá (Padrón) compartía co mosteiro agostiño de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Lestrobe, Laíño, Padrón, Carcacía, Rois ou Erbogo, Sorribas e Aguas Santas. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Daquela formáronse os concellos de Dodró, Padrón e Rois. En Rois instalouse en 1714 a primeira fábrica de papel de Galicia e en 1930 celebrouse no pazo de Hermida en Lestrobe (Dodro) a reunión dos partidos republicanos e galeguistas, o pacto de Lestrobe, que tiña como obxectivos a implantación do réxime republicano democrático en España e a loita pola autonomía de Galicia.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos, destacan as igrexas románicas de Santa María de Leroño e San Miguel de Costa en Rois, e as de Santiago de Padrón (s XII), gótica de orixe románica; Santa María de Herbón (BIC, 1982), románica; e a igrexa de Santa María Iria Flavia, declarada xunto co seu contorno BIC en 1975; todas elas en Padrón. De época barroca destaca o santuario de Santa María da Escravitude (s XVIII). Dos pazos e casas nobres que se conservan na comarca sobresaen os de Laíño ou Tarrío e de Hermida en Dodro; a casa dos Cóengos, sede da Fundación Camilo José Cela e do Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María de Iria Flavia, a casa da Matanza convertida na Casa--Museo de Rosalía de Castro (BIC, 1974) e o pazo de Torre do Monte (BIC, 1994) en Padrón; e os pazos de Antequeira e do Faramello (s XVIII), onde se instalou a fábrica de papel, en Rois. Cómpre destacar tamén o espazo natural da Foz de Ulla en Dodro e o o Xardín da Vila de Padrón (BIC, 1946). Celébranse, entre outras, as festas de san Campio en Dodro, as de Santiaguiño do Monte e a romaría de Nosa Señora da Escravitude en Padrón e as de Santo Isidro en Rois, ademais da Festa do Pemento de Herbón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia (2001).