Sardeña

Sardeña
Nome científico: [sardo: Sardíña, ital: Sardegna]

Illa do Mediterráneo, que forma parte de Italia (24.090 km2; 1.599.511 h [2001]). A súa capital é Cagliari. Situada ao S de Córsega, e separada dela polo estreito de Bonifacio, está a igual distancia de Xénova, Menorca e Marsella. É unha rexión con estatuto especial dentro de Italia e está dividida en catro provincias. Constitúe un fragmento de zócolo herciniano cortado por numerosas fallas. O macizo máis importante é o Gennargentu, que ocupa a maior parte do sector oriental e ten a maior altura da illa (Punta La Marmora, 1.834 m). Ten cultivos de cereais, hortalizas, viña, oliveiras e froiteiras, gandaría ovina e industria de elaboración de queixos. Especialmente coñecida polo desenvolvemento da civilización nuráxica desde o II milenio a C, foi   ocupada polos cartaxineses, conquistada por Roma (238 a C) e invadida polos vándalos (455) e bizantinos (534). Territorio da Coroa de Aragón ata 1714, pasou á casa de Savoia en 1720 e formou, xunto a Piemonte e Niza, o Reino de Sardeña e Piemonte. En 1861 incorporouse ao Reino de Italia.