Sargadelos, Grupo

Sargadelos, Grupo

Conxunto de sociedades e institucións iniciadas en 1948 cando Isaac Díaz Pardo instalou no Castro de Samoedo (Sada) un laboratorio para ensaiar a calidade das terras caolínicas do lugar para a fabricación de porcelana. Ao mesmo tempo estudábase a definición dunha nova empresa para Sargadelos. Neste lugar, a finais do s XVIII, o ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez, en base aos recursos naturais daquela bisbarra, proxectou unha empresa siderúrxico-cerámica que foi un exemplo de planificación adiantada ao seu tempo e que se estuda como unha das primeiras iniciativas do capitalismo industrial en España. En 1809 morre Ibáñez, pero o acertado das súas ideas queda demostrado en que as empresas sobreviviron ata 1875, ano en que pecharon definitivamente. Todas estas ideas e iniciativas foron tomando corpo no Laboratorio de Formas, institución teórica ideada por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo para recuperar a memoria histórica e analizar as raíces da linguaxe das formas. En 1963 o Laboratorio de Formas converteuse nunha sociedade mercantil non--lucrativa, e coa colaboración de Cerámicas do Castro decidiu abandonar as formulacións teóricas e levalas á práctica. Ese mesmo ano creouse Ediciós do Castro, que empezou a publicar libros que recollían o pasado histórico, social e político de Galicia, desde a Idade Media ata a época actual. Algún tempo despois, o proxecto Sargadelos fíxose realidade coa inauguración dunha moderna planta para a fabricación de porcelana e iníciase a recuperación da obra e documentación do Movemento Renovador da arte galega desde Castelao, que deu lugar á creación do Museo Carlos Maside, no Castro de Samoedo. En 1972 creouse o Seminario de Sargadelos, onde se centraliza a investigación técnica e de arte/comunicación, ademais da organización dos Encontros Estivais de Sargadelos. Xestionouse co Ministerio de Educación e Ciencia a protección dos antigos lugares e instalacións, que foron declarados Ben de Interese Cultural. En 1978 creouse no Castro o Laboratorio de Industria e Comunicación que, ademais de albergar unha industria gráfica e unha Escola de Cerámica, conta co Laboratorio Xeolóxico de Laxe por desexo do seu fundador, Isidro Parga Pondal. Nel gárdase a súa obra e a dos seus colaboradores, relacionada coa xeoloxía moderna de Galicia, así como una ampla documentación a disposición dos investigadores e estudosos destas materias. Ese mesmo ano, en colaboración con antigos membros e fundadores do Seminario de Estudos Galegos, aos que se sumaron un grupo de novos investigadores, creouse unha institución que daba continuidade ao vello Seminario e achegaba ideas e conceptos actuais. En 1977 iniciouse o proxecto do Instituto Galego de Información, localizado en Santiago de Compostela, que funciona como un centro onde, ademais de investigar no coñecemento da nosa memoria histórica, se segue estudando para satisfacer as necesidades do grupo e organiza as actividade culturais e divulgativas das Galerías Sargadelos e do Novo Seminario de Estudos Galegos, pois é neste centro onde está a súa secretaría. O Grupo Sargadelos conta con dúas plantas de produción: o Castro (Sada) e Sargadelos (Cervo), dedicadas á fabricación de porcelana de mesa e decorativa, cun total dun millón de pezas ao ano. As técnicas de produción son propias e están amparadas, ás veces, por patentes, algunhas desde 1952. As materias primas son maioritariamente locais e unha das características dos seus produtos é a decoración baixo cuberta por un sistema aerográfico que proxecta a cor sobre as pezas a través de esterxidos. A comercialización faise nun 80% a través de Galerías Sargadelos, propias ou franqueadas, que foron concibidas non só para a venda da cerámica, senón tamén como librarías especializadas no libro galego e portugués e con sala de exposicións de arte e actos culturais. O primeiro establecemento que se montou con estas características foi a Galería de Barcelona (1972) e en 1978 abriuse a de Santiago de Compostela. As 16 Galerías situadas en distintos centros de España e en Milán absorben a meirande parte da produción, informan da cultura galega e son o reflexo das actividades do grupo. A facturación anual das fábricas vén sendo duns doce millóns de euros, dos que unha boa parte se destina a labores de investigación, publicacións e promocións culturais. As súas actividades son autofinanciadas e non recibe subvencións. Pódese dicir que o Grupo Sargadelos funciona con dúas estruturas vinculadas entre si: unha refírese á imaxe que lle proporciona e dirixe o Laboratorio de Formas, e outra son dúas sociedades mercantís que xestionan a produción, comercialización e administración do grupo.

Palabras veciñas

Sarga | Sargadelos | Sargadelos | Sargadelos, Grupo | Sargadelos, marqués de | Sargassum | Sargazo